Igual que en contextos acomodados é lugar común sinalar que é feo falar de cartos, hai cuestións relativas ao gasto público que tampouco adoitan ser obxecto dun excesivo debate público. Cando menos, iso foi o que veu acontecendo ata a actual crise económica e a vaga de recortes sociais que a acompaña. Un dos ámbitos nos que non se adoitaba falar de cartos era o relativo ao gasto da Xunta a través do Servizo Galego de Saúde en servizos relixiosos, isto é, nos sacerdotes que exercen como capeláns nos diferentes hospitais públicos. Estas figuras, lonxe de seren resultado do voluntarismo eclesiástico, son tratados polo Goberno galego como traballadores do Sergas e, actualmente, supoñen un gasto de máis de medio millón de euros por ano.
Xunto con pasadas fugaces polas páxinas dalgúns xornais nos últimos anos esta cuestión foi obxecto, o pasado xaneiro, dunha pregunta parlamentaria oral da voceira sanitaria do PSdeG, Carmen Acuña. O expediente circulou polo rexistro do Parlamento ata o verán, cando foi convertida en pregunta escrita, e a resposta chegou á Cámara o día 10 deste mes. O Goberno galego di responder á pregunta "sobre os servizos relixiosos na rede de hospitais públicos de Galicia e a incidencia dos recortes orzamentarios nos capeláns da Igrexa católica. Pero a contestación non pode ser máis escueta: "Na actualidade hai 41 capeláns cun custe total de 531.384 euros". Fin.
Segundo a Xunta, na actualidade hai 41 sacerdotes nos hospitais públicos
Así, o departamento sanitario da Xunta esquece dar resposta a outras das cuestións formuladas por Acuña na mesma iniciativa, tales como se se "reduciu, por mor da crise, o número de capeláns" ou, nos seu defecto, se minguaron os salarios. Tampouco contesta a se o Sergas "abona servizos relixiosos dalgunha outra relixión", non aclara "en cantos centros e en cales existen espazos de culto habilitados para relixións diferentes da católica" nin explica se a Igrexa católica paga "algunha taxa polo espazo de culto que se lle reserva dentro dos hospitais públicos". Por último, tamén deixa de lado a resposta sobre se "as mulleres que fan as funcións de capeláns cobran os mesmos salarios que os homes".
Orzamento para 55 sacerdotes
Aínda que non todas, parte desas preguntas poden ser respondidas cunha ollada aos Orzamentos Xerais da Xunta. Na versión final do documento que mantén públicada a consellería de Facenda figura que o Sergas ten orzamentadas 55 prazas de capelán, 43 delas a xornada completa. O salario de cada crego é de 13.373,96 euros brutos anuais, se fai o seu labor a tempo completo, e de 6.687,02, no caso dos capeláns a media xornada. En total, o orzamento do Servizo Galego de Saúde para "persoal relixioso" ascendeu nas contas públicas deste ano a 663.614,52 euros. En comparación cos Orzamentos de 2012, os primeiros elaborados polo gabinete de Feijóo, os salarios dos sacerdotes dos hospitais baixaron un 8%.
O número de capeláns estipúlao un convenio asinado en 1995, con Romay Beccaría, e prorrogado polo bipartito
Dada a diferenza entre as prazas orzamentadas e as prazas que, segundo a Xunta, están cubertas, na actualidade hai cartos para esta finalidade que non se están a utilizar. Esta circunstancia xa foi advertida polo sindicato CIG-Saúde, que o pasado abril xa solicitou formalmente que estas prazas non sexan cubertas e, cos cartos que lles corresponden, "se creen prazas estruturais de persoal estatutario", isto é, persoal que realiza servizos sanitarios e que resulta "tan necesario para desenvolver a prestación" da sanidade pública, din, máis aínda nestes tempos de escaseza de traballadores e traballadoras.
Para modificar á baixa este número de prazas cumpriría modificar o convenio que rexe a presenza dos sacerdotes nos hospitais dende 1995, cando a Consellería de Sanidade, daquela dirixida por José Manuel Romay Beccaría con Feijóo como secretario xeral do Sergas, acordou que o número de capeláns fose ligado ao número de camas de cada centro hospitalario. Aquel acordo foi prorrogado en 2005 polo Goberno bipartito de PSdeG e BNG.