Dous días despois e varios silencios máis tarde, o PPdeG sae ao paso das revelacións que o pasado sábado fixo o diario El País e nas que un informe do ex xerente dos populares galegos, Modesto Fernández, en 2006 confirmaría o financiamento ilegal da formación, que tería recadado até 2 millóns de euros de maneira opaca e grazas ás contribucións ilegais de ducias de empresas construtoras e contratistas públicas da Xunta. Pero faino mirando cara a outro lado e repetindo un único argumentario sen aclaración ningunha: as empresas implicadas xa desmentiron a información.
Rueda e Feijóo argumentan que "os propios aludidos" na información "xa desmentiron" o suposto financiamento ilegal do PPdeG
Iso mesmo foi o que dixo o presidente da Xunta e do PPdeG, Núñez Feijóo, que se limitou a sinalar este luns que, nas información publicadas, as persoas implicadas "xa desmentiron" o presunto financiamento ilegal, polo que se "remite" a esas mesmas palabras. Nin unha verba máis. Alfonso Rueda, secretario xeral do partido e vicepresidente do Goberno galego, insistiu nun argumento idéntico e aclarou que "os propios aludidos" na información do diario madrileño "xa desmentiron" as supostas irregularidades. "Co cal, creo que pouco máìs teño que dicir", asegurou o número dous dos conservadores galegos. El País aclarara que a veracidade do polémico informe fora ratificado por varios ex dirixentes do PP dispostos a ratificalo ante a xustiza.
O presidente da Xunta pide á Xustiza que "actúe con toda contundencia" no caso Bárcenas
Preguntado polo escándalo derivado das revelacións de Luis Bárcenas, Feijóo tamén botou balóns fóra, aínda que pediu á Xustiza que "actúe con toda contundencia ocorra o que ocorra, ameace ou non se ameace, chantaxeese ou non se chantaxee". "O Goberno non se deixa amedrentar", insistiu o presidente da Xunta.
Rueda, número dous do PP galego tampouco foi máis alá e asegurou que "é un tema que está na Xustiza e esperamos que se aclare canto antes", dixo nun almorzo organizado por Forum Europa Tribuna Galicia. Ademais, o alcalde da Coruña pide "urxencia" aos xuíces para que arranxen "o asunto", pero di comprender "a lóxica preocupación" da cidadanía ante os escándalos que están a salpicar ao PPdeG.
Segundo a información de El País, o PPdeG -que xa dirixía daquela o presidente da Xunta, Núñez Feijóo- recoñecía na súa contabilidade oficial doazóns por 200.000 euros nese ano, pero o devandito informe aclara que recadou até 2 millóns de euros de maneira opaca. Polo tanto, só recoñecía oficialmente o 8% das achegas. O documento tería sido elaborado para xustificar ante a dirección estatal da formación os gastos da campaña autonómica de 2005 -encabezada por Fraga e que acabaría coa perda da maioría absoluta- e incluía donativos recibidos para aquela convocatoria electoral.
El País explica tamén a xénese do informe. Segundo ex dirixentes do PP, en 2006, Modesto Fernández -persoa achegada ao ex conselleiro Xesús Palmou- emitiu un informe sobre as finanzas autonómicas que elevou aos seus mandos locais e estatais do PP, cuxo máximo respionsable era Ángel Acebes. O informe detallaba todos os ingresos que tivo o PP, cifrados en 2,6 millóns de euros en 2006, pero só unha pequena parte estaba reflectida nas contas oficiais e por un importe de algo máis de 700.000 euros (as achegas do grupo parlamentario e da sede central, que coincidían en todo).
Os 2 millóns recadados de maneira opaca chegaban de construtoras con contratos coa Xunta e superaban os 60.000 euros legais
O resto de achegas por valor de 2 millóns de euros, e que non estaban nas contas oficiais, era unha lista de doazóns de construtores que na súa maioría contaban cunha ou dúas circunstancias que os convertían en ilegais: case todos eles eran contratistas públicos e moitos deles superaban os 60.000 euros por doante permitidos pola lei.
O curioso desta lista de doantes, segundo destaca El País, é que en moitos casos non eran contratistas xenéricos da Administración estatal, senón da propia Xunta, e en ocasións coincidente co mandato de Núñez Feijóo, primeiro en 1991 como secretario xeral de Agricultura até 1996, en 2003 como conselleiro de Política Territorial e Obras, en 2004 como vicepresidente e en 2009 xa como presidente. Todos os empresarios identificables foron consultados por este xornal. Os que aceptaron responder, unha minoría, negárono rotundamente.