Coidados paliativos, pero coidados. O Goberno galego adoptou, na súa primeira xuntanza ordinaria da lexislatura, o primeiro acordo concreto para paliar os desafiuzamentos en Galicia. Faino na liña do anunciado polo presidente no seu discurso de investidura, poñendo á disposición das persoas desafiuzadas vivendas de protección pública que agora están baleiras, aínda que este parque inmobiliario, composto por arredor de 500 pisos, semella que non será, nin de lonxe, dabondo para cubrir o crecente número de desaloxos.
Segundo datos do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ), no primeiro semestre de 2012 -último dato dispoñible- producíronse en Galicia 3.037 desafiuzamentos ou, o que é o mesmo, unha media duns 20 ao día. Ademais, no mesmo período formalizaronse nos xulgados 1.320 execucións hipotecarias, isto é, o inicio do procedemento xudicial que pode durar uns dous anos e que, as máis das veces, remata co desafiuzamento. Así as cousas, o plan de realoxamentos deseñado pola Xunta semella que actuará como unha caste de lotaría que, non obstante, solucionará notablemente a situación de quen resulte agraciado ou agradaciada.
Entre xaneiro e xuño producíronse máis de 3.000 desafiuzamentos en Galicia
O Executivo inclúe dous tipos de vivendas no seu programa de realoxamentos: vivendas públicas destinadas á venda que actualmente están deshabitadas e outras incluídas no Plan Aluga, de incentivos ao alugueiro. As primeiras son 150, ás que se sumarán 46 en 2013, cando remate a súa construción. A intención da Xunta é que poidan acceder a elas persoas que perdan a súa casa e teñan o seu domicilio actual en lugares próximos aos pisos propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Se esa proximidade non existe daralles a posibilidade de acceder a un arrendamento a baixo prezo.
Condicións para acceder á axuda e prezos
Para acceder a estas axudas autonómicas a Xunta establece dous requisitos "fundamentais". O primeiro é que a vivenda obxecto de desafiuzamento sexa a "única" coa que contan as persoas propietarias que a van perder. O segundo ten que ver coa renda: só poderán optar ao realoxamento as familias cuxos ingresos "non sexan superiores a 2,5 veces o IPREM (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples)", o coñecido popularmente como "soldo base" e que neste 2012 se sitúa en 532,51 euros ao mes. Así as cousas, o tope de ingresos sitúase nos 1.331,28 euros ao mes.
As familias que xunten estes requisitos pasarán por unha nova peneira, na que terán prioridade "as familias numerosas, as familias monoparentais con fillos ao cargo, as unidades familiares nas que un dos seus membros ou parentes ata terceiro grao cos que convivan teñan declarada discapacidade, situación de dependencia ou enfermidade que o incapacite para realizar unha actividade laboral; unidades familiares nas que o debedor hipotecario se atope en situación de desemprego e unidades familires nas que exista unha vítima da violencia de xénero".
As familias beneficiarias que ingresen menos de 532 euros ao mes non terán que pagar polo realoxamento
Sobre esta base, a Xunta adxudicará as vivendas públicas baleiras "en función dos ingresos económicos dos afectados". Se estes son inferiores ao IPREM, poderán vivir nun piso da Xunta de balde, por un prazo inicial dun ano renovable, como máximo, por un ano máis. No caso de que estes ingresos sexan o resultado de multiplicar o IPREM entre 1 e 2,5, as familias terán que pagar entre 80 e 150 euros, en función "das características da vivenda e dos ingresos da familia".
Asegura Feijóo que este plan vén "reforzar as medidas" que a Xunta "xa adoptou" neste ámbito nos últimos anos, moitas delas incluídas na Lei de Vivenda, como "as vivendas de inserción ou asistenciais" ou a "posibilidade de aprazar ou fraccionar o pagamento das vivendas de promoción pública no caso de imposibilidade acreditada de pagamento", entre outras. Non obstante, o presidente non aclara se, por exemplo, o IGVS paralizará ou procurará alternativas aos desafiuzamentos que ten en marcha ou se produzan no futuro.