Feijóo só compareceu de xeito voluntario no Parlamento para falar sobre Zapatero

Feijóo, no último debate de política xeral © Parlamento de Galicia

Vinte de xullo de 2010. O Parlamento celebra un pleno extraordinario a instancias do Goberno. O punto central da orde do día é unha comparecencia do presidente da Xunta, a petición propia, para explicar "a situación económica e financeira". A exposición de Alberto Núñez Feijóo céntrase na acción do Executivo central, nos seus recortes, nos cartos que lle adebeda a Galicia e nas dificultades que lle pon á Administración autonómica para devolverlle os cartos que lle ingresou erroneamente. Esta foi, ata o momento, a última ocasión en que Feijóo acudiu ao lexislativo galego para tratar monograficamente algún asunto por vontade propia. Dende entón, só interveu no Pazo do Hórreo nas sesións de control da oposición ou no preceptivo debate de política xeral. Ata ese momento protagonizara cinco comparecencias e todas tiveran como argumento central a xestión do gabinete socialista en xeral e de José Luis Rodríguez Zapatero en particular.

A primeira destas intervencións foi temperá e unha das que menos suspicacias espertou entre PSdeG e BNG. Acabado de chegar a San Caetano, Feijóo era recibido por Zapatero en La Moncloa a mediados de xuño de 2009 e, o día 23 dese mes explicaba no Parlamento galego o "alcance e contido" dese encontro, así como as liñas que guiarían a relación do novo gabinete da Xunta con Madrid. Apenas un mes despois acontecería un episodio que non se volveu repetir ata o momento. Antes de que el mesmo o fixese, o Grupo Socialista reclamaba que o presidente acudise á Cámara para abordar a negociación do novo financiamento autonómico, e así aconteceu. O 30 de xullo realizou unha detallada exposición ante o pleno sobre os criterios que guiarían ese proceso, como a construción dunha fronte de autonomías do noroeste que nunca chegou a realizarse ou a preponderancia de factores como o espallamento poboacional e a emigración. Nesa ocasión tamén houbo lugar para abondosas críticas a Zapatero por, entre outras cousas, negociar bilateralmente con Catalunya -tal e como recolle o Estatut-.

Feijóo non comparece na Cámara fóra dos procedementos regrados dende xullo de 2010

Antes do remate de 2009 aínda ficaba tempo para unha terceira comparecencia, a máis crítica das que se produciran ata o momento. Xusto antes do parón de Nadal, o 21 de decembro, Feijóo subía de "urxencia" á tribuna do Hórreo para "informar do contido e alcance" da Conferencia de Presidentes, celebrada días antes en Madrid. Nesa xuntanza o titular da Xunta, como o resto de presidentes autonómicos do PP, rexeitou asinar o paquete de medidas contra a crise que lles propuxera Zapatero e a comparecencia estivo, de novo, inzada de reproches ao socialista.

Neste contexto e coa crise e o paro galopando con maior intensidade nunca chegarían as que polo momento foron as dúas últimas comparecencias. Apenas dúas semanas despois de que o Congreso dos Deputados aprobase, o 10 de maio de 2010, o paquete de recortes para evitar a intervención formal das finanzas españolas por parte da Unión Europea, con medidas como a baixada de soldos aos funcionarios ou a suba do IVE, Feijóo achegábase ao Parlamento para falar da repercusión que esas medidas terían en Galicia. Nunha liña moi semellante, antes do remate dese mesmo período de sesións, o 20 de xullo celebrábase o devandito pleno extraordinario sobre a crise. Tal e como figura na Memoria de Actividades do Parlamento, nin en 2011 nin no que vai de 2012 Feijóo acudiu á Cámara fóra das ocasións previstas e regradas.

Feijóo amosa a portada do programa electoral do PSOE en 2008 © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.