Gayoso evita desculparse polas preferentes, emitidas "con boa fe"

Gayoso, nun intre da comparecencia CC-BY-SA Merixo

O Parlamento de Galicia transmitía dende este venres o ambiente das grandes ocasións. Á comisión de investigación das antigas caixas estaban convocadas catro persoas cuxos nomes apenas eran pronunciados no lexislativo galego ata que comezou a paixón e morte das entidades financeiras do país. O primeiro citado era Julio Fernández Gayoso, antigo presidente de Caixanova, primeiro, e de copresidente de Novacaixagalicia, despois. Tras anos de pleitesía de boa parte da clase dirixente do país Gayoso chegou en taxi ao Pazo do Hórreo para, cando menos sobre o papel, dar explicacións da súa xestión. E acudiu, aínda que máis para glosar o seu propio labor que para deitar luz sobre o acontecido.

Tras unha primeira intervención na que salientou as solvencia de Caixanova e o seu papel en, por exemplo, o nacemento da Universidade de Vigo, todos os grupos cuestionaron a Gayoso por un dos aspectos máis dolosos da súa xestión: a estafa das preferentes. "Daba indicacións ou facía presión para que se captasen clientes para estes produtos?", preguntou Francisco Jorquera, do BNG. "Considera que o comportamento ético foi axeitado neste tema?", engadiu o socialista Abel Losada. "Volvería facer o que fixo?", cuestionou o popular Pedro Puy, que nunha segunda intervención chegou a esixirlle "unha desculpa" que fose "particularmente" dirixida ás persoas afectadas.

"Actuouse coa máis absoluta boa fe; nunca recibimos ningunha indicación nin da CNMV, nin do Banco de España nin da Xunta"

Pero non houbo tal explicación nin, moito menos, desculpa ningunha. Nun discurso integramente pronunciado en castelán Gayoso admitiu que asinou "unha circular" en 2005 para "lanzar aquelas preferentes". Naquela emisión e nas demais, asegura, "actuouse coa máis absoluta boa fe", ata o punto de que "máis de 2.000 compañeiros meus na caixa e as súas familias teñen preferentes e quitas". Dado que houbo "erros na comercialización" el "non pode facer máis que dicir que desexo que o proceso de solución", a arbitraxe, "poida chegar ao total" e "non quede unha soa persoa con perfil de aforrador sen cobrar o 100% dos seus aforros". En calquera caso, asegura, a súa entidade colocou estes produtos tóxicos considerando que "cumprían todos os requisitso" porque "nunca recibimos ningunha indicación" ao respecto "nin da CNMV, nin do Banco de España nin da Xunta". Todo parecía estar "ben feito".

Fusión ou "morte", sen novas das indemnizacións

Non houbo explicacións das preferentes e aínda menos das indemnizacións millonarias que os directivos da caixa fusionada se adxudicaron antes de pasar á reserva. Como no Congreso dos Deputados Gayoso rexeitou que cobrase un só "euro" desas compensacións e, de paso, evitou concretar o xeito en que se xestionou hai "sete anos" a súa propia xubilación. "Eu estou imputado non por percibir un euro, senón por ser copresidente da caixa" cando se produciu "ese tema das compensacións". "Estase analizando na Audiencia Nacional" e "comprenderán que eu non podo, nesta reunión, facer fronte a esas preguntas", xustificou.

"Fixemos a fusión porque iso ou a morte instantánea"

Á marxe das cuestións escuras o paso de Fernández Gayoso polo Parlamento tampouco serviu para clarexar máis do xa sabido sobre o fracaso da fusión da entidade que presidía con Caixa Galicia. "Caixanova  non era partidaria da fusión", senón que apostaba por un SIP "coas mellores caixas de España, excluida a de pensións [La Caixa]". "Durante un ano traballamos nesa posibilidade" pero, finalmente, o escenario derivado dos cambios normativos converteu a operación en "inviable". "Fixemos a fusión porque era iso ou a morte instantánea", se ben, evidencia, "tiñamos dúas caixas, queríamos ter unha e finalmente non temos ningunha" porque o "modelo" escollido converteuna na fusión "máis traumática" do Estado.

Así e todo, neste escenario Gayoso só admite un "erro" de xestión. "A scaixas somos culpables de erros moi importantes", concretamente, de non actuar con máis "agresividade" no exterior, se ben a expansión de Caixanova, relata, levouna por exemplo a ter unha oficina con sesenta empregados en Miami. O "tema de que antes tiñamos dúas caixas e agora ningunha" teno "atormentado", confesa, e por iso apela ás familias e ás empresas gaelgas a que "impliquen" para que Novagalicia Banco "teña o éxito que merece", proclamou. Mentres, polas fiestras da Cámara coábanse os sons das buguinas das persoas afectadas polas preferentes que, na rúa, seguían a esixir solucións.

Gayoso accede á sala da comisión CC-BY-SA Merixo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.