O Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) publicou este venres o seu barómetro correspondente ao mes de abril, pero tamén o seu barómetro autonómico, realizado entre setembro e outubro de 2012. Este estudo permite observar un notable incremento das posicións recentralizadoras en España se o comparamos co barómetro autonómico anterior, que data de comezos do 2010. Daquela só o 25% dos entrevistados apostaba por suprimir ou recortar o autogoberno das nacionalidades e rexións, unha posición que agora crece até o 37%. Podemos falar de polarización, pois a preferencia por un Estado centralizado dispárase en certas rexións (en Madrid pasa do 38% ao 57% e Valencia do 30% ao 56%) ao tempo que tamén crecen as posicións independentistas e federalistas en Catalunya (do 53% ao 65%) ou no Pais Vasco (do 30% ao 45%).
Este estudo permite observar un notable incremento das posicións recentralizadoras en España. En 2010 só o 25% dos entrevistados apostaba por suprimir ou recortar o autogoberno das nacionalidades e rexións, unha posición que agora crece até o 37%
Galicia fica no medio, pero crecen lixeiramente os que desexan unha supresión ou unha redución das competencias autonómicas. Un 49% dos galegos defenden o mantemento do actual Estados das Autonomías pero os que apostan por un Estado completamente centralizado ou por limitar o autogoberno crecen até o 31,5%. As posicións que apostan por incrementar o autogoberno (9,6%) ou polo recoñecemento do dereito de autodeterminación manteñen niveis máis baixos (2,7%). Con respecto ao Barómetro Autonómico realizado entre xaneiro e marzo do 2010, aumentan os que apostan por reducir ou eliminar o autogoberno, que daquela eran o 27,6%. Tamén aumentan lixeiramente os partidarios da autodeterminación (entón eran o 1,7%) pero redúcense os que defenden unha meirande autonomía (eran o 13,5%).
Estes datos amosan que as posicións recentralizadoras en Galicia (31,5%) quedan por debaixo da media do Estado (37%). E fican aínda máis lonxe das que se acadan por exemplo en Madrid (57%), a Comunidade Valenciá (56%), Aragón (51,1%) ou Castela e León (49%). Pero tamén son moi distintas das que a enquisa rexistra en Catalunya ou o Pais Vasco e Navarra. En Catalunya só o 14% aposta pola recentralización total ou parcial e o 37% aposta por avanzar cara á autodeterminación e un 28% por un Estado federal. No País Vasco só o 6% quere limitar a autonomía e en Navarra só o 8%.
En Catalunya só o 14% aposta pola recentralización total ou parcial e o 37% aposta por avanzar cara á autodeterminación e un 28% por un Estado federal. No País Vasco só o 6% quere limitar a autonomía e en Navarra só o 8%
Mesmo en Canarias descóbrese unha maior reivindicación do autogoberno (29,7% de opinións recentralizadoras fronte a un 21,5% de partidarios dun meirande autogoberno). Esta foto fixa da sociedade galega aseméllase á de Andalucía (28,3% de opinións recentralizadoras fronte a un 14,2% de partidarios dun meirande autogoberno) ou á de Asturias (33,1% fronte a 14,3%).
Cando a enquisa pregunta en Galicia se o Estado das Autonomías foi “positivo” ou “negativo”, o 44% dos entrevistados responde que foi positivo fronte a un 31% de di o contrario. Hai dous anos a relación era 56%-21%. Os defensores do autogoberno en Galicia destacan como elementos positivos a “maior proximidade da administración” (30%), o “maior coñecemento dos problemas” (24%) e a “defensa da identidade, cultura e idioma” (19%). O principal elemento negativo sinalado é o “aumento do gasto público” (74% das respostas). Semella que o discurso que busca relacionar autogoberno e incremento do gasto callou nestes dous últimos anos pois en 2010 só o 28,5% o citaba como un problema.
Semella que o discurso que busca relacionar autogoberno e incremento do gasto callou nestes dous últimos anos pois en 2010 só o 28,5% o citaba como un problema aparellado
Entre os problemas máis importantes do momento en Galicia destaca a sanidade, sinalada polo 16,3% dos entrevistados e que se sitúa como a terceira preocupación dos galegos e galegas, por detrás do paro e da economía. No conxunto do Estado a sanidade ocupa a cuarta posición na lista de principais problemas. Os problemas do ensino son a quinta preocupación en Galicia, co 12,5% das respostas. Sanidade e educación eran sinalados como problema por apenas o 7% e o 4% dos enquisados hai dous anos.
Lento descenso de PP e PSOE
O descenso de PP e PSOE é moito maior na intención de voto directa, que pasa do 45% ao 26% en só un ano
No que respecta ao barómetro de abril, o PP baixa un punto en estimación de voto, do 35% ao 34%, no barómetro de abril do CIS, pero amplía a súa diferenza sobre o PSOE, que cae do 30,2% ao 28,2%. IU (9,9%) e UPyD (7,4%) soben unhas décimas e o BNG pasa do 0,8% de xaneiro ao 0,7%. O descenso de PP e PSOE é moito maior na intención de voto directa, que pasa do 45% ao 26% en só un ano.
A corrupción convértese no segundo problema para os entrevistados, só por detrás do paro e ningún dos líderes políticos polos que se pregunta chega ao catro de valoración media. O 86% dos entrevistados di ter "pouca ou ningunha confianza" en Rajoy e o 90% di o mesmo sobre Rubalcaba.
Tamén cómpre destacar que o CIS volve preguntar sobre a Monarquía, despois de que deixara de facelo en outubro de 2011, cando obtivo o seu primeiro suspenso, cun 4,89 sobre dez. Un ano e medio despois a súa valoración cae até os 3,6 puntos, por riba dos partidos políticos ou o Goberno, pero moi por detrás da policía ou os medios de comunicación.