A pelota estaba no tellado do PSdeG e guindouna cara ao PP, onde rebotou para volver ao seu punto de orixe. Ao longo da semana os socialistas galegos tentaron apagar o primeiro incendio da lexislatura, a distribución dos postos da Mesa do Parlamento entre os grupos, tentando implicar nel ao partido maioritario que, como era de agardar, non accedeu a unhas pretensións que na Cámara galega son vistas como próximas á política ficción. O PSdeG está na tesitura de ceder ou non a AGE un dos dous postos que, coa aritmética na man, lle corresponden no órgano reitor do lexislativo galego e apostou por que o PP renunciase á súa maioría, ocupando só dúas das cinco cadeiras para que así entrase o grupo de Beiras e tamén o BNG. O PP, como era de agardar, non o fará.
Foi o propio Alberto Núñez Feijóo quen este xoves ratificou o que todos agardaban. "Os cidadáns xa elixiron cal vai ser o grupo que vai ter a maioría" e, polo tanto, "cal é a maioría nos órganos" do Parlamento. Polo tanto, evidencia, o PP sentará nos tres postos que lle corresponden -Presidencia, para Pilar Rojo, Vicepresidencia primeira, para Miguel Santalices, e Secretaría, para José Manuel Balseiro- e "votará a favor de calquera proposta da oposición" sobre "como quere estar representada en relación cos seus representantes", isto é, nos dous postos restantes. Polo tanto, queda nas mans do PSdeG, que este xoves reúne a súa Executiva para tomar a decisión, abrir a porta ou non á presenza dun terceiro grupo na Mesa -na pasada lexislatura cedeulle un posto ao BNG-.
A decisión queda nas mans do PSdeG, que reúne este xoves a súa Executiva
Os populares opóñense a ceder a maioría pero tamén á alternativa formulada por AGE, segundo a cal a "pluralidade" da Mesa estaría garantida ampliando o seu número de membros a sete, dos que catro serían para o PP e un para cada grupo da oposición. Aínda que Alternativa xa advertiu de que este cambio non implicaría, en ningún caso, gasto adicional ningún -repartiríase entre sete a asignación económica dos cinco actuais- Feijóo coida que non é "atinado aumentar o número de cargos" porque "os cidadáns nos están pedindo que os reduzamos, non que os ampliemos". Neste contexto, a única opción que o PP contemplaría apoiar é a lanzada polo BNG, encamiñada a que os grupos da oposición poidan estar por "quendas" na Mesa. Pero esta idea non é vista con bos ollos dende AGE e, ademais, precisa como calquera das anteriores o acordo do PSdeG.
Cortexo cívico e convite a persoas afectadas pola crise
A composición da Mesa do Parlamento farase efectiva na sesión de constitución da Cámara, que este venres comezará presidida por Xosé Manuel Beiras -por ser o deputado de máis idade- e rematará con Pilar Rojo de novo nesas funcións, unha vez reelixida como presidenta. A ese pleno os deputados e deputadas de AGE acudirán acompañados por un "cortexo cívico" que, partindo dunha praza próxima ao Pazo do Hórreo, consistirá en que os parlamentarios "irán camiñando acompañados por xente que queira sumarse" xa que, xustifican, "o pobo puxo a AGE no Parlamento e é o pobo quen a leva alí".
AGE e BNG convidan a representantes da cidadanía a participar na xornada de constitución da Cámara
Tamén o BNG apostou por integrar representantes de colectivos sociais nesta xornada. No seu caso, o Bloque confirma que convidou a presenciar a sesión a "unha representación dos distintos sectores máis afectados polas políticas antisociais e de recortes do PP". Así, representantes do sector naval, persoas afectadas polas preferentes, membros de SOS Sanidade Pública ou persoas en sistuación de desemprego "serán protagonistas da sesión" para, explican os nacionalistas, "darlle continuidade ao traballo desenvolvido polos deputados e deputadas do BNG durante os pasados tres anos e medio".