"Están conseguindo que Manuel Fraga Iribarne, ao seu lado, parecese un exemplo de democracia e respecto a este Parlamento". Hai agora dez anos a Cámara galega, baixo a maioría absoluta fraguista, dáballe luz verde a unha comisión de investigación sobre o accidente do Prestige, tal e como reclamaba a oposición. O voceiro do BNG no lexislativo, Francisco Jorquera, lembrou este martes ese episodio para lamentar que o PP de Feijóo non chegue nin á escasa flexibilidade parlamentaria do fraguismo. Daquela a reclamación de nacionalistas e socialistas tivo eco no Goberno malia "haber un proceso xudicial" en marcha, malia tratarse de "competencias do Estado", malia haber unha investigación no Congreso. Desta volta, a esixencia de AGE e Bloque bate contra a maioría dun PP que usa, entre outros, eses argumentos, para non investigar o acontecido no accidente ferroviario acontecido o pasado 24 de xullo en Compostela.
Os grupos encabezados por Xosé Manuel Beiras e o propio Jorquera defenderon este martes a "obriga ética e política" de que o Parlamento investigue porque, lembra Beiras, esta institución está "ao servizo da cidadanía galega". Pero o PP, representado polo seu voceiro de Infraestruturas e responsable de organización, Alejandro Gómez, sacou a artillería pesada para erguer un muro político ante a petición de Alternativa e Bloque. "Non aceptamos leccións de parlamentarismo", di Gómez, quen minutos antes proclamara dende a tribuna que "este Parlamento non ten lexitimidade nin potestade legal para investigar o acontecido". "Porque as funcións de control" aos gobernos "non veñen marcadas pola territorialidade dos feitos, senón polas nosas competencias". Ao conservador parécelle "incrible ter que dicir" que as competencias ferroviarias son do Estado.
O Regulamento do Parlamento permite investigar "sobre calquera asunto de interese público", con independencia das competencias
Aínda que o artigo 52 do Regulamento deixa claro que a Cámara pode crear unha comisión de investigación "sobre calquera asunto de interese público", o grupo que sustenta o Goberno insiste en que o seu rexeitamento "non se debe a razóns arbitrarias nin subxectivas, nin moito menos políticas". "Non hai ningún pacto con ninguén para tapar nada", asegura o parlamentario, quen dá por "substanciadas" todas as explicacións que puidese ter que dar a Xunta, isto é, as referidas ao dispositivo de emerxencias e rescate. Segundo Gómez, o relatado por Alfonso Rueda no Parlamento poucos días despois do accidente e as comparecencias dos responsables de ADIF e Renfe en Madrid xa permiten "chegar á conclusión de que as actuacións dos nosos responsables políticos" no accidente "estiveron en todo momento á altura". "Todo o persoal, tanto de carácter político como técnico, fixo o que tiña que facer e non houbo improvisacións", sentenza.
Esixencia de AGE e BNG e abstención do PSdeG
Beiras: "Non é un accidente ou unha catástrofe natural, é un homiciio involuntario"
Pero para AGE e BNG sobran motivos para a investigación. A xuízo de Beiras o rexeitamento a investigar é de "vergoña allea", dado que non se trata "dun accidente ou dunha catástrofe natural", senón "dun homicidio involuntario". "Calquera de nós" sería acusado de tal delito "se conducise un automóbil de maneira temeraria", di. Neste caso, argumenta, quen tería cometido o homicio involuntario "non é o maquinista", senón "o aparello de poder do Estado, que incumpriu os seus deberes, que estafou, malversou e mentiu". Dende o punto de vista do veterano parlamentario o voceiro do PP "perdeu a oportunidade de viaxar no convoi que descarrilou e sobrevivir", xa que "se fose así" faría "como a deputada do PP de Madrid que lles chamou terroristas aos presidentes de ADIF e Renfe".
Jorquera: "Quen ten algo que ocultar négase a investigar, así de simple"
"Están dando escusas de mal pagador", agrega Jorquera, quen lamenta o "curioso xeito de defender" o Parlamento de Galicia por parte do PP. "Aquel que ten algo que ocultar négase a que se investigue, a cousa é así de simple", conclúe o parlamentario do Bloque, cuxa iniciativa conxunta con AGE tampouco atopou o apoio do PSdeG. O voceiro socialista no debate, Raúl Fernández, xustificou a súa abstención explicando que hai "múltiples iniciativas" impulsadas polo seu grupo no Paralmento e, ao tempo "catro investigacións no ámbito político", ademais dun "proceso aberto na esfera xudicial". O PSdeG, ademais, non vai caer na "sobreactuación". O PP, pola súa banda, asegura que non vai "entrar en especulacións sobre as causas do accidente" nin vai "respostar a máis provocacións ou insidias". Tampouco "acepta" que Beiras diga "que os recortes matan".