0 Gardados para despois

Feijóo di rexeitar o copagamento sanitario pero xustifica que se impoña en Catalunya

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Pagar dúas veces pola sanidade? Con diferentes formulacións o presidente da Xunta tivo que responder a esta pregunta en varias ocasións ao longo deste mércores. Primeiro, nunha entrevista na Cadena SER e despois, na sala de prensa do Palacio de La Moncloa, Alberto Núñez Feijóo optou  pola mesma fórmula: asegurar non ser partidario de cobrarlles ás persoas que acodan a un centro sanitario público a seren tratadas pero non censurar a nova que se producira horas antes en Catalunya, a aprobación da taxa de un euro por receita, impulsada polo Goberno de Convergència i Unió e apoiada polo PP. "Se un presidente autonómico decide instaurar unha taxa farmacéutica, non o vou criminalizar", di o presidente, que non critica a medida do gabinete de Artur Mas "por responsabilidade" e porque "creo no Sistema Nacional de Saúde".

Feijóo fía futuras decisións ao que decida o Consello Interterritorial de Saúde e asegura que Mas non é "malvado" por impoñer o copagamento

Aínda que as preguntas da prensa madrileña o fixeron practicar máis dun equilibrio dialéctico, Feijóo deu en defender que non lle parece "razoable" que ese copagamento se poida aplicar a "consultas", "urxencias" ou "intervencións cirúrxicas" e, a continuación, en lembrar as "dificultades" do sistema sanitario no conxunto do Estado, coa súa débeda de "15.000 millóns de euros" que "non se paga simplemente por facer unha boa frase". Segundo Feijóo, a súa "opinión" neste asunto é ben "coñecida", "no sentido de que hai bolsas de ineficiencia" na sanidade pública". O "prioritario", mantén, é levar adiante unha "política farmacéutica razoable" para "non cobrarlle a ninguén por ir ao médico". "Se en España somos quen de preservar a asistencia sanitaria sen copagamentos, será un excelente traballo e esa é a miña proposta".

Así e todo, o presidente galego non dá nada por definitivamente pechado, especialmente no que se refire á achega da Administración pública aos medicamentos. Neste sentido, fía futuras decisións ao "debate" que, na súa opinión, debe producirse "no marco do Consello Interterritorial de Saúde". Horas antes, na súa intervención radiofónica -na que empregou como topónimo a expresión Costa de la Muerte- apostaba tamén por non pechar a porta a este tipo de decisións. Preguntado pola nova taxa catalá, Feijóo explicou que á sanidade "non a pode levar por diante a crise" e que "non proceden demagoxias" nunha "situación crítica". Así, o titular da Xunta defende levar adiante "todo o que teñamos que facer para garantir a viabilidade" do sistema. Quen, como Mas, impón "unha taxa" por cada receita "non é porque sexa un malvado contra a sanidade", senón porque a súa situación lle "impide" facer outra cousa que non sexa "pedirlles un esforzo aos cidadáns".

Á marxe da explicación de Feijóo, dende o Goberno central a referencia ao asunto é mínima e, nunha breve nota, só sinalan que Feijóo e Rajoy "falaron sobre a débeda das comunidades autonómas e sobre o financiamento autonómico e dos servizos públicos".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Esténdese o 'culebrón' do AVE á Meseta: Rajoy dará persoalmente unha nova data

A primeira xuntanza de Rajoy e Feijóo na Moncloa tivo sobre a mesa o que xa é un clásico das reunións entre os presidentes dos gobernos galego e central dende os tempos de Manuel Fraga e José María Aznar, isto é, a conexión entre Galicia e a Meseta por alta velocidade. O que foi cabalo de batalla da actual Xunta contra o Ministerio de Fomento cando este era dirixido por José Blanco non é, tras as eleccións do 20 de novembro, motivo de controversia senón de espera. Segundo o titular da Xunta, Rajoy xa traballa cos responsables de infraestruturas para fixar unha data "certa" para a finalización das obras. Cando rematen eses traballos, di, será o propio líder do PP quen "concrete as datas e os prazos da chegada do AVE a Galicia".

Neste escenario, e despois de que o Pacto do Obradoiro asinado en 2009 fixase 2015 como límite, Feijóo ve "razoable" o ano 2018, estimado pola propia Xunta hai meses pero que, non obstante, o presidente considera agora "moi ambiciosa" dende o punto de vista económico, por iso, di, Fomento está a valorar os "escenarios financeiros dos próximos anos". É a Rajoy a quen "lle corresponde a última palabra" e por iso, di, marcha da Moncloa "moi contento e moi tranquilo".

A mesma satisfacción maniféstaa Feijóo ao afirmar que Rajoy garante que o Parador de Muxía se fará "si ou si", aínda que o ministro de Industria, José Manuel Soria, anunciase o seu bloqueo este martes. O presidente español "é un político que cando di unha cousa, faina" e hoxe Rajoy "transmitiume a súa decisión de que se faga nesta lexislatura". Se é así, o prazo total dende que foi prometido estenderíase en case década e media.

Non menos ledo se amosou Feijóo cando asegurou que a que pretendeu ser a súa proposta estrela no debate de política xeral, a fusión de Oza dos Ríos e Cesuras, foi "eloxiada" por Rajoy, quen toma "boa nota", ou ao ver garantido que dende o Goberno central se compromete a conseguir "carga de traballo" para Navantia Fene. Á mesma hora, en Santiago, milleiros de traballadores do naval formulaban esa mesma esixencia ante a Xunta.

O presidente da Xunta, tras a súa xuntanza con Rajoy, afirma estar en contra do copagamento sanitario pero rexeita "criminalizar" á Generalitat de Catalunya por inicialo.

CC BY-SA Praza Pública

Alberto Núñez Feijóo xustifica na SER o copagamento sanitario imposto en Catalunya para que a crise "non leve por diante" a sanidade pública

© Cadena SER

Guillerme Vázquez: "Puido aforrar a visita, volve con cero compromisos"

Pouco despois do remate da xuntanza entre Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, amosouse escéptico ante o optimismo co que o presidente da Xunta rematou o encontro. Dende o seu punto de vista, o xefe do Goberno galego "non foi quen de arrincar ningún compromiso serio e fiábel con Galiza", polo que "puido aforrar a visita", xa que o encontro se converteu en "perfectamente prescindíbel", a xulgar polos resultados.

"Moita foto na Moncloa, pero cero compromisos serios con Galiza", resume o líder nacionalista, que bota en falta determinacións "serias" do Goberno central en áreas tan sensibles como o sector naval. "O que lle veu dicir a Feijóo foi o mesmo que lle dixo" a Francisco Jorquera no Congreso, di, "pero está claro que se sentiu ben máis presionado por Jorquera que por Feijóo. Do mesmo xeito, Vázquez coida que o manifestado por Feijóo en torno ao AVE abre un "novo capítulo do pacto fraude" sobre as infraestruturas ferroviarias galegas e, sobre o parador de Muxía, ve o compromiso de Rajoy "tan pouco fiábel como os anteriores". "Despois dun atraso de non se sabe canto, dicir que o vai facer en catro anos e tanto como non dicir nada".

Así as cousas, o nacionalista amósase decepcionado cos resultados obtidos por Feijóo en Madrid. Isto acontece, di, porque o titular da Xunta non viaxou  como presidente, senón como un "membro do PP que se vai entrevistar co xefe do seu partido".