0 Gardados para despois

Galicia, coprotagonista tamén nos papeis orixinais de Bárcenas

Redacción | @prazapublica

Documentos relacionados

Luis Bárcenas empeza a difundir información sensible para o PP. Logo da súa entrada en prisión, o diario El Mundo vén de facer públicos este martes os papeis supostamente orixinais da contabilidade do ex tesoureiro dos populares e nos que se recollen sobresoldos entregados pola formación ao actual presidente do Goberno, Mariano Rajoy, durante a súa etapa como ministro de José María Aznar, así como a outros dirixentes populares como Rodrigo Rato, Francisco Álvarez-Cascos, Javier Arenas ou Jaime Mayor Oreja. Todos eles terían incumprido a lei de incompatibilidades.

Mariano Rajoy tería cobrado en negro, e en caixas de puros, durante a súa etapa como ministro

Estes documentos terían sido entregados polo director do xornal na Audiencia Nacional tras publicar o pasado domingo un artigo no que reflectía unha conversación mantida con Bárcenas na que o ex tesoureiro dos populares aseguraba que "polo menos nos últimos 20 anos o PP estivo financiándose de maneira ilegal". É unha constatación máis dos datos que as fotocopias publicadas por El País achegaban o pasado mes de xaneiro, cuxos orixinadis foron entregados agora ao xuíz Pablo Ruz e nos que se recolle o pago en diñeiro negro a Mariano Rajoy de sobresoldos. A información especifica incluso que o que agora é presidente do Goberno, e antes ministro, cobraba os cartos en caixas de puros.

Os papeis orixinais volven confirmar o financiamento irregular do PPdeG a finais dos 90

Pero os papeis confirman máis cousas. As coincidencias entre os papeis da trama Gürtel, os publicados por El País e os orixinais que agora saca á luz El Mundo apuntan o PP galego, tal e como se advertiu nun principio. E unha vez máis, aparece o pago de 21 millóns de pesetas realizado por Pablo Crespo, ex secretario de organización do PPdeG, o 5 de maio de 1999 e que se corresponde coa mesma anotación que aparecen nos documentos da trama Gürtel.

Estas coincidencias provocaran que o xuíz Pablo Ruz abrise unha peza separada cos papeis de Bárcenas para investigar o posible financiamento ilegal do PP e, xa que logo, do PP galego. Na folla manuscrita polas dúas caras e arrancada dun caderno de Luis Bárcenas aparece "Galicia" citada en seis ocasións, acompañada nalgúns casos das misteriosas iniciais "O.C.". Serían pagos en B chegados ao PP estatal desde a comunidade autónoma e que suporían case 20 millóns de pesetas entre xaneiro de 1997 e maio de 1998.

"Galicia" sae citada en seis ocasións nestes documentos orixinais que veñen de facers públicos

Os supostos orixinais entregados á Audiencia Nacional recollen o pago de sobresoldos a Rajoy -na contabilidade de Bárcenas aparece baixo as siglas "M.R"- por valor de 15,4 millóns de pesetas entre 1997 e 1999, ademais do seu correspondente soldo como membro do Executivo. Non aparecen, por contra, pagos ao daquela presidente do Goberno, José María Aznar.

Nos papeis de Bárcenas, aparecen anotacións por valor de 7 millóns de pesetas en tres pagos no ano 1997, de 4,2 millóns de pesetas ao ano seguinte distribuídos en dous pagos, e de 4,2 en 1999 noutros dous pagos. Outros membros do gabinete do primeiro goberno de José María Aznar como Rodrigo Rato, Francisco Álvarez-Cascos, Javier Areas ou Jaime Mayor Oreja tamén se beneficiaron deses supostos cobros en diñeiro negro.

O cobro destas cantidades en cartos B sería ilegal segundo a Lei de Incompatibilidades de 1995, que prohibía calquera ingreso extra, público ou privado, aos membros do Goberno. No entanto, o Partido Popular reaccinou a primeira hora deste martes reiterando que "descoñece ditas anotacións e o seu contido, e non recoñece, en ningún caso, como contabilidade desta formación política".

O PP volve negar a veracidade dos papeis de Bárcenas

Ademais, insiste na legalidade das súas contas e asegura que se atopan "a disposición da xustiza desde que nos foi reclamada e é coñecida por toda a opinión pública". "Todas as retribucións aos cargos e persoal do partido realizáronse sempre conforme á legalidade e cumprindo as obrigacións tributarias correspondentes", di.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo pide que a Xustiza se pronuncie xa sobre os papeis de Bárcenas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cre que "xa é hora" de coñecer "a opinión da Xustiza" en referencia aos papeis de Bárcenas e ás novas revelacións que lle atribuen sobresoldos en negro a Mariano Rajoy logo de "cinco anos de comentarios e informacións contraditorias".

Feijóo non quixo dar a súa opinión sobre a actitude do PP neste escándalo e remitiuse ao comunicado enviado polo seu partido, no que mantén que os apuntamentos publicados por El Mundo non forman parte da súa contabilidade e reitera que todas as retribucións recibidas polos cargos e o persoal do partido sempre se realizaron de acordo coa lei.

Feijóo remítese ao comunicado do PP e evita criticar o seu partido

"O partido, á primeira hora da mañá xa fixo público un comunicado no que, punto por punto, concreta todas e cada unha das informacións para aclarar unha publicación, un día máis, no últimos cinco anos", asegurou o presidente do Goberno galego, que volveu aludir ás "informacións contraditorias" e pediu que fale a Xustiza para ver "que hai de certo nesa investigación".

"Creo que xa é hora de coñecer a única opinión relevante, que é a opinión da Xustiza", sentenciou, ao entender que o publicado achega "poucas novidades" en insistir en que xa transcorreron "cinco anos sobre o asunto". "Reitero, comentarios, ríos de tinta sobre este asunto hai moitos; o que estamos a esperar é a decisión da Xustiza", subliñou.

Feijóo evitou profundar no que debería facer Rajoy e remarcou a "enorme contradición" que se xerou en "todo" este asunto. "Eses papeis vímolos nun xornal distinto, despois díxose que eran fotocopias, despois que non eran reais e hoxe pola mañá dise que son reais", argumentou.

Por último, reafirmouse en que "o máis importante" é coñecer "a opinión do PP", que "foi notificada no día de hoxe"  e que os órganos xudiciais "sigan actuando sobre un sumario que leva aberto cinco anos". "Creo que é o máis prudente e o máis respectuoso coa verdade e coa xustiza", resolveu.