Felipe González. Pablo Escobar. Herri Batasuna. Os ERE de Andalucía. Bildu. Jorge Dorribo. Arnaldo Otegi. As primarias dos socialistas. O piano e a Sorbona. A sesión parlamentaria na que Alberto Núñez Feijóo compareceu para falar das súas fotos co narcotraficante Marcial Dorado publicadas por El País serviu, dalgún xeito, de resumo dalgúns modos e maneiras do último lustro na política galega. Un irado presidente da Xunta accedeu ao atril do Pazo do Hórreo non para darlle explicacións á oposición, senón "ao meu pobo", e para atacar con dureza con acusacións diversas a PSdeG, AGE e BNG despois de, telegraficamente, resumir en "vinte e tres preguntas que os galegos me poderían facer na rúa" o seu argumentario dos últimos dez días a respecto das imaxes co narco. En síntese: "equivoqueime" pero "nin eu era presidente ni el, narcotraficante" en 1995.
Como nos últimos días, Feijóo presentouse ante a Cámara como a vítima dunha "chantaxe", dunha operación para "amedrentalo" á que agora se sumou a oposición, con "infamias" e mesmo "coaccións". "Eu dou a cara, vostedes non deron a talla", acusa quen asegura sentirse coa "liberdade que dá a verdade" fronte ás "insinuacións" opositoras. "Esperaban que calase, que me amedrentase", di, pero non o fai porque a súa relación con Dorado "limitábase a momentos de ocio" e, "cando se estableceu a relación", non sabía "nada" del, tampouco do seu presunto testaferro, Manuel Cruz, naquela altura amigo do actual presidente. "Non teño poderes adivinatorios", alega, amosándose tamén como vítima dunha "hipocresía" dos demais grupos, que "tampouco porían a man no lume" polos devanditos escobar, HB, "corruptos, terroristas"... Así e todo, admite, viaxou con Dorado "aos Picos de Europa, Baleares, Tenerife e Portugal".
Feijóo ataca a oposición e deixa caer que as empresas de Dorado si recibiron fondos da Xunta en diferentes épocas
No medio do ataque, Feijóo deixou caer un dato: as empresas de Dorado si recibiron fondos públicos da Xunta. Non asignados por el, pero recibíronas. Isto é o que cabe deducir dun dos seus múltiples reproches á oposición: "A lexislatura na que se lle deron máis cartos ás empresas do señor Dorado" foi "a do bipartito", di o presidente, quen lle adxudica a socialistas e nacionalistas a concesión de "axudas e subvencións" a estas compañías "por un importe moi superior a calquera das lexislaturas do presidente Fraga". Daquela, acusa por enésima vez, Dorado si "estaba na cadea".
Unha cuestión "ética"
Pero a oposición non viña realizar un xuízo. "Isto non é o Tribunal Superior de Xustiza", ilustrou o socialista Pachi Vázquez, esta é unha cuestión "ética" e "política", coincidiron Xosé Manuel Beiras e Francisco Jorquera. A de Feijóo e Dorado "non foi unha relación ocasional", senón "intensa e mantida no tempo" e protagonizada "polo número dous da Consellería de Sanidade" mentres "a primeira causa de morte dos mozos galegos de entre 25 e 34 anos era a drogadicción e a sida", subliña o líder do PSdeG. "A sociedade organizábase e loitaba contra os narcotraficante" e mentres "vostede percorría as rías nos iates dos narcotraficantes". "É mentira que diga que non sabía quen era", toda vez que "toda a prensa" reflectía dende os anos 80 as súas ligazóns co contrabando e o blanqueo de cartos. "Leva quince anos de mentira, vostede é unha mentira".
Vázquez: "A sociedade loitaba contra os narcotraficantes mentres vostede percorría as rías nos seus iates"
Vázquez coida que Feijóo non pode seguir á fronte da Presidencia e tamén o cre Beiras, quen interveu entre unha mestura de "noxo" e "idignación dificilmente freable". As explicacións que se lle reclaman a Feijóo, di o líder de AGE, corresponden ao tempo que era "alto cargo de Sanidade e a droga estaba a facer estragos", pero Feijóo "vén insultar a oposición e aqueles que padeceron aquela peste en primeira liña de fogo". "Vostede faime chorar, de noxo, carraxe e indignación", clamou, visiblemente alterado, o histórico nacionalista, quen lembra que dende "seis anos antes de que vostede disque entrou en relación por primeira vez con Marcial Dorado", está "documentado" como "os clans" como o de Dorado "pasaron do fume á fariña", isto é, do contrabando de tabaco ao narcotráfico. "Se vostede non sabía o que ocorría, como podía estar nun cargo de tanta relevancia?", pregúntase. "Vostede -conclúe Beiras- é a indecencia feita persoa, despreza a moral e a ética, todo por unha cobiza e ambición de poder".
Beiras: "É vostede a indecencia feita persoa, todo pola cobiza e a ambición de poder"
De "ética" falou tamén o voceiro do BNG quen, en presenza de representantes das organizacións antidroga de Arousa, que seguían o debate dende a tribuna, lle amosou ao presidente unha imaxe "da xeración perdida de Vilanova de Arousa". "Das dez persoas que figuran na foto, seis morreron vítimas das drogas" e "mentres ían caendo, vostede acudía moi preto de alí para visitar o seu executor, o señor Dorado, o seu amigo". "Pregúntelles a eses pais e nais quen era Marcial Dorado", reta o nacionalista, para quen non vale "apelar á ignorancia" para xustificar o inxustificable". "Non estamos examinando responsabilidades penais", subliña Jorquera, pero Feijóo tampouco "comparece por fumar un canuto nos tempos de mocidade". "Ocupaba un alto cargo" cando "as drogas eran un problema de saúde pública en Galiza", iso, di, "é o que estamos valorando" e por iso Feijóo "non é digno de ser presidente da Xunta", ademais de ser "amoral" e "indecente".
As críticas ao presidente chegaron tamén dende fóra do Parlamento, xa fose a través das persoas afectadas polas preferentes que se manifestaban ante o Pazo do Hórreo arroxando fariña ironicamente, como dende Compromiso por Galicia, cuxo secretario xeral, Xoán Bascuas, seguiu a comparecencia. "Foi unha tomadura de pelo á cidadanía galega", di o líder da formación galeguista, para quen a intervención presidencial estivo "inzada de mentiras" e "prepotencia", cun Feijóo "na súa versión máis pateica e mentireira". "Menos mal que existen as hemerotecas para demostrar que na década dos noventa Dorado xa era coñecido por actividades delitivas alén do contrabando de tabaco", engade Bascuas, dende cuxo punto de vista este episodio "nun país con cultura democrática significaría unha dimisión fulminante".
Jorquera: "Ocupaba un alto cargo cando as drogas xa eran un problema de saúde pública, non é digno de ser presidente"
A defensa do presidente correu a cargo do grupo popular en pleno, con aplausos e golpes no chan, e do seu voceiro, Pedro Puy, dende a tribuna. Para o líder do grupo conservador as fotos reflicen dúas cousas: que Feijóo "foi utilizado por narcotraficantes" e tamén "un pasado no que a sociedade galega foi capaz de reaccionar e non permitir que os capos da droga permeasen na nosa sociedade". En calquera caso, o presidente estivo "especialmente ben" na súa intervención e a "demagoxia", que é "o peor inimigo da democracia", só foi cousa da oposición.