0 Gardados para despois

"Esforzareime para que todas as sensibilidades teñan espazos de intervención política no BNG"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Francisco Jorquera (Ferrol, 1961) atende a Praza Pública desde Madrid. Acabado de elixir candidato á presidencia da Xunta, o nacionalista compatibiliza a súa nova condición coa de voceiro do Bloque no Congreso dos Deputados, a cal manterá ata que Alberto Núñez Feijóo decida disolver o Parlamento e convocar as eleccións. Inmerso nunha marea de tarefas, Jorquera amósase consciente do axustado dos resultados da Asemblea Nacional á que concorreu como aspirante da Alternativa pola Unidade, a plataforma que auspicia a Unión do Povo Galego. Ao falar da vida interna da formación frontista repite verbas como "colectivo", "colexiado" e "plural" ao tempo que espanta a pantasma que acompañou o BNG ao longo de todo o proceso asemblear e que nalgunhas correntes aínda perdura: a ruptura.

Que sensacións lle deixa a Asemblea Nacional?

O BNG é unha organización dunha calidade democrática extraordinaria. Hai moi poucas organizacións políticas no mundo, non só en Galiza e no Estado, que poidan presumir dun proceso tan aberto e participativo, tanto nas comarcas como na propia Asemblea Nacional. No que noutras é un congreso no BNG participan de maneira directa 4.500. Coa sensación que quedo é con que o BNG ten unha militancia tan implicada na vida orgánica desa organización e tan comprometida co seu futuro que por iso é forte.

E despois da primeira Executiva? Foi o primeiro encontro despois de meses de moita tensión entre correntes...

Temos un modelo organizativo que aparte de ser extraordinariamente democrático e respectuoso coa pluralidade da organización, fomenta a integración para que todos se sintan corresponsábeis. Favorécese que no Consello Nacional estean presentes todas as sensibilidades e tamén na Executiva. Na Executiva deste luns houbo unha primeira toma de contacto. Tratábase de constituír o novo órgano electo e houbo un primeiro contraste de opinións sobre o resultado da Asemblea Nacional. De cara a unha reunión máis formal e extensa no tempo a semana que vén na que xa se  falará de reparto de responsabilidades. Constatouse que todos os membros da Executiva están corresponsabilizados co futuro do BNG.

Está o BNG mellor ou peor que antes de entrar en Amio? Continúa a haber o risco de fractura que se ten recoñecido dende as diversas correntes antes da Asemblea?

"Hai altas e baixas, pero non existe risco de que un continxente numeroso abandone o BNG"

Ninguén no BNG está instalado na disposición de que haxa ningunha fractura. Da Asemblea Nacional quedo con dous datos importantes: un resultado total e absolutamente democrático en canto a definir as liñas políticas e tamén no que afecta ás persoas que teñen que representar ao BNG publicamente. É unha organizacón plural, diversa, que non se pode comprender se se prescinde de algunha das partes que a constitúen, porque son vitais para o futuro do seu proxecto. Ese risco de fractura está neutralizado. Nunha organización no seu devir diario hai persoas que se dan de baixa ou de alta por razóns de diversa índole pero o BNG, pese a que non estea vivindo o seu mellor ciclo electoral ten a cifra máis alta de militantes da súa historia. Se falamos de fractura como contixente numeroso de compañeiros e compañeiras que abandonen o BNG, estou convencido de que é un risco que non existe.

Ser candidato á Xunta semella unha tarefa complexa interna e externamente. Por onde vai comezar?

