0 Gardados para despois

Feijóo só compareceu de xeito voluntario no Parlamento para falar sobre Zapatero

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Vinte de xullo de 2010. O Parlamento celebra un pleno extraordinario a instancias do Goberno. O punto central da orde do día é unha comparecencia do presidente da Xunta, a petición propia, para explicar "a situación económica e financeira". A exposición de Alberto Núñez Feijóo céntrase na acción do Executivo central, nos seus recortes, nos cartos que lle adebeda a Galicia e nas dificultades que lle pon á Administración autonómica para devolverlle os cartos que lle ingresou erroneamente. Esta foi, ata o momento, a última ocasión en que Feijóo acudiu ao lexislativo galego para tratar monograficamente algún asunto por vontade propia. Dende entón, só interveu no Pazo do Hórreo nas sesións de control da oposición ou no preceptivo debate de política xeral. Ata ese momento protagonizara cinco comparecencias e todas tiveran como argumento central a xestión do gabinete socialista en xeral e de José Luis Rodríguez Zapatero en particular.

A primeira destas intervencións foi temperá e unha das que menos suspicacias espertou entre PSdeG e BNG. Acabado de chegar a San Caetano, Feijóo era recibido por Zapatero en La Moncloa a mediados de xuño de 2009 e, o día 23 dese mes explicaba no Parlamento galego o "alcance e contido" dese encontro, así como as liñas que guiarían a relación do novo gabinete da Xunta con Madrid. Apenas un mes despois acontecería un episodio que non se volveu repetir ata o momento. Antes de que el mesmo o fixese, o Grupo Socialista reclamaba que o presidente acudise á Cámara para abordar a negociación do novo financiamento autonómico, e así aconteceu. O 30 de xullo realizou unha detallada exposición ante o pleno sobre os criterios que guiarían ese proceso, como a construción dunha fronte de autonomías do noroeste que nunca chegou a realizarse ou a preponderancia de factores como o espallamento poboacional e a emigración. Nesa ocasión tamén houbo lugar para abondosas críticas a Zapatero por, entre outras cousas, negociar bilateralmente con Catalunya -tal e como recolle o Estatut-.

Feijóo non comparece na Cámara fóra dos procedementos regrados dende xullo de 2010

Antes do remate de 2009 aínda ficaba tempo para unha terceira comparecencia, a máis crítica das que se produciran ata o momento. Xusto antes do parón de Nadal, o 21 de decembro, Feijóo subía de "urxencia" á tribuna do Hórreo para "informar do contido e alcance" da Conferencia de Presidentes, celebrada días antes en Madrid. Nesa xuntanza o titular da Xunta, como o resto de presidentes autonómicos do PP, rexeitou asinar o paquete de medidas contra a crise que lles propuxera Zapatero e a comparecencia estivo, de novo, inzada de reproches ao socialista.

Neste contexto e coa crise e o paro galopando con maior intensidade nunca chegarían as que polo momento foron as dúas últimas comparecencias. Apenas dúas semanas despois de que o Congreso dos Deputados aprobase, o 10 de maio de 2010, o paquete de recortes para evitar a intervención formal das finanzas españolas por parte da Unión Europea, con medidas como a baixada de soldos aos funcionarios ou a suba do IVE, Feijóo achegábase ao Parlamento para falar da repercusión que esas medidas terían en Galicia. Nunha liña moi semellante, antes do remate dese mesmo período de sesións, o 20 de xullo celebrábase o devandito pleno extraordinario sobre a crise. Tal e como figura na Memoria de Actividades do Parlamento, nin en 2011 nin no que vai de 2012 Feijóo acudiu á Cámara fóra das ocasións previstas e regradas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Trinta e un vetos ás explicacións pedidas polo PSdeG

Atendendo ao Regulamento do Parlamento, dos dous grupos da oposición só o PSdeG ten o número de deputados suficientes para poder solicitar comparecencias de membros do Goberno e, polo tanto, só os socialistas poden reclamar explicacións directas do presidente á marxe das sesións de control. Así o fixeron en trinta e dúas ocasións dende o inicio da lexislatura e só tiveron éxito nunha delas, cando reclamaron en xullo de 2007 que Alberto Núñez Feijóo abordase ante os deputados o novo financiamento autonómico, en boa medida, porque o propio Executivo xa tiña previsto que o xefe do Executivo comparecese.

Á marxe desa ocasión, todas as demais peticións de comparecencia foron sistematicamente rexeitadas polo PP nas correspondentes reunións da Xunta de Portavoces. Unha ollada a esas peticións permite observar que abranguen temas diversos e que, se ben algunhas poden ser inseridas no ámbito da táctica partidaria ou do mero desgaste ao Goberno, outra si terían tratado sobre asuntos de relevancia. A primeira destas peticións producíase poucas semanas despois da chegada de Feijóo á Xunta. O 4 de maio de 2009, o PSdeG reclamaba que o novo presidente dese contas do arquivo da denuncia presentada polo PP dende a oposición sobre a construción da autovía do Barbanza. O líder conservador, sinalaban, debía "explicar as acusacións" lanzadas contra a socialista María José Caride e o seu equipo na etapa de conselleira de Política Territorial. Poucos días despois, chegaba a segunda, na que pedían que Feijóo falase das "dificultades na conformación e posta en marcha" do novo Executivo.

Tras eses dous primeiros rexeitamentos iniciais chegarían moitos outros con argumentos diversos como as temáticas das peticións. A implicación no conflito do metal pontevedrés, a adquisición da sede da Fundación Fegas, dependente do Sergas e situada no mesmo edificio que a sede do PP, os obxectivos dunha viaxe a Londres e doutra a México, as medidas para a redución de déficit ou o futuro das caixas galegas foron algúns dos asuntos que o PSdeG tentou, sen éxito que Feijóo abordase. O mesmo aconteceu coa denominada trama agraria, termo lanzado polo PP para acusar o sindicato Unións Agrarias de desviar subvencións públicas ás arcas socialistas, coa operación Campeón ou cos prazos do AVE. As últimas comparecencias que o PSdeG non logrou sacar adiante foron rexistradas neste mesmo mes de marzo e pedían que Feijóo aclarase a súa entrevista con Jorge Dorribo, a súa posición sobre o parador de Muxía, os seus plans sobre o copagamento e o contido da súa xuntanza con Mariano Rajoy.