O financiamento ilegal do PP estatal reproduciuse tamén no PP de Galicia, segundo informe interno que o ex xerente dos populares galegos, Modesto Fernández, emitiu en 2006 e que El País debulla na súa edición deste sábado. Segundo este diario, o partido -que xa dirixía daquela o presidente da Xunta, Núñez Feijóo- recoñecía na súa contabilidade oficial doazóns por 200.000 euros nese ano, pero segundo o devandito informe, recadou até 2 millóns de euros de maneira opaca. Polo tanto, só recoñecía oficialmente o 8% das achegas. O documento tería sido elaborado para xustificar ante a dirección estatal da formación os gastos da campaña autonómica de 2005 -encabezada por Fraga e que acabaría coa perda da maioría absoluta- e incluía donativos recibidos para aquela convocatoria electoral.
O informe revela que só o 8% das achegas de empresas foron rexistradas oficialmente polo PPdeG
Segundo El País, o orixinal deste informe foille ratificado por ex dirixentes do PP que están dispostos a corroboralo ante a Xustiza. O texto leva adxunto un cartón de visita manuscrita do propio ex xerente dos populares galegos, que agora di que non lle soa o documento e que pide que se "pregunte en Génova 13" por el. O PPdeG, e sempre segundo o diario madrileño, rexeitou pronunciarse sobre o tema e reclamou o informe.
Ademais, o ex xerente do PPdeG admitiu que acudiu catro veces a renderlle contas á sede estatal do PP, pero di que non comprende como pode existir a nota adxunta presuntamente escrita por el.
El País explica tamén a xénese do informe. Segundo ex dirixentes do PP, en 2006, Modesto Fernández -persoa achegada ao ex conselleiro Xesús Palmou- emitiu un informe sobre as finanzas autonómicas que elevou aos seus mandos locais e estatais do PP, cuxo máximo respionsable era Ángel Acebes. O informe detallaba todos os ingresos que tivo o PP, cifrados en 2,6 millóns de euros en 2006, pero só unha pequena parte estaba reflectida nas contas oficiais e por un importe de algo máis de 700.000 euros (as achegas do grupo parlamentario e da sede central, que coincidían en todo).
A lista de doazóns por valor de 2 millóns de euros inclúe achegas de construtores que superaban os 60.000 euros legais ou eran contratistas públicos
O resto de achegas por valor de 2 millóns de euros, e que non estaban nas contas oficiais, era unha lista de doazóns de construtores que na súa maioría contaban cunha ou dúas circunstancias que os convertían en ilegais: case todos eles eran contratistas públicos e moitos deles superaban os 60.000 euros por doante permitidos pola lei.
O curioso desta lista de doantes, segundo destaca El País, é que en moitos casos non eran contratistas xenéricos da Administración estatal, senón da propia Xunta, e en ocasións coincidente co mandato de Núñez Feijóo, primeiro en 1991 como secretario xeral de Agricultura até 1996, en 2003 como conselleiro de Política Territorial e Obras, en 2004 como vicepresidente e en 2009 xa como presidente. Todos os empresarios identificables foron consultados por este xornal. Os que aceptaron responder, unha minoría, negárono rotundamente.
El País engade na información unha lista dos contratos públicos recibidos polas empresas que aparecen como doantes no devandito informe.
Grupo Campo | Unha UTE formada por dúas empresas do grupo logrou seis millóns de euros en 2003 para traballos na Cidade da Cultura. |
Egasa | Autorizada este ano pola Xunta de Feijóo a explotar as apostas deportivas en Galicia. En febreiro de 2010 fíxose co casino da Toxa logo da concesión administrativa do Goberno galego. |
Necso | Adxudicataria polo Goberno da Xunta en 2005 (dous días antes das eleccións) dun contrato da Cidade da Cultura para construír o Teatro da Música por valor de máis de 97 millóns nunha UTE xunto a outras firmas. |
Copasa | Tamén figura nos papeis de Bárcenas. Formaba parte da UTE citada anteriormente e recibiu outros contratos do Goberno de Fraga e Feijóo, como o Centro de Arte por 30 millóns xunto a Acciona. En 2009 adxudicóuselle a construcción e explotación por 30 anos da autovía Ourense-Celanova por 95 millóns. Nega a doazón, segundo aclara 'El País'. |
C.R.C. Ramón Carro | A Xunta outorgoulle, entre outras, a construción e conservación da autovía da Costa da Morte por 25 anos e 194 millóns. |
ITV Amador Castro | O empresario monopoliza o sector da ITV en Galicia. Segundo a compañía, "tal doazón non está rexistrada". |
Espina y Delfín | Tivo ducias de contratos da Xunta baixo o mandato do PP. |
FCC | O seu ex presidente figura como doante nos papeis de Bárcenas. A Xunta de Feijóo adxudicoulle en UTE a autovía a Berdoias por 979 milóns, a oferta máis cara e tras rescindir con outra firma que a orzamentaba en case 400 milóns menos. A empresa nega a doazón. |
Tojeiro | Montou reganosa co apoio económico da Xunta de Fraga. con Feijóo, o Goberno e Gadisa volveron sumar capitais en proxectos gasificadores. O fillo de Tojeiro nega a doazón. "Pode ser outro Tojeiro", di. |
Invers. Sanoa | A Xunta de Feijóo impulsou un plan de desnvovemento de internet "no fogar asistencial" do que forma parte o Grupo Modelo, de Saona. Moverá 1,4 millóns de euros. A empresa nega a doazón. |
Extraco | A Xunta, baixo a presidencia de Feijóo, outorgoule contratos por valor de 10,5 millóns no seu primeiro ano e medio. |
ACS | Obtivo contraos directos da Xunta de Feijóo e unha das súas filiais foi a principal adxudicataria do Goberno galego en 2012. "É falso", din. |
Bruesa | O seu fundador aparece nos papeis de Bárcenas. A empresa obtivo varios contratos baixo o mandato de Feijóo. |
Cortizo | A Xunta concedeulle numerosas licenzas medioambientais con Feijóo para os seus negocios de fabricación de aluminios e enerxías renovables. |
Seixo | Posúe ducias de contratos de obras públicas por cantidades multimilonarias, segundo as súas últimas contas depositadas en 2006. |
Teconsa | Empresa vinculada a negocios da trama Gürtel. Foi unha das construtoras con máis adxudicacións durante o Goberno de Fraga. |