"Non vai haber moción de censura". O alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo (BNG), ratificaba esta tarde, ante a prensa e apoiado por veciños e veciñas da localidade, que a operación artellada por sete edís da corporación -os grupos do PP e do PSdeG sen os seus voceiros xunto a Independientes por Vimianzo (IxV)- viña de ser dobremente desactivada. A moción ficou invalidada, segundo un informe do secretario municipal, por non "reunir os requisitos" legais, a saber: primeiro tiña que ser o propio secretario quen validase o documento e, posteriormente, tería que ser rexistrada. Advertidos dese defecto formal os edís censores tentaron este martes volver tramitar a moción, desta volta polo cauce axeitado, pero dous deles viñan de ser expulsados do PSdeG. E neste punto a moción si ficaba invalidada.
Ao contrario do que aconteceu nas diversas censuras realizadas en concellos galegos ao longo do pasado mandato municipal, á de Vimianzo xa lle afectaba a reforma da lei electoral, segundo a cal para aprobar unha moción na que estean implicados concelleiros considerados tránsfugas polos seus partidos non abonda con que conten coa maioría absoluta do pleno -neste caso tíñana-, senón que precisan un ou unha edil máis por cada tránsfuga implicado. Así as cousas, precisarían dúas sinaturas máis coas que non contan e a censura non chegará a bo porto. "O pobo de Vimianzo ordenou non á corrupción", resume o alcalde.
A nova lei electoral esixe un concelleiro adicional por cada tránsfuga implicado na moción
Mentres na casa do Concello vimiancés Antelo informaba do cambio de rumbo dos acontecementos, nun coñecido hotel compostelán tres dos edís censores explicaban a súa versión dos feitos. Quen compareceron ante a prensa foron José Manuel Rodríguez, o agora ex socialista que fora proposto como candidato á alcaldía na moción de censura, e dous dos tres membros do grupo municipal de IxV, Manuel Soto e Mónica Rodríguez. Os tres aseguran que están a valorar recorrer á Xustiza porque o sábado, cando foron rexistrar a moción, "non estaba a secretaria" municipal. Segundo Soto, o propio alcalde tamén "desapareceu" para así impedir que a moción se tramitase.
Pero as ameazas sobre posibles accións legais esténdese tamén ás direccións do PSdeG e do PSOE. Segundo Rodríguez, el mesmo acudio á sede nacional dos socialistas galegos para consultar se seguía a constar como afiliado do partido e alí non foi informado. Neste escenario, optou por acudir á sede federal socialista, en Madrid, onde "me din que son afiliado de toda lei". Xusto despois, de volta en Galicia, remata, é informado de que no Concello de Vimianzo xa foi rexistrado un escrito, con data de 4 de marzo, no que o PSOE notificaba a súa baixa como afiliado. Isto, acusa, produciuse sen que se lle dese dereito a "audiencia".
Segundo os edís implicados, a censura era apoiada "pola maioría silenciosa" de Vimianzo
A cuestión procedimental foi, non obstante, residual na comparecencia de Rodríguez, quen investiu notablemente máis tempo en cargar contra o que xa é o seu ex partido e tamén contra o BNG. Antelo, acusa, está "facendo unha política rastrera, con ameazas, ataques a funcionarios" e por iso "eu falei con Fran Caamaño", secretario xeral do PSdeG na Coruña, para que "falase con Jorquera", voceiro parlamentario do Bloque, "para que parase o acoso e estábamos dispostos a parar a moción". Non obstante, advirte, a operación "íalle dar unha alcaldía ao PSOE, que non ten tantas".
Segundo Rodríguez, as alertas lanzadas polo alcalde sobre as "corruptelas" desenvolvidas no Concello durante anos non son máis que "para machacarnos, como fai o BNG en todos os sitios" e iso tamén valora denuncialo. Mentres, di Soto, de IxV, a "maioría silenciosa" da vila comezou a sentir "alegría" pola presentación da censura. A existencia desa suposta maioría, asegura, "vaina comprobar" o alcalde "cando volva haber eleccións". Capítulo final, cando menos de momento.