0 Gardados para despois

O Parlamento ameaza con denunciar a AGE por divulgar papeis das caixas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado xoves Alternativa Galega de Esquerda resolvía divulgar parte da documentación declarada secreta na comisión de investigación das caixas de aforros só cos votos do PP. Para o grupo encabezado por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz o órgano parlamentario tornou en "pitorreo" e, tendo en conta que ao seu xuízo o propio presidente da Xunta crebou o segredo na pasada sesión de control, decidiron facer públicos algúns dos documentos que centran o debate, como a suposta auditoría encargada pola Xunta a KPMG que, unha vez publicada, é posible saber que nin foi tal auditoría nin avalou a fusión de Caixa Galicia con Caixanova. Apenas vinte e catro horas despois de iniciárense as revelacións -Alternativa non descarta realizar máis- a Presidencia do Parlamento amaga con denunciar a AGE.

A través dun comunicado remitido aos medios a institución dirixida por Pilar Rojo sinala que, "á vista dalgunhas actuacións levadas a cabo por deputados" en "realción coa documentación reservada", o Parlamento "quere deixar constancia" de que "a información de natureza reservada" foi "tratada conforme aos procedementos previstos no Regulamento do Parlamento de Galicia". "O deber xurídico de confidencialidade previsto no Código Penal -continúa o comunicado- afecta a todo aquel que manexase esa documentación antes, durante e despois do seu paso polo Parlamento". Así, afirma, "foi comunicado a cada deputado e así consta na sala que alberga a documentación".

A Presidencia do Parlamento di que a Mesa "valorará" remitir aos tribunais a actuación de AGE

Por todo isto, a Presidencia apóiase no artigo 103.4 do Regulamento da Cámara, no que se estipula que se un deputado é sancionado por unha causa "que poida ser, a xuízo da Mesa, constitutiva de delito, a Presidencia daralle conta ao órgano xudicial competente". Así, sinala, a Mesa "valorará" a posibilidade de "remitir" aos tribunais a actuación de AGE. A ameaza vai exactamente na mesma liña do expresado por Alberto Núñez Feijóo o propio xoves que, a preguntas da prensa, aseguraba que o grupo de Beiras podía estar a se meter "nun grave problema" e xa sinalaba que os servizos xurídicos parlamentarios "terán que dilucidar en que responsabilidades poden incorrer".

Con independencia da decisión que poida tomar a autoridade parlamentaria esta semella que non afectaría por igual a todos os documentos divulgados. Así, como informou Praza Pública, no caso do informe de KPMG a empresa asesora contratada pola Xunta da advertiu no seu momento de que o seu traballo foi elaborado para "información exclusiva" do Goberno galego e non debía ser "citado ou transferido" sen o consentimento da propia empresa. En caso de que se producise algunha filtración, sinalaban, "non aceptaremos responsabilidade ningunha respecto de calquera outro terceiro que puidese ter acceso ao informe". Disto cabe deducir, polo tanto, que se KPMG apostase por buscar responsabilidades faríao unicamente no propio gabinete de Feijóo. Mentres, dende AGE Beiras amosábase tranquilo. Se o Goberno ou o Parlamento van á Xustiza "sairalles o tiro pola culata", augura.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O PSdeG censura a "inseguridade total" que o Banco de España e o FROB provocan sobre Novagalicia

O voceiro do PSdeG no Parlamento, Abel Losada, aproveitou estes venres a súa intervención na comisión de investigación das caixas para censurar a que considera como "inseguridade total" que "están aprovocar o Banco de España" e mais "os reponsables do FROB" sobre o futuro de Novagalicia Banco. O feito de que o gobernador do regulador, Luis María Linde, estea a instar á venda da entidade herdeira das caixas galegas "onte con moita présa, hoxe con menos présa" e "variando" a "apreciación" sobre se "hai que troceala ou non" prexudica a súa supervivencia, di.

Para Losada Linde, como "antes del Caruana e Fernández Ordóñez" tamén actual "bastante mal", polo que segue sen estar "regulada" convenientemente a "supervisión" sobre as entidades financeiras. Esta, sinala, foi a situación que "provocou unha fusión frustrada en Galicia con 950 oficinas pechadas, 4.500 traballadores expulsados, unha exclusión financeira brutal nun de cada catro concellos de Galicia e a seca do crédito para empresas", ademais de deixar a obra social en "serio graave risco" e a "millerios de galegos atrapados nun corralito indigno e inmoral" coas preferentes.