As fotos de Feijóo co narco Marcial Dorado sacuden a política galega

Feijóo, xunto a Marcial Dorado, nunha das fotografías de El País © El País

Outra fotografía nun barco que sacude a política galega. Desta vez aféctalle ao propio presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que é protagonista da portada deste domingo de El País nunha fotografía de hai case vinte anos na que se ve nun iate xunto ao histórico narcotraficante Marcial Dorado Baúlde.

Nas distintas imaxes pode verse a Núñez Feijóo nunha embarcación de recreo xunto ao narco, co que, segundo conta o diario, mantiña unha estreita relación de amizade a mediados dos anos noventa. Daquela, o actual presidente da Xunta ocupaba altos cargos tanto no Goberno galego como no central.

Feijóo mantiña a mediados dos 90 unha estreita relación de amizade co contrabandista, que fora xa detido dúas veces

"A relación incluíu convites a Feijóo á casa e ao barco de Dorado, ademais de viaxes que realizaron xuntos", conta El País, que aclara tamén que por aquela época o contrabandista xa fora detido dúas veces: en 1983 nunha gran redada contra o contrabando de tabaco e en 1990 dentro da operación Nécora, aínda que non chegou a ir á cadea. Foi anos despois da relación con Feijóo cando acabou na prisión, na que cumpre unha condena de 14 anos.

El País conta que se reuniu con Feijóo o pasado día 20 para amosarlle as fotos cun contrabandista que coñece a través do que fora testaferro de Dorado, Manuel Cruz -falecido nun accidente- e que era un coñecido militante do PP en Ferrol e chófer oficial de conselleiros como Romay Beccaria, impulsor da carreira política do actual presidente.

Feijóo tería coñecido a Dorado a través do seu testaferro, coñecido militante do PP e chófer de Romay Beccaria

Feijóo coñeceu a Marcial Dorado con 34 anos, sendo número dous da Consellería de Sanidade que dirixía Romay e mantivo a amizade con el ata uns meses despois de marchar a Madrid. O presidente da Xunta explicou a El País que a relación con Dorado comezou sobre 1995 e que se limitou ao ámbito de ocio. De feito, recoñece que estivo no seu barco e na súa casa e que viaxou con el, pero nega calquera lazo económico ou que coñecese os seus negocios. Tamén nega que Manuel Cruz participase nestes negocios ou que o narco tivese influencia ningunha nas súas decisións como cargo público.

Feijóo aclara que rachou a relación con Dorado en canto a Audiencia Nacional abriu unha investigación contra el

Feijóo asegura que cortou a relación con Dorado cando en 1997 soubo que a Audiencia Nacional abrira unha investigación contra o narcotraficante. Este mesmo domingo, na Cadena Ser, asumiu que cause sorpresa que non tivese coñecemento dos problemas coa Xustiza do seu antigo acompañante e aclara que "de sabelo" non se "tería fotografado" con el. Máis tarde, noutra entrevista na Radio Galega, manifestaba: "Souben que o involucraran en casos de contrabando, mais sempre saíu inocente". Ademais, comprometeuse a dar explicacións no Parlamento.

Tamén aclara que sabía desde 2004 que as fotografías con Dorado foran requisadas durante un rexistro xudicial ao domicilio do contrabandista e que foi ameazado por dirixentes do PSOE se non baixaba o ton dos seus ataques.

"Souben que o involucraran en casos de contrabando, mais sempre saíu inocente", dixo o presidente da Xunta este domingo

Foi nos mesmos días nos que o PP fixo circular unha fotografía do daquela vicepresidente da Xunta, o nacionalista Anxo Quintana, no iate do empresario Jacinto Rey. Daquela Mariano Rajoy chegara a pedir a dimisión do ex voceiro nacional do BNG. Dous anos despois, o desaparecido Xornal de Galicia e Público publicaron unhas fotografías do agora presidente do Goberno central no Moropa, un barco ligado a unha familia de narcotraficantes na que o político pontevedrés tería feito campaña electoral en 2009.

Comunicado de Feijóo de madrugada

O presidente da Xunta non tardou en reaccionar. Ante a inminente publicación das fotografías na edición deste domingo de El País, Feijóo emitiu un comunicado asinado por el mesmo case á unha da madrugada. Nel asegura que non lle sorprende a publicación das imaxes. "Desde hai xa anos, supoño que coa intención de amedrentarme, fixéronme chegar mensaxes privadas e insinuacións públicas de que se farían chegar aos medios de comunicación", aclara, tras dicir que ten "a conciencia tranquila".

A principios de 2011, ao ser preguntado secretario xeral do PSdG, Pachi Vázquez, por unha información relacionada co ex delegado territorial da consellaría de Medio Ambiente en Pontevedra, Evaristo Juncal e a súa relación con contrabandistas e capos históricos do narcotráfico, Vázquez respondeu que "Feijóo e o narcotráfico andan aí, aí".

O presidente da Xunta asegura que non lle sorprende a aparición das imaxes porque fora advertido da súa posible publicación

"Ningún pretendido intento de amedrentarme me freou no desempeño do meu labor na defensa dos intereses xerais e crítica daquilo que non considero apropiado, porque a miña traxectoria persoal e profesional permíteme ter a conciencia moi tranquila e actuar en consecuencia", insiste Feijóo, que asegura que as fotografías "foron descartadas en diferentes operacións xudiciais por irrelevantes".

"Actuarei na defensa da miña honra contra aqueles que pretendan valerse da publicación destas fotografías para difamarme ou poñer en cuestión a miña traxectoria", advirte Feijóo, que di que responderá calquera dúbida sobre as imaxes a través dos medios de comunicación.

A imaxe de Feijóo e Dorado, na capa de El País © El País

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.