"Baixo o meu punto de vista, é imposible que Feijóo non soubese quen era Marcial Dorado". Quen así fala é Manuel Fernandez Padín, quen fora testemuña protexida na operación Nécora, narcotraficante arrepentido do clan dos Charlíns e cuxa colaboración coa Xustiza permitiu desmantelar a maior organización de contrabandistas de Galicia. "Todos os galegos ou os que nos coñecemos entre nós sabemos a que se dedica cadaquén, máis aínda tendo en conta de quen se trata e sabendo que no ano 1995 xa pasara a operación Nécora, cando xa se sabía que os contrabandistas deran paso do tabaco ao narcotráfico", asegurou o arousán nunha entrevista na Cadena Ser.
"En 1995, xa fora a operación 'Nécora' e xa se sabía que os contrabandistas deran o paso ao narcotráfico", lembra Fernández Padín
Fernández Padín, que carece de protección policial e que leva anos queixándose da desatención das autoridades no seu caso, foi máis aló no programa La Ventana e asegurou que "xa cando o PP era aínda Alianza Popular había unha plena connivencia entre as autoridades e o contrabando". "Nos restaurantes mesturábanse contrabandistas e xente de AP, iso foi algo de toda a vida", asegurou, tras lembrar que Laureano Oubiña xa advertiu algunha vez de que "podería tirar da manta". "A súa palabra valeu para algunhas cousas e para outras non", dixo.
Respecto das polémicas fotografías de Feijóo en El País, Fernández Padínn non cre as xustificacións do presidente da Xunta. "Se un señor está condenado por narcotrafico e ten o historial que ten, como non vai saber quen é?", preguntouse, tras aclarar que "non só os políticos do PP" tiñan relación con xente involuncrada en negocios ilícitos, aínda que centrou as súas críticas na formación conservadora.
"Os narcos queren que goberne o PP, que cada un saque as conclusións que queira"
"Eu non digo que o PP estea cos narcos, pero si que os narcos queren que goberne o PP. De aí que cada un saque as conclusións que queira", insistiu, tras denunciar que era "continua" por parte dos narcotraficantes "a colocación e promoción de candidaturas de alcaldes do PP" nas Rías Baixas. "Como vas estar nunha lancha pneumática cun señor que non sabes quen é?", volve preguntarse Fernández Padín, que si entendería que Feijóo non coñecese o historial de Dorado "se tivese dez anos". "Está con alguén coñecido como Dorado e non sabe quen é nin a que se dedica? Por favor, que teñen vergonza. É imposible", remata un arrepentido que di ter "o medo que ten que ter" e que recorda que "xa foi ameazado moitas veces". "Poden acabar comigo cando lles dea a gana", finaliza.