A querela por presunta prevaricación presentada pola Fiscalía contra o ex presidente da Deputación de Ourense fixo saltar a figura do oficialmente retirado José Luis Baltar á esfera da actualidade estatal. Nunha tertulia radiofónica o deputado do PP no Congreso Gabriel Elorriaga era cuestionado polo caso dos máis de cen supostos enchufes na Deputación ourensá e o conservador adoptou unha sintomática actitude. Partindo do lugar común de apelar á "presunción de inocencia" Elorriaga deixou caer que os modos e maneiras de Baltar pai eran propios da "vella política", que nada teñen que ver con Alberto Núñez Feijóo, aseguraba. O presidente da Xunta é "un novo valor do PP" que "renovou goberno e partido", acrecentou, esforzándose en separalo das "prácticas" do ourensán, unha separación que o propio Feijóo tentou, con máis ou menos tesón pero sen éxito, dende a súa chegada ao poder autonómico.
Din os haxiógrafos do xefe do Goberno galego que Feijóo non coñece a derrota dende que preside o Consello da Xunta. Isto é certo en termos puramente electorais, pero non o é tanto na súa propia casa política. A finais de xaneiro de 2010 o PP de Ourense celebraba o seu congreso provincial e a dirección autonómica do partido tentou unha inédita operación: derrubar o baltarismo pola vía da presentación dun candidato alternativo que tentase derrotar a Manuel Baltar, que se dispuña a substituír ao seu pai no partido como paso previo a facer o propio na Deputación. Feijóo, directamente e a través do seu secretario xeral, Alfonso Rueda, tentou que o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, pasase a ser o seu home en Ourense. Pero non o lograron. Na cita congresual agora situada baixo a sombra da sospeita xudicial a máquina baltarista que sostivera as vitorias de Manuel Fraga e do propio Feijóo funcionou con precisión. Baltar pai e Baltar fillo gañaban, Feijóo perdía.
Feijoó tentou sen éxito derrubar a Baltar presentando un candidato interno alternativo en 2010
Durante aquela campaña interna dende o círculo máis próximo a Jiménez Morán, isto é, a Feijóo, non se aforraban críticas ao que Elorriaga define como "vella política", mesmo deixando escapar sen disimulo acusacións de "caciquismo". Pero os Baltar seguiron reinando na provincia ourensá, celeiro de votos fundamental para os conservadores en Galicia -nas pasadas autonómicas lograron alí o 49,16% dos votos-. E nisto a Fiscalía asumiu como propia a querela presentada polo PSdeG. E a dirección do PP galego, que prepara o seu congreso para a penúltima fin de semana de xaneiro, mantén un perfil baixo no caso. Non acusa, pero tampouco sae en defensa do que vén sendo o seu incómodo mal necesario.
Acusacións de enchufismo e de dupla militancia para o PSdeG
Pero fronte á calculada discreción da dirección autonómica do partido chegou este martes unha explosiva comparecencia do número dous de Manuel Baltar, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández. Rodeado de representantes do PP de Ourense no Congreso, no Senado e no Parlamento de Galicia Fernández saíu "censurar o comportamento ruín e tendencioso" do PSdeG e a bombardealo dialecticamente. "O PP de Ourense advirte dos riscos que teñen tantas ansias de protagonismo" e a "incoherencia persoal", advertiu aos socialistas antes de "poñer como exemplo as tres persoas que deron a rolda de prensa" para valorar a querela da Fiscalía". Fernández comezou pola secretaria de organización do PSdeG na provincia, a tamén deputada María Quintas, "que aínda non solicitou a baixa do PP de Ourense, onde figuraba como afiliada" dende os anos 90, acusou. Aos poucos minutos, Quintas anunciaba unha denuncia por inxurias.
O 'baltarismo' sae ao ataque contra o PSdeG e asegura que unha dirixente socialista militou previamente no PP
"O PP non é un partido de dicir 'e ti, máis", argumentou Rosendo Fernández. Asegurouno despois de debullar algúns dos "centos de afiliados e simpatizantes doutras forzas políticas", nomeadamente do PSdeG que, asegura, "traballan en concellos dirixidos polos socialistas". "Fillos de concelleiros", "irmáns", "tíos"... todos eles foron obxecto de enchufes, asegura. Mentres, defende, dos 104 contratos aos que "se refire a querela" do fiscal, "só 42 comezaron a traballar na Deputación antes do 30 de xaneiro de 2010, data do congreso [do PP de Ourense]" e "só seis foron compromisarios" nese cónclave.
Mentres Rosendo Fernández puña o ventilador a funcionar, dende as filas socialistas procuraban cortar o cordón sanitario que a dirección galega co que a dirección galega do PP semella querer separarse dos Baltar. "A trama de corrupción tecida polos Baltar contou co aval de Feijóo e mesmo coas felicitacións de Rajoy, que chegou a dicir que 'o PP é Baltar", di o secretario provincia socialista, Raúl Fernández. "Rueda e Feijóo apareceron como claros coñecedores das contratacións" agora investigadas, subliñan. Non en van, lembran, "foron os propios candidatos da liña de Feijóo e Rueda os que denunciaron as prácticas irregulares" de Baltar, pai e fillo. O PSdeG, di, leva "vinte anos denunciando estes procedementos", que agora chegan ante a Xustiza e por iso reclaman unha "investigación", tamén no ámbito político. Por iso, e porque as prácticas do pai "son seguidas polo seu fillo, actual presidente da Deputación".