AGE e BNG ficarán fóra da Mesa do Parlamento

Executiva na que o PSdeG tomou a decisión CC-BY-NC-SA PSdeG

O PSdeG remata de desfollar a margarida. A Executiva Nacional dos socialistas decidiu esta tarde enviar á Mesa do Parlamento ás deputadas Marisol Soneira e Concepción Burgo ou, o que é o mesmo, ocupar dous dos cinco postos do órgano reitor da Cámara, deixando fóra a Alternativa Galega de Esquerda e mais ao BNG. Despois de que, durante as últimas lexislaturas, o PSdeG e o Bloque se cedesen mutuamente un asento na Mesa -cando un era segunda forza, dáballe entrada á terceira- a irrupción dun cuarto grupo -terceiro en número de escanos- vén de mudar a dinámica de acordos e, polo tanto, só dous partidos estarán presentes no goberno do Parlamento.

Nos últimos días foron varias as propostas lanzadas dende os grupos e todas tiñan un punto en común: precisaban do visto e prace dos socialistas. O BNG apostou por rotar nun posto da Mesa con AGE, distribuíndo o tempo de permanencia en función dos apoios acadados nas eleccións. Os socialistas, pola súa banda, só vían viable que a Mesa fose "plural" se nela sentaban os catro grupos, invocando para isto a pouco probable hipótese de que o PP accedese a renunciar á súa maioría absoluta. Aínda había unha terceira vía, a formulada por AGE, consistente en que a Mesa pasase a ter sete membros, dos cales catro serían do PP e o resto, un de cada grupo da oposición. O plan do grupo de Beiras tiña que ser aceptado polo PP e isto semella que tampouco acontecerá.

A IX Lexislatura botará a andar con PP e PSdeG no órgano reitor da Cámara

Segundo o secretario de organización do PSdeG, Pablo García, o seu partido "fixo todos os esforzos" para garantir a pluralidade na Mesa e foi o PP quen non "cedeu". Como o PP mantén a maioría absoluta, "o Partido Socialista vai seguir o Regulamento", xustifica, e ocupará dúas prazas e non unha. A formación estaría disposta a "estudar" a ampliación que propón AGE pero isto depende tamén dos populares e "ata agora non deron ningunha mostra" de aceptar, evidencia.

Así as cousas, a IX Lexislatura autonómica botará a andar con PP e PSdeG na Mesa da Cámara, algo que AGE tentou evitar na tarde deste xoves rexistrando formalmente a súa proposta de ampliación, cun escrito remitido por Xosé Manuel Beiras á presidenta, Pilar Rojo. "Coa finalidade de reflectir na Mesa, da mellor forma e na meirande medida posible, a pluralidade dos grupos parlamentares", Beiras reclamaba que a ampliación a sete membros se acordase "previamente ao acto de Constitución, para a súa inmediata execución polo procedemento regulamentariamente pertinente dende que a Cámara fique constituída".

A comunicación e Beiras foi respondida dende o Parlamento con outro escrito, no que a presidenta da Cámara alega "razóns de carácter xurídico" para non "dar trámite á petición formulada por AGE". "A composición da Mesa está establecida polo Regulamento da Cámara e este ten rango de lei", polo que "a súa modificación só pode efectuarse a través do procedemento lexislativo e por un órgano con competencias lexislativas, das que carece a Deputación Permanente", resolve, obviando, non obstante, que AGE reclamou que se faga efectiva a decisión unha vez constituído o pleno, que si ten a devandita competencia lexislativa.

Soneira e Burgo estarán na Mesa polo PSdeG © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.