O PP impide cobrar máis impostos á banca e ás rendas superiores a 100.000 euros

Vista do hemiciclo durante o debate de política xeral © Ana Varela

Non haberá máis impostos para a banca nin para as persoas residentes en Galicia que cobren máis de 100.000 euros ao ano. A maioría absoluta do PP impediu que o derradeiro debate de política xeral da lexislatura rematase coa aprobación dunha lei para "establecer unha imposición sobre os depósitos da banca", proposta polo PSdeG, e coa "elevación dos tipos no treito autonómico do IRPF para rendementos superiores aos 100.000", como reclamaba o BNG. Ben ao contrario, a aposta dos populares na parte máis concreta foi sacar adiante sen modificacións o anuncio realizado vinte e catro horas antes polo presidente da Xunta, instando o Goberno galego a iniciar a tramitación dunha Lei do Emprendedor na que se inclúan baixadas de impostos para, segundo o grupo que sustenta o Goberno, contribuír á "creación de emprego".

Concretamente, cando estea aprobada a nova lei deduciranse ata 600 euros no IRPF "ás persoas que causen alta por primeira vez no censo de emprendedores" e quen "invista en accións ou participacións sociais de novas entidades" poderá deducir ata 8.000 euros no imposto da renda. Ademais, o imposto de sucesións e doazóns desaparece nun 95% nas achegas de cartos de pais a fillos para crear "unha empresa ou un negocio" e o imposto de actos xurídicos elimínase "na transmisión de inmobles destinados a local comercial" e nos "préstamos para adquirilos". Estas iniciativas non contaron co apoio da oposición, xa que tanto socialistas como nacionalistas coidaron que, en plena crise, urxe "incrementar a recadación" da Xunta para así evitar novos recortes.

O Goberno galego reclamará ante o Banco de España que Novagalicia Banco devolva os cartos das preferentes

Fronte a este desacordo económico, os grupos acadaron a unanimidade nunha trintena de proposicións a comezar por un dos asuntos que máis presente estivo ao longo do pleno de política xeral: as participacións preferentes de Novagalicia Banco, emitidas polas antigas Caixa Galicia e Caixanova. Así, os tres grupos combinaron as súas tres iniciativas na materia para elaborar unha transacción na que se chama a Xunta a "promover solucións aos titulares das participacións preferentes" que mercaron estes produtos financeiros "sen información axeitada". Nomeadamente, o Goberno galego terá que reclamar ante o Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores que "promova" ou "preste" as "autorizacións necesarias" a Novagalicia Banco "e ao resto de entidades financeiras" para que os investidores poidan recuperar os seus cartos. Asemade, o Instituto Galego de Consumo asesorará os afectados e remitirá semestralmente un "balance" ao Parlamento sobre o "número de afectados e de reclamacións presentadas".

Lei de Publicidade , Parador de Muxía e veto aos anuncios de prostitución

A unanimidade da Cámara avalou tamén que a Xunta inicie os trámites dunha lei que xa fora prometida polo actual Executivo e tamén polo bipartito, a de publicidade institucional, considerada "urxente" polo gabinete de Feijóo no inicio da lexislatura pero que aínda non comezou o seu percorrido parlamentario. Neste caso a instancias dunha proposta do PSdeG os populares comprométense a que "no actual período de sesións", isto é, antes de xullo, un texto legal "remate coas prácticas opacas e regule a relación dos medios de comunicación e o poder político". 

O PP comprométese a que a Xunta aprobe a Lei de Publicidade Institucional e reclame o Parador de Muxía

Co mesmo apoio dos tres grupos saíu adiante outra proposta socialista relacionada cos medios de comunicación, a relacionada a tentar rematar cos anuncios de prostitución. Aínda que sen demasiada concreción, o PP asume o compromiso de, dende a Xunta, "promover a eliminación" deste tipo de anuncios tanto "na Internet" como "nos medios de comunicación" con difusión en Galicia. Tamén en materia de igualdade houbo acordo de todo o arco parlamentario en torno a unha proposta do PSdeG que, atendendo aos plans do Goberno central, podería ter pouco percorrido, dado que se relaciona coa lei do aborto que o ministro Ruiz-Gallardón prevé refomrar. Con todo, do debate de política xeral sae o compromiso de que o Executivo de Feijóo elaborará e remitirá ao Parlamento "un informe" sobre a aplicación desta lei, detallando "como mínimo" as "medidas de educación afectivo-sexual" postas en marcha, o uso dos "métodos anticonceptivos" ordinarios e "de emerxencia" e "todo o relacionado cos embarazos non desexados e a interrupción voluntaria do embarazo".

Aínda que con algunha modificación tamén saíu adiante a proposta socialista para "instar á Xunta a esixir do Goberno de España a inmediata execución das obras do Parador de Turismo de Muxía", cuxa paralización anunciou este martes o ministro de Industria, José Manuel Soria. Fronte a estas e outras iniciativas do PSdeG apoiadas por todos os grupos o PP só permitiu que saíse adiante unha única das rexistradas polo BNG, segundo a cal o Goberno galego reclamará do Estado a transferencia das competencias en materia de formación profesional continua.

Votación das propostas de resolución CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.