"A súa vaidade é dunha dimensión que, por acudir á débeda pública e non ao FLA, Galicia vai perder 48 millóns de euros". O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, lanzáballe esta acusación a Alberto Núñez Feijóo no marco da sesión de control ao presidente. Eses 48 millóns son os cartos que, segundo os cálculos dos socialistas, Galicia paga a maiores por seguir colocando a súa débeda no mercado libre e non financiarse a través do Fondo de Liquidez Autonómico, o mesmo fondo ao que o xefe do Goberno galego dixo que acudiría "se ofrece mellores condicións de financiamento que os créditos do mercado", xa que "non temos ningún interese en darlles a gañar aos bancos", asegurou nunha entrevista o pasado xaneiro.
Segundo a análise realizada polo PSdeG esas "mellores condicións" xa se dan, pero a Xunta segue financiándose en solitario. Concretamente, os socialistas explican que dende as últimas eleccións autonómicas a Xunta realizou sete emisións de débeda pública, tres en 2012 por 571 millóns de euros e catro no que vai de 2013, por 1.024,8 millóns. Tendo en conta factores como que o FLA, ao contrario que os bancos, "admite amortizacións anticipadas sen penalización", o PSdeG calcula que a Facenda autonómica tería "un aforro moi considerable", consecuencia "dos substancialmente menores tipos de xuro" que ofrece o Estado a respecto dos bancos.
Acudir ao FLA trae consigo menores tipos de xuro, pero implica unha intervención das contas autonómicas por parte do Estado
Nomeadamente, a formación socialista realiza a súa estimación considerando "o mesmo período de amortización para o FLA que o establecido para as sete emisión de débeda realizadas" e cos tipos de xuro de decembro de 2012. A primeira emisión de débeda suponlle 65,8 millóns en xuros á Xunta, e co FLA custaríalle algo menos de 60, a segunda trae consigo uns 5 millóns en xuros e co FLA non subiría dos 4. No caso da terceira emisión, os xuros son 24,8 millóns e o FLA cobraría 17,3, calculan. Na cuarta, os 15 millóns de xuros que paga a Xunta quedarían en 11,2. Na quinta, de 17,7 millóns, aforraríanse uns 140.000 euros, na sexta a diferenza sería de 14,1 millóns e na sétima, de 16,6.
Destes cálculos o PSdeG conclúe que a Xunta paga 48,2 millóns de euros en xuros que podería aforrar se obtivese o mesmo financiamento a través do FLA. Non obstante, ese recurso ao mecanismo estatal implicaría tamén unha intervención de facto das contas autonómicas por parte do Estado e a posibilidade de que o Ministerio de Facenda controlase boa parte da política económica do Goberno galego.