0 Gardados para despois

Lingua e identidade: un consenso escachado no nome do "equilibrio"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


13. “Identidade e liberdade. Recuperar os consensos arredor dos nosos símbolos identitarios, moi especialmente no idioma: o galego ten que ser un instrumento de unión, nunca de imposición e debe garantirse a liberdade para escoller lingua en todos os ámbitos”.

Oito de febreiro de 2009. Faltan tres días para que Alberto Núñez Feijóo asine solemnemente o seu Contrato con Galicia e en Santiago xúntanse unhas dúas mil persoas convocadas pola asociación Galicia Bilingüe e vidas tanto dende Galicia como de fóra. Por tras das pancartas, en primeira fila, é posible distinguir á líder de UPyD, Rosa Díez, que daquela aínda tenta explorar o caladoiro do voto nas eleccións autonómicas axitando a bandeira dunha presunta "imposición". Un chisco máis lonxe está boa parte da plana maior do PPdeG. Non está Feijóo, pero si o seu secretario xeral e actual conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda e con el Corina Porro, hoxe presidenta do CES, Carlos Negreira alcalde da Coruña desde 2011 ou Ana Pastor, agora ministra de Fomento. Uns e outros maniféstanse contra o decreto 124/2007 "polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo" e no que se establecía un "mínimo" do 50% das materias escolares impartidas na lingua propia de Galicia.

En plena precampaña o apoio aberto do PP aos pequenos grupos que sempre criticaran a Manuel Fraga pola súa posición a respecto do galego non era casual, tratábase de aglutinar o voto e evitar que un lixeiro derrame de papeletas cara a UPyD puxese en risco a maioría absoluta. Nesta liña, parte da propaganda electoral de Feijóo redactouse só en castelán e o propio aspirante á Xunta asegura "poder dicir sen medo" que "en Galicia temos enriba da mesa un conflito lingüístico sen precedentes, creado dende o propio Goberno".

Novo decreto e protestas masivas

Conseguida a maioría absoluta tocou gobernar e, nos primeiros meses, tanto o presidente da Xunta como o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, baixo cuxa responsabilidade se situara a Secretaría Xeral de Política Lingüística, reiteraban que chegara o tempo da "liberdade", á que se lle incorporara outro termo: "o plurilingüismo". O propio Vázquez e Anxo Lorenzo, filólogo que colaborara co bipartito e defendera en público o decreto do 50%, comandaron xunto ao xefe do Executivo o accidentado proceso de elaboración do decreto, nuns meses ateigados de especulacións nos despachos e de manifestacións nas rúas. Ata en cinco ocasións se encheron as rúas de Santiago, en convocatorias primeiro d'A Mesa pola Normalización e despois da plataforma Queremos Galego, para rexeitar os múltiples avances do decreto, que coqueteaba coa segregación dos alumnos en función da lingua ou coa redución do galego ao 30% das materias. 

O galego quedou vetado nas materias de ciencias

Previo gasto de 109.800 euros en realizar e publicitar unha enquisa entre as familias do alumnado, finalmente o 30 de decembro de 2009, nun inédito Consello da Xunta celebrado contra a tardiña, saían á luz as "bases" do xa chamado "decreto do plurilingüismo". O proceso comezaba nas vacacións de Nadal e remataba nas de Semana Santa. Nunha presentación da que Jesús Vázquez ficou excluído, Feijóo explicaba as liñas mestras dun decreto que, a grandes trazos, deixaba as dúas linguas oficiais nunha aparente igualdade, se ben irían perdendo terreo en favor do inglés. Ademais, malia ao suposto "equilibrio" o galego quedaba vetado nas materias de ciencias e a entrada do criterio das familias en infantil abriu a porta a que parte do alumnado non escoite unha palabra en lingua galega na escola ata os 6 anos.

