AGE reclama a retirada da Medalla Castelao a Méndez e Gayoso

Beiras e Díaz, nun acto electoral de AGE CC-BY-SA AGE

"As Medallas non deben sufrir a deshonra de seren entregadas a persoas que defraudaron a confianza depositada nelas e causaron moi grave prexuízos á nosa sociedade". É a razón que, a xuízo de Alternativa Galega de Esquerda, debe levar a Xunta a retirarlles as Medallas Castelao a José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso, os que foran máximos responsables das antigas Caixa Galicia e Caixanova, condecorados polo goberno de Manuel Fraga en 1999 e 2002, respectivamente.

A través dunha proposición non de lei a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, considera que Méndez e Gayoso están xa "reprobados unanimemente polo seu mal facer cos aforros da nos cidadanía", polo que "alén das súas responsabilidades na pésima xestión económica das caixas", procede "unha rectificación de carácter legal, de xeito que se lles retire unha distinción da que non son merecentes". "A súa responsabilidade na fraude das preferentes e subordinadas" ou na "dilapidación dos recursos económico do noso pobo" así o aconsellan, di.

Díaz: "Méndez e Gayoso foron reprobados unanimemente pola cidadanía"

Do mesmo xeito, Díaz acrecenta que o "vergoñento espectáculo de cobiza que nos depararon coas súas xubilacións" veñen "desmentir de xeito flagrante a perfección, simbolismo e transcendencia que deben comportar o traballo e tarefas desenvolvidas a prol do engrandecemento da nosa cultura, a nosa historia e o noso ser como pobo", todos eles "elementos nucleares para acadar a Medalla". Por todo isto, resume, AGE reclamará "que se proceda á rectificación legal dunha decisión errada", cunha PNL "na que se insta a realizar as xestións axeitadas conducentes a retirar as distincións":

Beiras e Díaz, nun acto electoral de AGE CC-BY-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.