Cando se convoquen as eleccións producirase o lanzamento da miña candidatura á presidencia da Xunta. Nesa función comprométome a facer efectivo o compromiso que adquirín ante a asemblea: asumir a confianza que depositaron en min con humildade, ao mesmo tempo con pleno sentido da responsabilidade. Trátase dun proxecto colectivo e eu verbalizarei un discurso no que o conxunto do BNG se poida recoñcer, todos os membros do BNG. Ata o domingo eu era a proposta dunha sensibilidade do BNG, a Alternativa pola Unidade. Despois do domingo son o candidato á presidencia da Xunta do conxunto do BNG. Na miña condición de membro da Executiva Nacional e do Consello Nacional procurarei contribuír a que no BNG prevaleza un xeito de entender a nosa organización onde se respecten os acordos democráticos e onde todos comprendamos que somos unha organización diversa, plural, na que conviven distintas sensibilidades. Iso forma parte da propia natureza fundacional do BNG como unha fronte. Farei un esforzo para que todos se sintan cómodos no BNG e teñan amplos espazos de intervención política.

A priori, o rival a bater nesa campaña electoral será o actual presidente da Xunta. Identifica puntos febles nel? 

"Dende o domingo son o candidato de todo o BNG"

O primeiro que é necesario cambiar é a actitude que ten o señor Feijóo a respecto do que representa, exercer a presidencia do Goberno dun país. Para iso é necesario que haxa un cambio político que estea liderado por unha forza como o BNG, que acredita plenamente no autogoberno, en expandilo e en termos amplos espazos de libre decisión. Diferenciaría o Goberno Feijóo en dúas etapas: a primeira desde que gañou as elección autonómicas, na que gobernaba o PP en Galiza e o PSOE no Estado, na que utilizou a Xunta como plataforma de oposición ao Goberno central, inhibíndose de exercer as propias competencias. Exerceu máis coma un comentarista dunha tertulia dun medio de dereitas que coma un presidente da Xunta. Desde as eleccións xerais reduciu o Goberno da Xunta a unhas especie de delegación do Goberno central. O primerio que reclama a sociedade galega é unha actitude esixente e firme ante o Goberno central. Tamén cómpre un cambio na orientación das políticas económicas e sociais. A Xunta actuou máis como un gabinete de liquidación dos cambios do gabinete anterior; aplicando recortes sociais absolutamente inxustos e que son contraproducentes para a recuperación económica.

Aínda que a lexislatura remata en marzo de 2013, conta con ter que facer campaña electoral neste ano?

"Se Feijóo adianta as eleccións admitiría que pon por diante do país os intereses de partido"

Loxicamente, estamos preparados para todos os escenarios. Está moi instalado o rumor de que as eleccións autonómicas poidan celebrarse no outono, o que significaría que o presidente Feijóo opta por disolver anticipadamente o Parlamento. Por que tomaría esa decisión? Un presidente do Goberno disolve cando hai unha situación de ingobernabilidade, por carecer dos apoios suficientes, acabamos de velo en Asturias. Un adianto electoral, tendo en conta que ten maioría absoluta, suporía admitir que sitúa por diante intereses partidarios e non os intereses xerais do país. De producirse,  só se me ocorren dúas razóns: que o señor Feijóo é consciente de que as políticas que xa está aplicando o acual Goberno central van agravar máis a crise e o paro ou que Feijóo parte da base de que o Goberno central vai incumprir con Galiza os compromisos que o propio PPdeG tiña como centrais.

De cara a esa campaña, que vantaxes ten, ao seu xuízo, que o candidato e o portavoz nacional non sexan a mesma persoa?

Esta non é unha fórmula novidosa no estado español. O PSOE, por exemplo, está nun proceso congresual no que van decidir o seu secretario ou secretaria xeral, pero xa teñen anunciado que haberá unhas eleccións primarias no seu momento. O PNV, desde toda a súa historia aposta por un modelo de diferenciar o presidente e o candidato a lehendakari. Na cultura do BNG está moi instalado que as dirección teñen que ser colexiadas, colectivas, e iso hai que compatibilizalo coa asignación de responsabilidades. Ao portavoz compételle atender a vida orgánica do BNG e as facetas de traballo político, esas tarefas teñen que ser obxecto da súa atención básica. Como candidato o que me compete en primeira instancia é presentar a oferta política e programática nas vindeiras eleccións.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.