A derradeira lección de Inzar, o partido da revolución amable

Cartaz do primeiro congreso de Inzar Dominio Público Praza Pública

Inzar, o partido fundado en 1991 como froito da unificación do Movemento Comunista de Galicia e a Liga Comunista Revolucionaria, xa é historia. Puxo fin á súa andaina tras un proceso de reflexión que rematou o sábado, día 3 de marzo, coa aprobación da resolución que propuña a disolución do partido e unha posterior festa con militantes, simpatizantes e ex membros do MCG, da LCR e do propio Inzar como tal.

Inzar nunca foi un partido ao uso, e o seu final tampouco respondeu aos padróns habituais neste tipo de casos. Se durante a súa existencia –que se estende ao longo das últimas catro décadas, a metade última como Inzar e antes como os partidos que se fusionaron baixo ese nome– practicou unha política de apertura a outros sectores e visións da esquerda, afastándose axiña do dogmatismo e do sectarismo que costuma impregnar os proxectos da esquerda revolucionaria, así mesmo no seu final demostrou ese carácter diferente das xentes de Inzar, que en vez de agardar a que os acontecementos clausurasen o seu proxecto político, decidiron seren eles mesmos e elas mesmas quen lle desen cabo.

Tamén no seu final demostrouse ese carácter diferente das xentes de Inzar

A opción pola disolución é a derradeira lección de Inzar, partido que nun verdadeiro exemplo de coherencia coa ideoloxía marxista que sempre profesou, tivo a coraxe de analizar o papel que obxectivamente podía xogar na política nacional e antepor as conclusións ás siglas. Conclusións que foron esencialmente dúas: a primeira, que se abrira unha distancia insalvable entre o proxecto político propugnado por Inzar e a capacidade do partido para transformalo nunha acción política capaz de avanzar cara a súa consecución; a segunda, que se perdera a capacidade de conectar coa xente nova, o que se traduciu na inexistencia dun relevo xeracional que puidese darlle un novo pulo ao proxecto. E así, sen dramas e cargada de lucidez, a militancia de Inzar decidiu que cómpre continuar a loitar, mais que Inzar foi mais un instrumento para facelo e que debe entrar na historia como tal.

As traxectorias do MCG e da LCR, e desde 1991 a de Inzar, constitúen bos exemplos da plasticidade que pode ter unha esquerda de profundas conviccións ideolóxicas e éticas para, sen renunciar a elas, adaptarse ás cambiantes circunstancias históricas. Sendo colectivos que nacen en plena efervescencia da loita contra o franquismo, experimentan novas fórmulas de acción sindical e ábrense á interlocución con outras forzas de esquerda, chegando a discutir, xa nos primeiros anos '70, a posibilidade de apoiar unha democracia parlamentaria que debería ser conquistada mediante a ruptura co réxime nacionalfascista. Xesús Veiga salienta particularmente “as achegas do MCG ao movemento feminista nunha época, a finais dos setenta, cando as mulleres do MC nadaban contracorrente e sentaron as bases para que no nacionalismo galego houbese unha posición consolidada neste tema”.

Máis tarde, o MCG participará no Consello de Forzas Políticas Galegas, nun xesto que representaba a xa plena asunción do carácter nacional de Galicia, e desde 1981 o MCG e a LCR deixan de competir electoralmente para pasar a apoiar a forza da esquerda nacional que máis se aproximaba ao seu ideario, o BNG. En 1993, ese proceso –que se fortalecera coa convivencia en diversas plataformas sociais, e moi nomeadamente nos CAF– cristaliza na integración de Inzar no seo do BNG, daquela en proceso de unificación de case toda a esquerda nacionalista e mesmo de colectivos que sen proclamarse como tales no plano ideolóxico, a exemplo do propio Inzar, si se sentían parte do nacionalismo político.

Inzar enriqueceu o discurso do BNG en aspectos que o nacionalismo galego descoidara historicamente

A súa achega ao BNG

Esa integración no BNG tivo efectos de diferente signo sobre Inzar e sobre o BNG como un todo. Primeiramente, un evidente beneficio mututo: Inzar encontrou un espazo onde ecoar as súas posicións políticas e gañou capacidade de influencia social grazas ao paraugas do BNG, mentres que este se enriqueceu coas contribucións de Inzar en aspectos que o nacionalismo galego descoidara historicamente, como a emancipación das mulleres, a loita pacifista e antimilitarista ou a cooperación ao desenvolvemento, ámbitos todos eles nos que Inzar acumulaba unha ampla experiencia tanto de discurso como de penetración nos respectivos movementos sociais.

En palabras de Xesús Veiga, “a nosa liña de actuación centrouse na participación en movementos sociais sen esixir afinidades, cunha actitude non sectaria, achegando ideas e recibindo ideas das persoas que participaban nese movemento” e conclúe que “achegamos unha actitude construtiva e non sectaria ao BNG”.

Porén, é precisamente a partir da entrada de Inzar no BNG cando deixa de captar nova militancia nos segmentos xuvenís dos cales sempre se nutrira, razón última que leva agora á disolución do partido.

 

Marchan as siglas, mais o exemplo permanece

De feito, a década dos 2000 marcou o comezo do declive de Inzar, pois a pesar de conquistar espazos de presenza institucional dos que carecera até entón, non foi capaz de crecer mesmo nun contexto de grandes mobilizacións que na teoría lle deberían ser propicias, como as protagonizadas por Nunca Máis ou pola xente nova contra a segunda guerra de Irak. Era o prenuncio do que viría a culminar neste mes de marzo de 2012: o final do traxecto de Inzar, que veu sendo o segundo partido de toda a xente de esquerdas que non militaba nel, o partido de mulleres e homes dispostos a dialogar e a aprender do outro e que grazas a iso ensinaron moito a moita xente.

Xesús Veiga opina que o BNG está nunha fase "de desarticulamento"

Unha das grandes preocupacións de Inzar foi a de crear espazos de converxencia na esquerda, tamén no momento actual. Veiga cre que “esta crise require ideas e posicións políticas de alcance máis amplo do marco estatal”. Tamén sitúa como un dos meirandes retos da esquerda transformadora o “conectar con sectores sociais novos, distintos do proletariado clásico, sectores máis desconectados”. En canto á situación actual do nacionalismo galego e do BNG, Xesús Veiga opina que o BNG está nunha fase "de desarticulamento" e de rupturas diversas e afirma que "o modelo que existiu dende mediados dos noventa, xa non existe". Para Veiga, unha das principais causas está na "mala gobernanza que fixo desa casa común a opción con maior peso na mesma".

Agora, Inzar deu a súa última contribución, a derradeira lección que pasará ás páxinas da política galega: unha lección de dignidade tamén á hora de encarar o fin dun proxecto e de xenerosa fusión da súa militancia cos diversos tecidos sociais e políticos nos cales sobrevivirá a súa herdanza. Porque se van as siglas, mais o exemplo permanece.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.