0 Gardados para despois

A Xunta rebaixa por terceira vez o peso do galego nas axudas aos medios

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No ano 2004 o Parlamento, aínda con maioría absoluta do PP de Manuel Fraga, aprobaba por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), un ambicioso documento no lingüístico e tamén no político, toda vez que obtivo o aval da unanimidade de toda a Cámara galega. Non poucas das medidas incluídas naquel plan tiñan como obxectivo reforzar e incrementar a presenza do galego nos medios de comunicación, unha cuestión sobre a que se realizaba un breve diagnóstico; "escasa efectividade do sistema: o pouco galego que aparece é o que se paga", en referencia ás "axudas oficiais aos medios privados para aumentar o uso do galego". Sobre esta base o Parlamento encomendáballe ao Goberno a aplicación de propostas como "alentar a formación de pequenos grupos comprometidos coa plena normalización" do idioma, realizar "acordos cos diarios de maior tirada para ir aumentando a presenza do galego" ou subvencionar "a produción" de contidos "en galego a cambio dunha porcentaxe, e non a priori".

Case unha década e tres gobernos despois da aprobación daquel plan o sistema de axudas públicas aos medios de comunicación segue, en esencia, tal e como o deixou o gabinete Fraga. A maior parte das achegas económicas da Xunta á prensa dependen da vontade do propio Executivo, sen criterios obxectivos, xa sexa pola vía do convenio, da inserción publicitaria ou outras. Así, por exemplo, tal e como reflicte o Consello de Contas no seu informe correspondente a 2010, só o 11% dos 15 millóns de euros que nese ano se inxectaron dende San Caetano aos medios foron asignados "mediante convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva". Unha destas convocatorias públicas, aínda que en réxime de concorrencia non competitiva, é a que vén de facer pública o Executivo para o ano 2013. Trátase das axudas anuais á prensa ás que se refería o PXNL ao falar do galego "que se paga". Nestes subsidios o criterio lingüístico volve perder peso por segunda vez dende a chegada de Feijóo á Xunta.

Ata o ano 2010 a difusión, o uso do galego e o traballo a prol da normalización lingüística pesaban o mesmo nas axudas

No mandato do Goberno de coalición PSdeG-BNG -que tamén comprometera, como Feijóo, regular por lei estas axudas- os criterios para repartir as axudas entre as empresas editoras de prensa, radio e televisión eran basicamente os mesmos que actualmente, pero o peso de cada un era notablemente distinto ao actual. Así, por exemplo, na convocatoria para 2009 -última asinada polo bipartito-, sinalábase que os criterios eran tres: "difusión", "emprego regular do galego" e "porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e á difusión da identidade e cultura de Galicia". "O crédito destinado a financiar estas axudas distribuirase proporcionalmente en aplicación dos ditos criterios", que valían exactamente o mesmo, explicaba a convocatoria de axudas.

En 2013 a audiencia pesa un 73%, o uso do galego cae ao 25% e a promoción da identidade galega, ao 2%

O primeiro cambio chegou co troco de cor política na Xunta. Na convocatoria de 2010 a "difusión de exemplares" pasou a pesar un 60%, o uso do galego un 30% e a normalización da lingua e difusión da identidade galega, o restante 10%. No caso das radios a difusión pasou a pesar un 70% e o galego, un 30%. Para os medios dixitais o número de visitas pasou a valer un 70% e o uso do galego quedou tamén nun 30%. Estes foron os criterios ata que foron convocadas as axudas de 2012, ás que lles aplicou unha volta de porca a prol dos medios con maior difusión. Nos "xornais escritos" a difusión foi primada cun 65% e o traballo a prol da normalización e a identidade do país rebaixouse a un 5%; nas radios e en internet mantívose a proporcion 70%-30%.

Este é o escenario no que chegan as axudas para o exercicio económico de 2013. Cun montante total de cartos a repartir que pasa de 1,8 millóns de euros a 1,55, nos "xornais escritos" a difusión ten un valor do 73%, o "emprego regular" do galego cae ao 25% e "normalización da lingua galega" e "difusión da identidade e cultura de Galicia" desplómase ata o "2 % do crédito total". Desta volta a Secretaría Xeral de Medios tamén modifica á baixa o valor da lingua propia nas radios e en internet; nestes medios a audiencia vale xa un 74% e o uso do galego, só un 26%.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Medio Rural repartiu en oito meses máis de 700.000 euros entre cinco grupos de comunicación

Mentres a Xunta realiza a súa convocatoria anual de axudas á prensa a Consellería do Medio Rural e do Mar vén de publicar, en virtude do estipulado na Lei de Transparencia de 2006, os convenios asinados con diferentes entidades, institucións e empresas no segundo e terceiro cuadrimestre do pasado 2012. Entre eses convenios -acordos bilaterais entre o Goberno e o ente de que se trate, sen concorrencia nin publicidade previa- figuran oito achegas económicas á prensa que, en total, suman 737.000 euros, todas elas para "promover campañas informativas de publicidade e comunicación institucional".

Os convenios economicamente mellor dotados, con 149.000 euros cada un, correspondéronlle a La Voz de Galicia, Faro de Vigo e Editorial Compostela (El Correo Gallego). A continuación sitúase El Progreso, con 100.000 euros e Medios Digitales de Galicia (Grupo Voz), cos mesmos 100.000. Cunhas achegas máis modestas quedaron La Opinión de A Coruña, con 50.000 euros e Grupo Lérez (Diario de Pontevedra, do grupo El Progreso), con 30.000 euros. Pecha a relación de convenios Rías Baixas Comunicación (Atlántico Diario) con 10.000 euros.