Alberto Núñez Feijóo non comparece no Parlamento á marxe das sesións obrigatorias dende xullo de 2010, cando acudiu á Cámara para abordar a situación económica en clave de crítica ao Goberno central, daquela presidido por José Luis Rodríguez Zapatero. Máis de dous anos despois daquela última comparecencia a oposición parlamentaria tenta dende hai semanas que o presidente da Xunta dea contas sobre os casos de presunta corrupción que afectan ao seu partido e que o faga alén dos escasos minutos da sesión de control. A pasada semana o PP rexeitou ata en dúas ocasións que o xefe do Goberno galego comparecese, tal e como pedía o PSdeG -único grupo con escanos dabondo para solicitalo-. Desta volta quen o pide son os socialistas e tamén AGE e BNG. Os tres plasman a súa sinatura nunha única petición que o PP se dispuxo a deitar no balde do lixo mesmo antes de ser rexistrada formalmente.
Mentres Feijóo protagonizaba unha entrevista televisiva en Madrid a oposición galega explicaba as razóns que motivan a súa acción en Bloque. Hai unha "imperiosa necesidade de que o presidente da Xunta dea a cara" e abandone a súa "posición numantina de agochar a cabeza", di o voceiro socialista, Abel Losada. Para o PSdeG, explica, a comparecencia de Feijóo non só se debe producir por cuestións éticas ou de honestidade, senón tamén pola "importancia económica, política e social da corrupción". Feijóo, reprocha, "leva dende comezos de ano pedíndolle explicacións a todo o mundo doutros partidos e mesmo do seu propio, pero el non di absolutamente nada". "Cando o partido que preside" a Xunta "está directamente tocado por cuestións de corrupción" non caben "escusas de mal pagador", afirma.
Feijóo non comparece á marxe das sesións obrigatorias dende xullo de 2010
Tamén o BNG, por boca de Francisco Jorquera, asenta a necesidade desta comparecencia no "impacto enormemente negativo" que "as continuas noticias relacionadas coa corrupción" teñen "no clima social e económico de Galiza". Pola súa banda, AGE xustifica a unión da oposición nos "silencios, desvíos de atención, negacións e evasivas da dereita". A través dun comunicado, Alternativa lembra que "todos os estudos e investigacións demoscópicas indican que a corrupción políica se atopa entre as principais preocupacións da cidadanía" e, no caso de Galicia, acusan, "os casos en que cargos electos do PP empregan os seus postos para obter beneficios persoais inzan os xulgados".
Malia todo isto, agás sorpresa maiúscula ningunha destas inquedanzas da oposición terá resposta nunha sesión do Parlamento. O encargado de deixalo claro foi o voceiro do PP no Pazo do Hórreo, Pedro Puy, que en rolda de prensa subiu o ton do rexeitamento para non só desbotar o que reclaman PSdeG, AGE e BNG, senón tamén para cargar con dureza contra os tres grupos, na liña do discurso lanzado polo propio Feijóo a pasada fin de semana no congreso do PP de Lugo. "Chámame poderosamente a atención que este tripartito que temos enfronte, que ademais camiña cada vez máis cara á radicalidade, unicamente se poña de acordo para tentar enlamar a política parlamentaria en Galicia", censura.
Puy atribúe a petición á vontade de "tapar os problemas internos" de PSdeG e BNG e de "facerlle o xogo" a AGE
Pero, por que non procede unha comparecencia de Feijóo? Porque "en Galicia, que eu saiba, que afecte ao Goberno da Xunta non hai ningún escándalo de corrupción" e "as citas a persoas que levan máis de década e media fóra de Galicia -en referencia ao ex secretario de organización do PPdeG, Pablo Crespo, un dos presuntos líderes da trama Gürtel- resultan excesivamente forzadas e pouco consistentes". Neste contexto, sentenza, os grupos da oposición están a "pasar das súas responsabilidades" e céntranse, con estas peticións, en "distraer" a atención "dunha situación interna realmente complicada que teñen tanto o PSdeG, en relación coa dirección nacional -en referencia á executiva federal do PSOE- e en "tapar os problemas internos do BNG, en relación cunha asemblea e unha liña política que os leva a facer pactos con Bildu". O Bloque, ademais, teoriza, "estálle a facer o xogo á terceira forza da oposición [AGE ], que tenta desprestixiar as institucións". En síntese: Feijóo desta volta tampouco vai comparecer.