O Goberno galego vén de iniciar a tramitación da Lei de garantías de prestacións sanitarias, a norma que o presidente da Xunta atribuíu á súa "convicción persoal" e que é presentada como o soporte definitivo para que ningún doente agarde de máis na sanidade pública galega. Pero o que a priori pode ser visto como unha ferramenta fulcral para axilizar de vez o Servizo Galego de Saúde é observado con cautela por parte do persoal sanitario e polas plataformas na defensa da sanidade pública. A razón destes receos é o mecanismo previsto por Sanidade para darlles saída aos pacientes que superen os tempos de espera máximos marcados na propia lei: a privada.
Segundo o anteproxecto de lei, ao que tivo acceso Praza Pública, "os pacientes que requiran atención sanitaria hospitalaria, de carácter programado e non urxente" terán "garantida a mesma" en 60 días, no caso de intervencións cirúrxicas, 45 días para consultas externas e os mesmos 45 nas "probas diagnósticas e/ou terapéuticas". No caso das consultas externas cumprir este obxectivo implicaría, segundo os últimos datos dispoñibles -os do primeiro trimestre de 2013- rebaixar as listas actuais en apenas catro días, toda vez que a espera media está en 49,3 días. Pero para as operacións cirúrxicas o obxectivo está notablemente máis lonxe: en marzo de 2013 a agarda media situouse en 83,4 días contando POVISA -o hospital concertado vigués que é o de referencia para máis de 100.000 persoas- e en 69,3, sen POVISA.
Se o doente "non recibe unha oferta para ser atendido no tempo máximo establecido", terá dereito a ir a un hospital privado e a Xunta reembolsaralle o que gaste
Así as cousas, todo semella indicar que, especialmente nos centros hospitalarios máis saturados e en tempos de recortes, os 60 días de referencia van ser superados pola realidade. Que acontecerá entón? Segundo o anteproxecto, "en caso de que a espera prevista supere o tempo máximo establecido para a prestación da asistencia sanitaria, ofertarse a realización da prestación noutro centro da rede pública" ou tamén "nun centro concertado", isto é, nun hospital privado cofinanciado con fondos públicos. O Sergas deixa, ademais, a porta aberta a que "o paciente" non reciba "unha oferta para ser atendido no tempo máximo establecido". Nese caso "terá dereito a acudir a un centro privado da súa elección" ubicado en Galicia e "a ser reembolsado de acordo coas tarifas que se establezan". Isto é, o doente pagará a intervención na privada, pero a Xunta devolveralle os cartos.
A outra chiscadela ao sector sanitario privado atópase nun dos dereitos que crea a nova lei, a "libre elección" de centro hospitalario. Atendendo ao texto do anteproxecto "garántese o dereito dos usuarios á elección do centro ou complexo hospitalario, dependente ou concertado", para a "realización dunha intervención cirúrxica, consulta externa ou a realización dunha proba diagnóstica ou terapéutica por un problema de saúde novo". Ao non ficar reducido á rede pública, esta marxe de manobra forzará, na práctica, a seguir financiando centros concertados aínda que, en determinadas áreas sanitarias, os hospitais públicos poidan satisfacer as necesidades da poboación.
Menos información sobre listas de espera
O Sergas prevé ofrecer información sobre as listas de espera só dúas veces ao ano e non cada tres meses, como ata agora
Á marxe da relación entre sanidade pública e sanidade privada o Goberno galego tamén regulará con esta lei o xeito en que vai informar das listas de espera. Nomeadamente, Sanidade dedica o artigo 28 á "información xeral dos tempos de acceso" e explica que o Sergas "facilitará información a toda a cidadanía, a través do seu portal web, sobre o número de pacientes que figuran en espera e o tempo medio de espera para os distintos procedementos realizados por cada unha das especialidades e desagregados por centro sanitario".
Este precepto implica que o Goberno fixa na lei unha práctica que xa se desenvolve na actualidade, pero non é exactamente así. Dende hai anos o Sergas publica en internet as súas listas de espera ao remate de cada trimestre e, segundo a nova lei, esta información será publicada de maneira "semestral". Así as cousas, se a lei remata o seu trámite parlamentario sen modificacións a Xunta só informará dúas veces ao ano sobre as listas de espera do Sergas.