0 Gardados para despois

A nova dirección do Bloque comeza a camiñar coa mirada posta en Beiras e Aymerich

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


“Comprométome a poñer voz a un discurso no que todos vos poidades recoñecer”. Acabado de elixir como candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera resumía deste xeito a súa vontade ante a Asemblea Nacional da formación nacionalista, na que 2338 militantes lle outorgaron a súa confianza, fronte aos 2043 que preferiron a Carlos Aymerich como cabeza de cartel. Minutos antes de pronunciar estas palabras, a Asemblea tamén decidira que Guillerme Vázquez continuase como portavoz nacional (2.123 votos) e non fose substituído por Xosé Manuel Beiras (1.823 apoios).

O discurso do xa aspirante ao Goberno gaego puña fin a unha cita asemblearia que moitos definiran como “histórica” ou “definitiva” e sobre a que planeaba a sombra da ruptura, se cadra con máis intensidade ca nunca. Jorquera, Beiras e outros moitos dirixentes recoñeceran máis ou menos abertamente a posibilidade dunha creba se a cita celebrada no compostelán mercado gandeiro de Amio non lograba suturar feridas entre as correntes, aglutinadas esencialmente en dous polos: a Alternativa pola Unidade -plataforma auspiciada pola Unión do Povo Galego- e a alianza de Máis Galiza e o Encontro Irmandiño, unidos baixo a denominación Un novo proxecto común, refundación e rexeneración. En liza estaba tamén o Movemento Galego ao Socialismo (MGS), que obtivo 248 na votación ao Consello Nacional e que apoiou á ApU na elección do candidato á presidencia.

As tres visións

O interrogante que quedou despois da xuntanza dos nacionalistas, "a máis numerosa" da historia da organización, e se agora hai "só un BNG", como afirmou Vázquez, ou se o Bloque fica "partido en dous", en verbas de Beiras. Ambas interpretacións chegaban despois de dous días de intenso debate -o sábado sobre as teses políticas, o domingo sobre a composición dos órganos directivos- nas que se palpou a tensión. Malia a celebrarse a porta pechada, as redes sociais e as lenes paredes do mercado gandeiro fixeron porosos uns debates nos que houbo confrontación de ideas, pero tamén aplausos, asubíos e reproches. 

Isto acontecía, por exemplo, nos discursos previos á elección do portavoz nacional, os últimos que as tres correntes lle puideron dirixir á militancia e que pola súa brevidade -dez minutos cada un ben poden ser escolleitos como síntese do acontecido. O primeiro en subir o atril foi un dos referentes do MGS, Rafa Vilar. Ante un auditorio relativamente tensionado, recoñecía o "contributo histórico" de Beiras á fronte nacionalista, pero censuraba o "contraste" do "desgaste social" que, na súa opinión, lle causou o veterano político ao Bloque nos últimos anos.

Beiras: "Viva o BNG de 1982 posto ao día"

Xusto despois tomaba a palabra o propio Beiras. Fiel ao seu estilo malia a atoparse incómodo nos dez minutos asignados pronunciou un discurso que, segundo a quen se lle preguntase, foi "histórico" ou "persoalista", "certeiro" ou "esaxerado". O que fora referente social dos nacionalistas recolleu a luva e reivindicouse: a crítica non pode ser "afogada" e cómpre "restablecer o respecto recíproco" no seo da fronte, insistiu. "Non aspiro a outra cousa, non teño futuro político", proclamou. "Viva o nacionalismo galego e viva o BNG de 1982 posto ao día", concluíu.

Entre os aplausos dos seus e algúns apupos remataba Beiras e comezaba Guillerme Vázquez resumía a súa aposta: "un BNG unido, plural pero unido", con "rigor" e no que prime a "asunción das decisións colectivas". "Estou orgulloso de ser do BNG", remarcou o que sería reelixido líder nacionalista apenas dúas horas despois.

Guillerme aposta por un BNG "plural pero unido"

A ritual sesión de clausura, de novo con maioría de aplausos e tamén algún asubío -para os contrarios de dentro, pero os de algúns tamén para o convidado de Unió Democrática de Catalunya- daba paso a un BNG no que, de novo segundo a quen se lle pregunte, "todo segue igual" ou no que as cousas están un chisco máis claro. En calquera caso, sobre a mesa quedan interrogantes, algúns dos cales comezarán a ser resoltos nas vindeiras semanas.