Despois dun primeiro momento no que mesmo se chegou a amagar con posibles sancións ao profesorado que non aceptase o novo decreto, na comunidade educativa cunde na actualidade a percepción de que a Xunta relaxou moi notablemente o control do cumprimento da normativa lingüística, ao xeito dos gobernos de Fraga. Así as cousas, o punto lingüístico do Contrato queda na gaveta de asuntos por cumprir, dado que, fronte á intención de "recuperar os consensos", tan só o PP defendeu as novas regras de xogo durante estes tres anos despois de rachar, en 2007, o acordo acadado con PSdeG e BNG sobre o galego no ensino unhas poucas horas antes de ser oficialmente pechado. Enfrente estiveron non só os grupos da oposición, senón tamén os sindicatos educativos e de clase e institucións como o Consello da Cultura ou a Real Academia Galega.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Unha pita para "normalizar" e "despolitizar"

Unha das primeiras decisións do Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo foi pór fin ao proxecto das Galescolas, iniciado polo bipartito. Segundo o daquela novo presidente cumpría "normalizar" estas escolas e rematar co "adoutrinamento" que, segundo os conservadores, supuña que o ensino infantil se impartise maioritariamente en galego. Estas foron as razóns reiteradas cando, no verán de 2009, os conselleiros de Benestar e Educación, Beatriz Mato e Jesús Vázquez, concretaban a desaparición das Galescolas. Dende ese momento unha galiña azul "despolitizada" substituiría o vello logotipo dunha casa sorrinte adornada cunha bandeira galega. Ademais, anunciaban, a xestión dos centros pasaría ao departamento educativo da Xunta.

Fronte a esa declaración de intencións, manifestada polo propio Vázquez nos meses seguintes, o traspaso das escolas a Educación é polo momento un plan irrealizado con poucas posibilidades de culminarse. Non en van, na cúpula da Xunta -a comezar pola propia Presidencia- apóstase agora por que as Galiñas Azuis teñan un cometido esencialmente asistencial e non educativo. Deste xeito, semella que a única influencia de Educación no funcionamento destes centros será a que poida exercer o representante que esta consellería terá na futura Axencia Galega de Servizos Sociais.

Neste contexto, a transformación das Galescolas en Galiñas Azuis revélase como unha operación esencialmente estética que supuxo, segundo recoñeceu no Parlamento o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, un desembolso de 40.000 euros para mudar rótulos e simboloxía diversa. A este gasto engádense agora os catro millóns que o Consorcio xa reservou para a privatización da xestión de cinco destas escolas.

Asfixia económica para os partidos nos que a Xunta viu un "circo identitario"

"Un circo identitario" con "nulo valor deportivo". Son as cualificacións que, dende o PP e dende a Xunta, respectivamente, se dedicaron aos partidos amigables da seleccións galegas nos primeiros meses do novo Goberno. Estas duras críticas viñan preparar o que no outono de 2009 se confirmaría como a fin dos partidos das seleccións galegas co apoio do Goberno, especialmente dos máis significativos, os que viñan disputando os combinados absolutos de fútbol a finais de decembro dende 2005.

Nesta liña, apenas cinco meses despois de chegar ao Goberno, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, empregaba as preguntas do BNG no Parlamento para deixar a pelota no tellado da Federación Galega de Fútbol, xa que "son as federacións as que ostentan a competencia para a organización das seleccións deportivas". Con todo, pouco despois dende o organismo federativo aclarábase que a Xunta os deixara sós na procura de patrocinios para os encontros, o que convertía o proxecto en practicamente inviable. Neses mesmos meses, o Executivo autonómico obviou tamén os ofrecementos do Concello de Vigo para organizar os encontros e tamén o esforzo dun dos seleccionadores, Fernando Vázquez, por manter a Irmandiña.

Con estes impedimentos oficiais, nos últimos anos o colectivo Siareiros Galegos veu tentando manter o espírito da selección galega a través da organización de partidos amigables con xogadores e xogadoras tanto profesionais como afeccionados, se ben a carencia de recursos fixo que os eventos organizados non acadasen a difusión da etapa na que os partidos tiveron apoio da Xunta.