Contarlles o que é Santiago ás persoas que viven en Santiago. Esta é, cando menos sobre o papel, a intención de dous convenios subscritos o pasado novembro pola Secretaría Xeral de Medios da Xunta con outros tantos xornais que tiveron un impacto global nas arcas públicas de 205.000 euros. Con esa cantidade o Goberno galego mercou espazos nos diarios impresos máis lidos na capital de Galicia durante algo máis dun mes, período no que, en virtude do acordo, presentaron como noticias informacións que, realmente, procedían do propio Executivo.
Os dous convenios teñen o mesmo título xenérico, "difusión informativa das potencialidades de Santiago de Compostela" e foron asinados o mesmo día, o 8 de novembro. O de maior contía beneficia a La Voz de Galicia, S.A. e tivo un importe de 110.000 euros. Como contrapartida, a editora do xornal homónimo comprometeuse a "dar a coñecer aos cidadáns de Santigo de Compostela e comarca as potencialidades da cidade nos distintos ámbitos económico, social, cultural, turístico e institucional". "O obxectivo final é que os santiagueses teñan unha imaxe clara do que Santiago de Compostela representa na actualidade e as súas posibilidades no futuro", abonda o texto do convenio, que se estendeu ata o 29 de decembro.
"O obxectivo final é que os santiagueses teñan unha imaxe clara do que Santiago de Compostela representa", di un dos convenios
O departamento de Medios, con dependencia directa da Presidencia da Xunta, outorgoulle o segundo convenio a Editorial Compostela, SA, para ocupar espazos informativos no xornal El Correo Gallego por 95.000 euros. Neste caso, os cartos foron a cambio de "colaborar na difusión da información relativa á imaxe de Santiago de Compostela e comarca nos distintos ámbitos de actuación da Xunta de Galicia", a saber: "o Camiño de Santiago, a Cidade da Cultura, a capitalidade de Galicia, a cidade administrativa, as actuacións en I+D+i, especialmente mediante a colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, o tecido tecnolóxico e a competitividade, a cidade como destino turístico final e a súa proxección internacional". O diario, que centra a súa actividade en Compostela, asumiu tamén o compromiso de publicar "calquera outra información que poida difundir a imaxe moderna da cidade".
Estas achegas prodúcense despois de que, como informou Praza Pública, o mesmo departamento autonómico repartise 800.000 euros entre diversas empresas editoras de diarios impresos en apenas catro meses, tamén a través da figura dos convenios. Como aconteceu durante a pasada lexislatura e tamén durante a xestión de gobernos anteriores, o gabinete de Feijóo emprega recorrentemente a figura do convenio para financiar os medios de comunicación, reservando un papel secundario para as axudas en réxime de concorrencia pública. Estas prácticas xa foron censuradas polo Consello de Contas e o PP comprometeuse a regular por lei o réxime de subvencións á prensa, algo que polo momento non se produciu.