Xosé Manuel Beiras intervén ante o plenario da Asemblea

Aymerich intervén ante a Asemblea Nacional do Bloque

Vázquez intervén na Asemblea ante membros da nova Executiva, por tras

Membros do Consello Nacional do BNG elixidos na XIII Asemblea

Militantes do BNG votando na XIII Asemblea Nacional da formación

Militantes do BNG votando na XIII Asemblea Nacional da formación

Plenario da primeira xornada da XIII Asemblea Nacional do BNG

Membros do Consello Nacional do BNG, ao inicio da XIII Asemblea da formación

Militantes do BNG recollen acreditacións ao inicio da XIII Asemblea da formación

Canto do himno galego, ao inicio da Asemblea

Un intre dos debates da Asemblea

Militantes do BNG votando na XIII Asemblea Nacional da formación

Militantes do BNG votando na XIII Asemblea Nacional da formación

Votación durante a Asemblea Nacional do BNG

Votación durante a XIII Asemblea Nacional do BNG

Votación durante a Asemblea Nacional do BNG

Jorquera e Lores, tras a elección da nova Executiva

Delegacións convidadas, no acto de clausura

Guillerme Vázquez, tras ser reelixido portavoz nacional do BNG

Jorquera, tras ser elixido candidato á presidencia da Xunta

Beiras pide apoio para ser o novo portavoz nacional do Bloque

Rafa Vilar e Noa Presas piden o apoio da Asemblea para o MGS

XIII Asemblea Nacional do BNG

Do 28 ao 29 de xaneiro case 5.000 militantes do BNG reuníronse nas instalacións do mercado gandeiro de Amio, en Compostela, para renovar as súas teses políticas e os cadros directivos da organización. A Asemblea Nacional renovou a Guillerme Vázquez como portavoz nacional e situou a Francisco Jorquera como candidato á presidencia da Xunta.

Guillerme: "Agora todos somos BNG"

Guillerme Vázquez, acabado de elixir como portavoz nacional do BNG, subliña que a Asemblea Nacional da formación supuxo "un exemplo de democracia" e descarta divisións tras a decisión da militancia.

CC BY-SA BNG

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A integración, en mans da ApU e de Rafa Vilar

Tras a "primeira toma de contacto" celebrada vinte e catro horas despois da Asemblea, o vindeiro luns a Executiva Nacional do BNG reunirase para tomar as primeiras decisións relevantes. Cunha axustadísima composición -sete membros da ApU, sete da alianza de Máis Galiza cos 'irmandiños' e Rafa Vilar, do MGS-, o xogo de maiorías estará esencialmente en mans do MGS, aínda que ese non será o único factor a ter en conta.

Así, por exemplo, as primeiras pontes entre correntes poderían tenderse se algún membro das correntes lideradas por Carlos Aymerich e Xosé Manuel Beiras é designado como secretario ou secretaria de organización ou como responsable da coordinación da Executiva. Esa elección daría, a priori, maior visibilidade e influencia política ás correntes que non lograron vencer na Asemblea e, sobre todo, impediría que puidesen reprocharlle aos membros da Unión do Povo Galego unha intención de capitalizar toda a ponte de mando da fronte.

Do mesmo xeito, unha distribución de postos directivos entre ambas correntes podería servir para arrefríar as eventuais tensións que puidesen xurdir no proceso de elección de membros do Consello Nacional -máximo órgano de decisión entre Asembleas- que agora se inicia nas comarcas.

A portavocía parlamentaria de Aymerich, á disposición da Executiva

Unha das primeiras incertezas que terán que despexar os nacionalistas tras a súa Asemblea é a estrutura do seu grupo parlamentario e, nomeadamente, a portavocía do mesmo, exercida ata o momento por Carlos Aymerich. O feito de que Aymerich non fose quen de lograr a candidatura á presidencia da Xunta, unido a que a súa corrente fose tameń superada pola ApU na elección da portavocía nacional deu lugar a que o propio líder de Máis Galiza abrise a porta a "deixar paso" a outros dirixentes. "Teño outra vida e outra profesión" á marxe da política, resume.

Neste contexto, a Executiva Nacional ten á súa disposición un cargo que, de mantelo, suporía dificultades para Aymerich e para o Bloque de cara á política parlamentaria, especialmente nos cara a cara do nacionalista co presidente da Xunta, nas sesións de control. Non obstante, o mantemento do cargo suporía contradicir parte das teses aprobadas na Asemblea, que vetan as portavocías parlamentarías aos líderes das correntes internas. Así as cousas, todo apunta a un relevo no grupo nacionalista na Cámara e cada vez son máis as miradas que se dirixen cara á ata agora vicevoceira, membro da Executiva e integrante da Alternativa pola Unidade, Ana Pontón.

Á marxe do Parlamento, o outro interrogante ligado a Aymerich ten que ver co seu papel de coordinador xeral de Máis Galiza e ao propio futuro desta corrente. Nunha carta á militancia  do colectivo á que tivo acceso Praza Pública, Aymerich exponlles aos seus a necesidade de "reflexionar colectivamente, con serenidade e sen tomar decisións precipitadas". Este venres o Consello Político Nacional de +G convocará "un proceso aberto de reflexión" que desembocará nunha Asemblea Nacional. Nese cónclave "seguiráse a afondar na construción" do seu "proxecto político para Galiza", conclúe.

"Reflexión seria sobre que camiño tomar"

Un "desarme" de quen converteu o ambiente do BNG en "irrespirable". É o resumo que o líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, realiza do que cómpre tras unha Asemblea Nacional que, subliña esta corrente, rematou cun "empate técnico". Ao remate da primeira xuntanza da nova Executiva, o histórico nacionalista subliñaba que a presenza dos 'irmandiños' nese primeiro encontro é dabondo para explicitar que están "dentro" da fronte.

Non obstante, non todas as decisións están tomadas aínda. Como Máis Galiza, os 'irmandiños' prevén celebrar unha asemblea nacional para "facer unha avaliación do resultado". O primeiro diagnóstico da situación chegará este mesmo xoves, nunha reunión da coordinadora nacional que pretende "facilitar a toma de decisión que a nosa base militante considere pertinentes", detallan. Trátase de "reflexionar que camiño tomar" dentro do BNG, cando menos polo momento.