O PSdeG comeza en Sevilla o intento de chegar á Xunta

Vázquez, nun acto da campaña do PSdeG previa ao seu congreso nacional CC-BY-NC-SA PSdeG

Catro delegacións e unha carreira. O PSdeG acode ao trixésimo oitavo congreso do PSOE tendo como apoio as súas estruturas provinciais case acabadas de estrear -foron os últimos en adoptalas- e cun horizonte que vai alén da elección entre Alfredo Pérez Rubalcaba ou Carme Chacón. Aínda que a maioría se esforza en subliñar que son "procesos independentes", poucos negan que o que aconteza en Sevilla comezará a definir, con maior ou menor intensidade, a cita congresual que o socialismo galego celebrará en marzo ou, o que é o mesmo, o seu intento por regresar á Xunta.

O feito de que os 54 delegados galegos acudan só a través das súas delegacións provinciais favorece que non haxa unha posición unitaria no Congreso. Así, por exemplo, a provincia de Pontevedra decántase cara ás teses de Rubalcaba mentres que a da Coruña fai o propio coas de Chacón. Á hora de sondear a opinión maioritaria, a resposta varía radicalmente dependendo da fonte. Diversos dirixentes coruñeses salientan o seu apoio a Chacón e destacan ademais o importante número de "indecisos". Mentres, outros cargos do partido, a comezar polo secretario xeral, Pachi Vázquez, ven o PSdeG no seu conxunto máis decantado polo ex vicepresidente e ex ministro do Interior.

Neste contexto, Vázquez acudirá a Sevilla encabezando a delegación de Ourense, onde a súa lista recibiu o 45% de apoios. Xunto a el estarán outros dirixentes galegos que votarán nun sentido contrario ao seu. Este é o caso, por exemplo, do deputado Xoaquín Fernández Leiceaga, partidario de Chacón e con dúbidas sobre o resultado final. "Non son quen de tirar conclusións demasiado rotundas", sinala Leiceaga, quen observa unha "proporción equivalente a favor dun e doutro", polo que "os delegados non definidos" inclinarán a balanza. Este é un diagnóstico compartido polo alcalde de Lugo, Xosé López Orozco. Malia á súa afinidade con Rubalcaba, tamén detecta unha "igualdade" que, quizais, di, podería facer recomendable "unha integración".

Se hai cambio en Sevilla, haberá cambio en Galicia?

Nunha panorámica xeral é posible afirmar que a aspiración dos partidarios galegos de Chacón é que, se a dirixente catalá logra o triunfo, o "cambio" se estenda a Galicia. Neste sentido, Leiceaga coida que o modelo da ex ministra pasa por unha dirección "máis horizontal e participativa", unha maior aposta polos "dereitos sociais" e unha visión "máis federal" do Estado. Rubalcaba, en cambio, di, representa á "socialdemocracia máis clásica". Esa idea é compartida polo presidente do PSdeG coruñés, Francisco Caamaño. Nunha entrevista en Praza Pública, o ex ministro de Xustiza subliña que, na súa opinión, "Carme Chacón supón valentía nun momento no que a sociedade ten medo ao futuro" e que, con ela á fronte, o PSOE pode iniciar unha "renovación" na liña da "esquerda europea".

As voces críticas do PSdeG amósanse convencidas de que "unha vez remate o congreso de Sevilla", a "alternativa" en Galicia debe "expresarse con claridade" e coidan que, con Chacón na secretaría xeral, esta "alternativa" podería ter máis percorrido. Mentres, Pachi Vázquez non ve excesiva "vinculación" entre ambos procesos malia ser "complementarios".

Coa práctica totalidade dos delegados galegos xa en Sevilla -unha delas, a deputada ferrolá Beatriz Sestayo, estivo a piques de ter que ficar en Galicia ao acudir ao aeroporto co documento de identidade caducado- os partidarios galegos de Chacón ou Rubalcaba si coinciden nun diagnóstico: o congreso do PSOE é o inicio dunha viaxe que ten a súa primeira estación no congreso nacional galego e que remata nos comicios autonómicos, cuxa celebración a maioria sitúan no outono.

 

Carme Chacón, nun acto con militantes do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.