0 Gardados para despois

KPMG responsabilizou a Xunta das posibles filtracións do seu informe das caixas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O informe de KPMG sobre a fusión das antigas caixas galegas, encargado pola Xunta cun custo de máis dun millón de euros foi durante tres anos unha caste de Santo Graal da política galega. A oposición reclamouno con intensidade con declaracións públicas e polas vías regulamentarias do Parlamento, tanto cando esa oposición a formaban dous grupos como na actualidade, con tres. Este documento foi un dos piares da defensa pública da fusión de Caixanova e Caixa Galicia desenvolvida pola Xunta, que a presentaba como unha "auditoría" malia non ser tal. O documento foi remitido polo Goberno galego á comisión que investiga no Parlamento o sucedido coas antigas caixas, pero coa cualificación de secreto. O xoves AGE decidía saltar ese segredo e divulgar os contidos do informe e o presidente da Xunta advertía de posibles responsabilidades legais. Pero, quen é o responsable?

Na presentación do "diagnóstico acelerado da viabilidade da fusión de Caixa Galicia e Caixanova" que KMPG lle remitiu o 14 de xaneiro de 2010 á daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, a asesoría multinacional cúrase en saúde e xa advirte de que, no caso de haber filtracións do seu traballo "privado e confidencial" só haberá un responsable: o Executivo galego. "O noso informe é para información exclusiva de vostedes", dille KPMG á Xunta "e non debe ser citado ou transferido, nin total nin parcialmente, sen o noso previo consentimento escrito", sinalaban.

KPMG advertiu á Xunta de que "non aceptaremos responsabilidade ningunha respecto de calquera outro terceiro que puidese ter acceso ao informe", que consideraron "privado e confidencial"

No mesmo escrito a empresa lémbralle á Consellería que "estes termos foron acordados con vostedes", polo que "non aceptaremos responsabilidade ningunha respecto de calquera outro terceiro que puidese ter acceso ao informe". Así as cousas, ese texto, asinado polos coordinadores do informe, Carlos Trevijano e Francesc Gibert, deixa claro que, no caso de que alguén non autorizado pola propia compañía teña acceso ao informe quen terá que dar contas do acontecido será a Xunta, e non quen acceda ao informe ou o divulgue.

Malia aceptar estas condicións en 2010 o Goberno galego saíu en tromba contra a AGE pola filtración e o propio presidente, Alberto Nuñez Feijóo, xa advertiu a AGE de que a súa decisión de divulgar os documentos a pode meter nun "grave problema" que terán que abordar "os letrados da Cámara, a Mesa e a Xunta de Portavoces". Os servizos xurídicos da Cámara, di o presidente, "terán que dilucidar en que responsabilidades poden incorrer" os membros de Alternativa, aos que implictamente acusa de "revelar información contable e revelar o segredo bancario". O Goberno, pola súa banda, "estará moi atento", asegura, toda vez que "ningún membro" do mesmo "vai cometer ningún delito". "Se hai algún deputado que pensa que todo se pode facer, incluso incumprir a lei, iso é responsabilidade dese deputado ou deputada", di.

Sen entrar en implicacións legais tamén o Grupo Parlamentario Popular censurou a "difusión aos medios de comunicación" destes informes, no seu caso para cualificar a AGE de "irresponsable". Para os conservadores, "este feito dana dun xeito irreparable a reputación do Parlamento galego, xa que se está a incumprir o compromiso asumido pola comisión de investigación [só cos votos do PP] con organismo s e entidades públicas e privadas ás que se solicitou e remitiron documentación reservada". "A partir deste momento -din- estes organismos e entidades dubidarán de remitir ao Parlmento calquera tipo de documentación que consideren reservada". Mentres, dende AGE, Beiras réstalle importancia á posibilidade de que "emprendan accións contra nós". Se o fixesen, asegura, "sairíalles o tiro pola culata" porque "se poría de manifesto que o que é ilegal é declarar secretos eses documentos".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.