Besteiro propón que só haxa papeletas nos colexios electorais para frear o "carrexo"

Besteiro, con militantes en Betanzos CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

O secretario xeral dos socialistas lucenses e aspirante á secretaría xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, segue a percorrer as agrupacións do seu partido para explicar as súas propostas e recabar apoios. Este sábado Besteiro reuniuse en Betanzos coa militancia da comarca para "presentar o seu proxecto de partido e recoller ideas" e alí, no marco da que consdiera unha "necesaria rexeneración democrática", sinalou as liñas que, dende o seu punto de vista, permitirán "camiñar cara a procesos electorais máis democráticos, transparentes e acordes coa actualidade", como rematar coa impresión e distribución masiva de papeletas en cada proceso electoral.

A xuízo do aspirante a liderar o PSdeG resulta "absurdo" que continúe o "desbalde" que supoñen os "envíos postais masivos de papeletas". Dende o seu punto de vista unah vía de aforro e, ao tempo, de maior "limpeza" é que as papeletas de cada candidatura só estean dispoñibles nos colexios electorais "e que os votantes as collan in situ para meter a elixida na urna". "Esta fórmula -sinala- achegaría maior transparencia e dificultaría prácticas pouco éticas que seguen a darse na actualidade", isto é, o "carrexo" de persoas que acoden ao colexio electoral cunha papeleta elixida, máis ou menos directamente, por outra persoa.

Besteiro acudiu a unha homenaxe a Ceferino Díaz, na que lembrou a súa achega ao autogoberno galego

Neste contexto Besteiro coida que tamén chegou o momento para iniciar "a exploración de vías que deben marcar o futuro, como o perfeccionamento dun sistema de voto electrónico" co que "atopar a fórmula que permita mellorar o acceso de todos ao proceso democrático, dun xeito eficaz e con garantías de limpeza". Xa pola tarde o tamén presidente da Deputación de Lugo participou, na súa calidade de secretario xeral provincial, na homenaxe organizada en Escairón ao falecido Ceferino Díaz. No Saviñao Besteiro lembrou a Díaz como "unha peza clave para o maior autogoberno de Galicia". "O peso do 'G' nas nosas siglas debémosllo en gran parte a el", recorda.

Besteiro, con militantes en Betanzos CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.