Dende maio de 2012 José Julio Fernández exerce como Valedor do Pobo en funcións. Ata esa data era un dos vicevaledores do titular da institución, Benigno López. Concretamente, era o proposto a iniciativa do PP. Unha das súas poucas intervencións en temas de actualidade ata o momento, o pasado 6 de abril, foi interpretada por moitos como un aliñamento coas teses do partido que inicialmente o designou, ao considerar que as fotos de Alberto Núñez Feijóo co narco Marcial Dorado, publicadas por El País, carecían de "interese xornalístico". Pero este venres Fernández desplazouse ás antípodas da formación conservadora para, na presentación do seu primeiro informe anual, basear en razoamentos xurídicos opinións sobre temas tan sensibles como as preferentes, os desafiuzamentos e, sobre todo, os coñecidos como "escraches".
O que para o PP é "acoso", en verbas de Alberto Núñez Feijóo, ou directamente "nazismo puro", segundo María Dolores de Cospedal, para o alto comisionado do Parlamento de Galicia é un exercicio do dereito "á liberdade de expresión", cando menos "os que coñezo pola información de prensa", dado que "eu non estiven en escraches". Para José Julio Fernández este tipo de protestas, nas que a Plataforma de Afectados pola Hipoteca e outros colectivos se manifestan ante as vivendas de determinados responsables públicos pola súa posición ante os desfiuzamentos, son un tema "interesante, constitucionalmente falando", toda vez que aborda unha eventual "colisión de dereitos fundamentais", tales como a propia liberdade de expresión e manifestación, o dereito á integridade física ou á intimidade. E, polo momento, non ve que se sobrepasasen límites.
Fernández coida que os problemas legais dos escraches chegarían "se se repiten durante certo tempo" na casa da mesma persoa
A única dúbida legal do Valedor ao respecto chegaría "se o escrache se repite durante certo tempo" na casa da mesma persoa, porque "a repetición" acabaría por "afectar á integridade da persoa obxecto da protesta". Pero "un día determinado" non é "desproporcionado", nin sequera "dous" ou "tres", aínda que a manifestación implique "berros" ou "megáfonos". Iso, coida, "non é inconstitucional". Só "o exceso de tempo pode dar lugar á violación dun dereito fundamental neste caso". En calquera caso, salienta, xa "o dixo o presidente do Tribunal Supremo, mentres que non haxa desproporción, é liberdade de expresión".
Desafiuzamentos executados por quen "provocaron a crise"
As valoracións a respecto dos escraches chegaron, a preguntas da prensa, no marco da presentación do informe anual do Valedor do Pobo, marcado entre outros factores polos desafiuzamentos ou, o que é o mesmo, pola non satisfacción dunha "necesidade básica do ser humano para garantir a igualdade real e efectiva", como é "o dereito a unha vivenda digna". Con 17 queixas formais en 2012 e 32 no que vai de 2013 o Valedor constata que as familias que "ven en perigo a aplicación deste dereito" están nesa situación "non pola súa culpa, senón pola doutras instancias ou persoas". "Algunhas" das "instancias" que as levaron a esta situación son "curiosamente, os banqueiros que agora os queren botar da casa", os mesmos que "especularon no seu momento e provocaron esta crise", censura.
O Valedor ve "inadmisible" que se produzan desaloxos mentres "hai un amplísimo parque de vivendas baleiras"
Nun discurso máis próximo aos de colectivos como Stop Desafiuzamentos -co que se reuniu no último ano- que ao dos diferentes gobernos o Valedor debuxa unha situación na que "as entidades bancarias que agora tentan executar hipotecariamente a persoas actuaron imprudentemente" no momento da "concesión dos créditos", cando "sobrevaloraron a capacidade de endebedamento dos compradores". "No 99% dos casos non teñen a culpa da situación que están vivindo", polo que resulta "inadmisible" que os bancos non colaboren coa propia institución que encabeza cando se dirixe a eles para tentar frear un desfiuzamento. "Calquera reticencia debe ser criticada de xeito contundente" porque os bancos son uns "privilexiados neste momento", advirte.
Para José Julio Fernández este non é un problema só económico ou político, senón tamén "ético". Resulta, ao seu xuízo, "inadmisible que exista un amplísimo parque de vivendas baleiras" e que este conviva coa "lacerante realidade de familias que poden perder a súa vivenda digna e adecuada". Por este motivo ve "imprescindible" a "creación dun fondo social de vivenda para responder ao problema", tendo en conta ademais que as reformas do Goberno central contemplan "con demasiadas cautelas" medidas como a dación en pagamento, esixindo "niveis de ingresos case de exclusión social".