Os números deberan ser indiscutibles, pero nun debate de orzamentos semella todo o contrario. Os recortes aplicados polo Goberno central ás políticas activas de emprego e a ausencia de financiamento adicional pola banda autonómica provocaron que estas partidas quedasen con 140 millóns de euros menos en 2012. Como vén informando Praza Pública, unha ollada ás contas públicas de 2013 permite coñecer que a Consellería de Traballo e Benestar prevé destinar en 2013 uns 200 millóns de euros á promoción do emprego e ás institucións do mercado de traballo. Tendo en conta que os fondos previstos para 2012 eran 338 millóns, cabe deducir que a tesoirada é un 40,5%. Así e todo, a versión da Xunta é que estas partidas aumentan.
No marco do debate parlamentario dos orzamentos do seu departamento a titular de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, restou valor aos reproches lanzados pola oposición en pleno por este recorte. A conselleira insta a PSdeG, AGE e BNG a atender ás cantidades "reais" destinadas durante 2012 a este ámbito e a facer o propio co proxecto de 2013, no que esa consignación "real", di, é de 167,5 millóns e euros. "Se queren, poden facer os números", retou Mato, para subliñar que "as políticas activas de emprego teñen un incremento do 4% a respecto das reais que houbo no 2012". A oposición, en todo caso, "pode dicir o que queira", afirma.
A oposición augura máis paro e censura que a Xunta teña como "única vía" para crear emprego os autónomos e "emprendedores"
As críticas da oposición enmarcábanse nun contexto no que os tres grupos fan especial fincapé nas cifras de desemprego. Se diminúen as políticas activas "haberá máis paro", di a nacionalista Montse Prado. Tamén augura un incremento Carmen Gallego, do PSdeG, quen advirte á conselleira de que "non é tempo de maquillaxes" contables. Pola súa banda, o voceiro de AGE no debate, Juan Fajardo, censura que a Xunta pretenda compensar a perda de postos de traballo poñendo "o autoemprego como única vía" e centrando os esforzos nos chamados "emprendedores". "En moitos casos estanos levando á ruína", advirte. Ademais, salienta, "o que non din é que en moitos casos son falsos autónomos que están sendo expulsados das súas empresas".
Pero segundo Beatriz Mato as contas gobernamentais non responden a ningún "modelo" máis que ao da "solvencia, eficiencia e garantía dos servizos sociais". "Nin autocompracencia nin autobombo", afirma a conservadora minutos antes de retrucar a censura polo desemprego teimando en que "seguimos sendo a oitava comunidade coa taxa máis baixa", o que "non quere dicir que cada unha das persoas desempregadas non ocupen as nosas prioridades". A oposición, di, "fala de propostas, de taxas impositivas" e, nomeadamente, no caso de AGE, de "indicadores correctores". "Se os puxese en marcaha o señor Zapatero outro galo nos cantaría", resolve. O ex presidente socialista serviulle tamén para respostarlle á voceira nacionalista, quen previamente a acusara de reiterar que os orzamentos son sociais malia ser "mentira", ao xeito de "Goebbles". "Podería ser do señor Goebbles ou do señor Zapatero", pero "é verdade que oito de cada dez euros se destinan a política social", insiste.