"Na lingua, as cousas claras". En outubro de 2008 Alberto Núñez Feijóo, daquela como líder da oposición en Galicia, deitaba no seu blog reflexións sobre a política lingüística da coalición de PSdeG e BNG e, xunto a elas, prometía derrogar o decreto 124/2007, que garantía un "mínimo" do 50% do ensino en galego. Feijóo aseguraba "poder dicir sen medo" que "en Galicia temos enriba da mesa un conflito lingüístico sen precedentes, creado dende o propio Goberno". Cumpría "desideoloxizar", "despolitizar", "recuperar o consenso", volver ao "equilibrio". Estas e outras consignas foron axitadas polos conservadores nos primeiros meses de 2009, nos que marcharon a carón da asociación Galicia Bilingüe polas rúas de Compostela, compartindo pancarta e consignas contra a "imposición" coa líder do partido UPyD, Rosa Díez. Catro anos despois o panorama é ben distinto.
O curso escolar que está a piques de comezar será o primeiro tras as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que ilegalizan parte do denominado decreto do plurilingüismo, no que xa non poden ser aplicados algúns dos preceptos estrela do candidato Feijóo, tales como que o alumnado poida ignorar o idioma no que se imparte cada materia á hora de expresarse na aula ou responder a un exame. Así e todo, o debate e o rebumbio políticos en torno a este recorte normativo non é, nin de lonxe, o que acompañou os primeiros compases do retorno conservador a San Caetano. Nin sequera despois de que saíse á luz que aquela contrarreforma foi apoiada en datos que non se correspondían coa realidade.
Como informou Praza Pública, mentres Feijóo, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o daquela secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, se prodigaban en declaracións sobre "imposición" e "desequilibrio", a propia Xunta sabía que o galego era xa o irmán pobre do ensino en Galicia. No "inicio" da "vixencia" da actual normativa, admitía o Goberno nunha resposta parlamentaria de hai poucos meses, o escenario era xa "moi desfavorable para a lingua propia", partindo dunha "situación de uso minoritario do galego polo alumnado na xeneralidade dos centros galegos", "especialmente nas provincias atlánticas". No caso das cidades "poderíase dicir" que ese uso é "escaso", admite Política Lingüística, agora con Valentín García á fronte.
A Xunta falou de preponderancia do galego mentres comprobaba que a situación era "moi desfavorable para a lingua propia" nas aulas
Neste contexto, tampouco o presidente amosa agora especial interese en alimentar o lume lingüístico. Coas fotos de Marcial Dorado atrancando o camiño para desembarcar na política estatal Feijóo esfórzase, cando é preguntado ao respecto, en debuxar unha caste de pax lingüística en Galicia lograda polo seu gabinete. "En Galicia non hai un problema lingüístico", afirmaba o pasado decembro, pouco despois de tomar posesión como titular da Xunta por segunda vez. Contradicindo o seu propio argumentario de poucos anos atrás Feijóo mantén agora que "os políticos estamos para resolver os problemas" e as leas a conta do idioma son unha cuestión "máis política e ideolóxica" que real. En todo caso, sentenza, en Galicia hai "equilibrio" entre galego e castelán pero non só agora: "isto veu funcionando así durante 30 anos". Este discurso é tamén o realizado por Feijóo nos foros mediáticos máis á dereita, os mesmos nos que en 2009 prometía a fin da "imposición".
O encaixe do decreto nas sentenzas do TSXG
Ao longo destes anos non foron poucos os ofrecementos recibidos na Xunta para procurar un pacto lingüístico. Tanto a oposición parlamentaria -cando estaba formada por PSdeG e BNG e agora tamén con AGE- como as principais institucións culturais e lingüísticas do país, así como os sindicatos educativos, instaron o Goberno a elaborar unha nova política lingüística que parta do último punto de consenso parlamentario, isto é, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), aprobado por unanimidade no ano 2004 e reducido en 2009 polo conselleiro Jesús Vázquez a un "remuíño de ideas". Tamén as tres universidades galegas se ofreceron a Educación, como adiantou este diario, para reformular o decreto plurilingüe baseándose no PXNL e na Lei de Normalización. Pero a Xunta segue a avanzar en solitario.
García presenta este mércores a "instrución" coa que Educación pretende encaixar o decreto nas sentenzas do TSXG
Así as cousas, o secretario de Política Lingüística acude este mércores ao Parlamento a presentar as "instrucións" coas que pretende encaixar o decreto gobernamental nos ditames xudiciais. A falta de coñecer a letra pequena todo semella indicar que o Executivo optará por unha caste de laissez faire lingüístico tentando, ao mesmo tempo, que se poida aplicar a efectos prácticos a parte da súa política que a lei non avala. Non en van, o propio presidente da avanzou que esa orde estipulará que as polémicas enquisas ás familias non van ser vinculantes -sobre o papel-, pero que as respostas que emanen delas si van servir para condicionar o reparto de materias entre idiomas.