Petos un chisco transparentes nunha exposición ao gusto dos seus propietarios. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a "situación patrimonial dos membros do Consello da Xunta", isto é, do presidente e dos conselleiros e conselleiras. Faino en virtude non dunha norma legal, senón dun acordo do propio Consello da Xunta, polo que os datos que se dan e o xeito de expoñelos dependen unicamente da vontade do propio Executivo autonómico, toda vez que a única lei que podería rexer neste ámbito, a de Transparencia, só os obriga a facer públicos os salarios que reciben da propia Administración. Con estes condicionantes previos o anuncio publicado no boletín oficial permite coñecer que, tras a marcha do ex conselleiro de Industria, Javier Guerra, que acumulaba un patrimonio de máis de 15 millóns de euros, o membro máis rico do Goberno é o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo.
Segundo consta nas táboas difundidas pola Consellería de Facenda Feijóo dispón de activos por valor de 577.381,24 euros, cantidade que resulta de sumar algo máis de 150.000 euros de bens inmobles e máis de 400.000 "doutros bens". O segundo integrante do Goberno galego cun peto máis avultado é o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que declara 260.281,57 euros, a maior parte en bens inmobles. A terceira economía máis saneada do Goberno é a do titular de Infraestruturas, Agustín Hernández, con case 200.000 euros, e a continuación figura a responsable de Traballo, Beatriz Mato, cuxo patrimonio ascende a 131.500 euros. Na banda dos patrimonios superiores a 100.000 euros están tamén o vicepresidente, Alfonso Rueda, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e o de Industria, Francisco Conde. Por baixo deste umbral simbólico sitúanse as conselleiras de Facenda e Sanidade, ambas situadas no entorno dos 70.000 euros.
Os conselleiros de Educación e Traballo son os que máis débedas teñen; Feijóo, Vázquez e Hernández teñen agora máis cartos que en 2011
O documento feito público este venres permite tamén completar a radiografía patrimonial dos membros da Xunta coñecendo os seus pasivos, isto é, os cartos que deben en concepto de "créditos, préstamos" ou outro tipo de débedas. Neste caso o rexistro está encabezado polos conselleiros de Educación e Traballo, que acumulan débedas por importe de 250.645 e 250.000 euros, respectivamente. O terceiro que maís ten, Agustín Hernández, é tamén o terceiro que máis debe, cuns pasivos de máis de 140.000 euros. Por tras del está Elena Muñoz, con máis de 84.000 euros en débedas, e hai que descender ata o quinto posto para atopar a Feijóo e os seus 76.727 euros de pasivo. No entorno dos 70.000 euros están tamén Quintana e Rueda, a continuación atópase Rocío Mosquera, que debe algo máis 30.000 euros, e o que menos débedas ten que afrontar é Francisco Conde, con só 3.250 euros.
Aínda que non todos os actuais membros do Goberno formaban parte do Executivo cando se difundiron as situacións patrimoniais por primeira vez, a finais de 2011, no caso de Feijóo e no de cinco conselleiros e conselleiras si é posible coñecer a variación patrimonial experimentada dende aquela. Así, Feijóo ten agora 60.000 euros máis que daquela, Jesús Vázquez sumou uns 20.000 euros e Agustin Hernández, algo máis de 23.000. Mentres, Rosa Quintana viu reducido o seu patrimonio en máis de 24.000 euros, Alfonso Rueda perdeu uns 5.400 euros, e Beatriz Mato restou uns 500.
PATRIMONIO DOS MEMBROS DO GOBERNO GALEGO | |||||
---|---|---|---|---|---|
Activo | 2011 | 2013 | Pasivo | 2011 | 2013 |
Alberto Núñez Feijóo | 516.767,86 | 577.381,24 | Jesús Vázquez | 96.202 | 250.645 |
Jesús Vázquez | 241.147,75 | 260.281,57 | Beatriz Mato | 259.000 | 250.000 |
Agustín Hernández | 175.400 | 199.387,67 | Agustín Hernández | 146.027 | 141.881,23 |
Beatriz Mato | 132.000 | 131.500 | Elena Muñoz | * | 84.055 |
Alfonso Rueda | 135.158,58 | 129.757,58 | Alberto Núñez Feijóo | 99.031 | 76.727 |
Rocío Mosquera | * | 107.474,55 | Rosa Quintana | 88.944,39 | 70.966,55 |
Francisco Conde | * | 100.812,57 | Alfonso Rueda | 74.000 | 70.000 |
Elena Muñoz | * | 70.995,06 | Rocío Mosquera | * | 30.349,16 |
Rosa Quintana | 94.210,79 | 69717,54 | Francisco Conde | * | 3.250 |
*Non pertencía ao Goberno en 2011