Fomento paraliza a autovía entre Lugo e Santiago ata 2015

A ministra de Fomento e o conselleiro de Infraestruturas, nun acto público © Xunta

Haberá que seguir esperando para poder viaxar entre Lugo e Santiago por autovía. Cando menos, ata máis alá de 2015. É o que se deduce da comunicación formal que vén de recibir a Deputación de Lugo por parte da unión temporal de empresas (UTE) que está a construír o treito deste vial que unirá Palas de Rei e Guntín. Para desenvolver estas obras as empresas Copasa e Taboada y Ramos utilizan tres estradas provinciais, nas que provocan cortes ou desvíos. Agora veñen de solicitar unha "prórroga" nestes desvíos ata, cando menos, "a segunda metade do ano 2015", cando contan con poder reanudar as obras.

Aínda que tanto dende o Ministerio de Fomento como dende a Consellería de Infraestruturas se vén manifestando que 2015 sería o ano da posta en servizo definitiva desta autovía as empresas comunícanlle agora á Deputación que veñen de recibir unha "comunicación" do Goberno central "indicando que a obra non dispón de anualidade", isto é, de orzamento, "para os anos 2013 e 2014, coa consecuente paralización dos traballos". Unha vez pasados eses dous anos "son necesarios varios meses para retomar a actividade", de aí a petición de prórroga ata a segunda metade de 2015.

O Goberno central e a Xunta aseguraron que a autovía estaría en servizo en 2015

A nova non sentou nada ben na Deputación luguesa, tanto polo atraso na infraestrutura como polos prexuízos que este lle causa á rede provincial de estradas. "Fomento non só paraliza estas obras, senón que quere deixar o tráfico desviado" polas estradas provinciais, "nas que provocou danos de ata 200.000 euros", di o voceiro do goberno provincial, o socialista Manuel Martínez. "Os informes técnicos", di, "avalan que o firme destes viais está gravement danado, non teñen visibilidade nin ancho suficiente" a causa "dos verquidos de terra", hai "excavacións de ata tres metros de profundidade a menos dun metro da vía" sen "barreiras de protección" e "carecen de sinalización ou é insuficiente".

Neste contexto, a Deputación luguesa reclamaralle a fomento que "repare e asuma os danos", xa que eses desvíos, que agora se prolongarán dous anos máis, deben ser "seguros para a cidadanía". O gabinete de José Ramón Gómez Besteiro deulle ao Goberno central "15 días para realizar estas melloras". "En caso contrario e coa fin de preservar a seguridade dos usuarios das vías provinciais, verémonos na obriga de tomar medidas xudiciais", conclúe Martínez.

A ministra de Fomento e o conselleiro de Infraestruturas, nun acto público © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.