O Igape deulle a Dorribo, coa axuda de Cobián, un crédito de 3 millóns apoiado en facturas falsas

Dorribo, Monjero e Cobián (esquerda) e Varela, tras a súa xuntanza en Santiago © Sumario da Operación 'Campeón'

Unha "farsa de facturas". Isto é o que, segundo as investigacións do Servizo de Vixilancia Aduaneira, sustentou a concesión, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dun crédito do Banco Europeo de Investimento (BEI) a Laboratorios Nupel, a empresa que, presuntamente, se situou no centro dunha trama de fraude de subvencións e blanqueo de capitais, a Operación Campeón. Segundo consta no sumario do caso, ao que tivo acceso Praza Pública, a concesión deses fondos -que o Igape tería adiantado cos seus propios cartos, como adoita acontecer- chegou a concretarse, en boa medida, grazas á mediación do ex deputado do PP Pablo Cobián entre a suposta trama corrupta e o Igape na persoa do seu ex director, Joaquín Varela, detido na primavera de 2011. A xuíza instrutora do caso, Estela San José, chegou a acumular "múltiples indicios" que apuntaban "á comisión" por parte do ex deputado "de distintos feitos delitivos", ata o punto de que o 24 de xuño do pasado ano chegou a reclamar que fose detido.

Que motivacións impulsaron a Cobián para, en verbas da xuíza, "empurrar" o proceso de concesión de axudas á empresa de Jorge Dorribo? Esencialmente, segundo o recollido nas investigacións de Vixilancia Aduaneira, motivacións de tipo económico. A grandes trazos, o seu presunto pacto coa trama consistiría en lograr axudas do organismo de crédito da Xunta e, a cambio, recibiría cartos para patrocinar o equipo de automobilismo do seu fillo, Cobián Racing Team. Eses fondos, segundo consta nunha exposición razonada remitida pola maxistrada ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, poderían proceder do propio "préstamo público" concedido polo Igape, xa que o cobro por parte de Cobián estaría "condicionado" a que Nupel recibise o crédito do Igape.

Cobián recibiría cartos para o equipo automobilístico do seu fillo a cambio de influír no Igape

Con todo, e malia ás múltiples influencias, o camiño para a concesión do préstamo tivo as súas curvas, motivadas en boa medida pola precaria situación económica de Nupel que lle impedía cumprir os requisitos para lograr a axuda. É aquí onde, atendendo á investigación, se convertería en esencial o papel do ex director do Igape e a comisión pola súa parte de presuntos actos delitivos. O crédito de tres millóns tiña a teórica finalidade de contribuír ao financiamento dunha planta de produción de medicamentos unidose no concello lugués de Rábade. Eses cartos serían o 50% dun montante total de case 6 millóns. O resto correspondería a un 15% de subvencións directas do Igape, outro 15% de subvencións estatais  e un 20% de fondos da propia empresa. Segundo consta no sumario, o 9 de marzo de 2011 "xorden problemas inesperados" na operación, dado que o Igape "estaría solicitando a Nupel os xustificantes dos pagamentos realizados (...) correspondentes aos fondos propios e este sería o problema, que presuntamente non realizaran pagamento ningún e só poderían xustificar algunhas facturas que, polo visto (...), poderían ser facturas falsas de empresas vinculadas ao propio Jorge Dorribo", explica o sumario.

Facturas irregulares e garantías inexistentes

Tanto Dorribo como algúns dos seus socios amosaron a súa "estrañeza" pola petición de documentos, "xa que anteriormente o director xeral do Igape", sempre segundo as investigacións, "dixera que non quería facturas por seren claramente irregulares". Malia todo, o suposto líder da rede decide falar con Cobián para desbloquear o asunto e cítanse nun reservado dun coñecido hotel de Santiago. Á cita acoden, ademais de Dorribo e Cobián, Carlos Monjero -propietario da consultora Proitec, tamén ligada presuntamente á trama-, e o propio director do Igape, Joaquín Varela. Na rúa contrólaos un axente de Vixilancia Aduaneira, que toma fotografías como a que acompaña esta información.

Dorribo pediulle a unha das súas empregadas comprobar "que non figuran en Internet os prezos da maquinaria"

"Como consecuencia" desta xuntanza, explican os investigadores, Dorribo ordénalle a unha empregada de Nupel que realice "novos cambios na documentación que presentarán ao Igape". O obxectivo sería amosar como nova parte da maquinaria coa que a empresa farmacéutica xa contaba. Con xustificantes de pagamento "evidentemente falsos" na man, Dorribo chégalle a pedir a outra das súas traballadoras que "comprobe en Internet que non figuran os prezos da maquinaria que farán figurar nas facturas". Noutra ocasión "dille que escanee as fotos da maquinaria, pero que non se vexa o fabricante, e lla poña tamén na factura". A outra pata da "farsa" estaría nas garantías que legalmente se esixen para poder cobrar ese tipo de préstamos. Segundo se pode tirar do sumario, Dorribo presentou como garantías hipotecas sobre naves e maquinaria de Nupel. Unhas e outras estarían xa hipotecadas por outras débedas pero, en todo caso, os trámites de formalización da hipoteca tampouco chegaron a completarse.

Malia ás, en palabras da xuíza, "graves irregularidades presuntamente inadvertidas ou omitidas polas persoas encargadas de aprobar" o préstamo, "concretamente por Joaquín Varela de Limia", o crédito concedeuse. Concretamente, o 28 de decembro de 2011 Varela propuxo formalmente a súa concesión. Ao día seguinte a directora da área de Financiamento do Igape, a tamén imputada Cristina Quintela, eleva a proposta de concesión ao Consello do Igape. Finalmente, o 30 de decembro, acórdase a concesión no máximo órgano do ente, nunha resolución asinada por Francisco Javier Álvarez, en calidade de secretario, e polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, en calidade de presidente do Igape.

Documento de concesión do Préstamo © Sumario da Operación 'Campeón'
Sinaturas na concesión do préstamo © Sumario da Operación 'Campeón'

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.