A Xunta forzou a introdución da sinatura da ex conselleira no primeiro acordo para a fusión das caixas
Vinte de xaneiro de 2010. A daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, convoca a prensa na sala de prensa de San Caetano para, sen a presenza do presidente, explicar o resultado da "auditoría" encargada polo Goberno galego a KPMG sobre as posibilidades de éxito dunha fusión entre Caixanova e Caixa Galicia. Ante os xornalistas Currás salientou que a "unión" das entidades era "solvente", unha "fórmula que garante a galeguidade" e, ademais, "avalada tecnicamente".
A "fusión galega" era a "mellor opción", aseguraba. Quizais por iso o 29 de marzo do mesmo ano a Xunta forzaba, contra a vontade das caixas, a inclusión da sinatura de Currás no documento subscrito por José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso para iniciar o proceso de fusión. Estas e outras razóns levaron os grupos parlamentarios a reclamar a presenza da ex conselleira na comisión que investiga o acontecido nestas institucións financeiras. Pero ela négase.
Aínda que mesmo o PP lle deu o visto e prace a esta comparecencia -o plan de traballo da comisión foi pactado por unanimidade- Currás vénse de dirixir por carta á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, para acusar recibo da convocatoria -fixada para o vindeiro venres 28- e asegurar ter "absoluta vontade de colaboración (...), tanto na miña condición de cidadá como na de ex conselleira de Facenda". Pero na actualidade "na miña persoa concorre a condición de titular da Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos" e é "doutrina reiterada" da Avogacía do Estado e do Consello de Estado que "as facultades de control dos órganos autonómicos non poden proxectarse sobre as actuacións levadas a cabo por órganos estatais".
Currás cre que aos deputados lles podería resultar "difícil diferenciar" a súa "condición" actual do seu cargo no pasado
Aínda que, obviamente, o Parlamento galego a cuestiona pola súa xestión na Xunta, Currás considera que o "obxecto" da investigación está "moi próximo a determinadas actuacións que se veñen realizando dende organismos estatais" como o FROB, que "conta cunha destacada presenza de órganos dependentes da Secretaría de Estado da que son titular". A "amplitude do obxecto da comisión", así como a "falta de concreción" da que, ao seu xuízo, "adoece o formato da comparecencia" fan "difícil" que aos deputados e deputadas "lles resulte difícil diferenciar as actuacións realizadas na miña condición de conselleira e as levadas a cabo ou coñecidas na miña condición de secretaria de Estado". En síntese, ve "risco" de que o lexislativo galego caia nunha "extralimitación" que "podería comprometer o meu propio deber de sixilo, cos inconvenientes que isto traería consigo".
Neste contexto, e para evitarse "inconvenientes", Currás "solicita" que a súa comparecencia poida realizarse "por escrito, ben respondendo a un listado de preguntas que me poidan dirixir" ou no formato que a presidenta da Cámara "considere máis pertinente". En calquera caso e aínda que non existisen estes riscos, engade, "a axenda do Goberno da nación -en referencia ao Goberno central- conformada estes últimos días fai que non me resulte posible comparecer o día 28 de xuño sen comprometer gravemente as miñas obrigas como secretaria de Estado", xa que ese día o Consello de Ministros aproba o teito de gasto e os obxectivos de estabilidade e débeda para o vindeiro ano.
En síntese, Currás, que queda "á espera" das "gratas noticias" do Parlamento de Galicia, segue a estela do ex gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, e tampouco acudirá á comisión. No caso de Mafo a escusa é unha viaxe ao estranxeiro.