A finais de 2008 un grupo de empresarios de traxe e garavata seguían os pasos de Emilio Pérez Touriño e Ánxela Bugallo polas obras do inconcluso complexo da Cidade da Cultura. A comitiva de empresarios con casco de obra, encabezada polos máximos responsables de Caixanova e Caixa Galicia, dirixíase ao edificio daquela denominado Arquivo Nacional, o único que xa estaba listo para ser usado. Alí reuníase por primeira vez o padroado da Fundación Gaiás, un organismo no que a Xunta participaba co 49% e no que o maioritario 51% saía das arcas de quince compañías de diversos sectores, que entre todas achegaban uns 11 millóns de euros. Case cinco anos despois de que botase a andar este ente é o responsable do financiamento de boa parte da programación do Gaiás e segue a escapar do control público malia aos cambios nas empresas que a compoñen.
Unha ollada a calquera publicación promocional das actividades financiadas pola fundación permite comprobar que parte do entramado empresarial que paseou pola Cidade da Cultura naquela mañá de 2008 xa pasou á historia ou a súa vinculación con Galicia mudou substancialmente. Así, por exemplo, o Banco Gallego agora é propiedade do Banco Sabadell, a Fundación Barrié, dependente do Banco Pastor, é agora cousa do Banco Popular e a tecnolóxica R, malia seguir asentada en Galicia, está controlada por un fondo de investimento con sede en Luxemburgo. O Grupo Nosa Terra 21 pasa por serias dificultades no seu buque insignia, o hospital Povisa, e o estaleiro Hijos de Barreras disponse a pasar a ser o brazo da mexicana Pemex en Galicia.
As caixas puxeron o 51% do capital privado, polo que na actualidade a fundación é, de feito, un ente público
Pero se un cambio afectou substancialmente á saúde interna desta fundación ese foi a desaparición das caixas galegas. Na propia Cidade da Cultura loce o logotipo de Novacaixagalicia en múltiples emprazamentos. Non obstante, as que puxeron cartos e se integraron no padroado non foron as obras sociais das caixas e, polo tanto, a súa participación non é agora da Fundación Novacaixagalicia, senón de Novagalicia Banco. Ata que non se consume a venda desta entidade, o banco é propiedade do FROB, que é tanto como dicir do Estado. Dado que Caixa Galicia e Caixanova puxeran cadanseus 3 millóns de euros -o 51,1% do capital privado-, na actualidade a Fundación Gaiás non é maioritariamente privada, senón pública, pero non é tratada como tal pola Xunta a efectos orzamentarios, contables e, polo tanto, de publicidade das contas.
Intento fallido de fusionar as fundacións e non á extinción
Unha vía para poñerlle fin a esta opacidade sería o cumprimento da promesa electoral formulada polo PP no programa electoral co que Alberto Núñez Feijóo chegou á Xunta en 2009. Naquel proxecto figuraba a aposta por fusionar a Fundación Gaiás coa Fundación Cidade da Cultura, o ente público que xestiona o complexo dende o inicio das obras. Este compromiso tentouno concretar na primavera de 2011 o daquela conselleiro de Cultura, Roberto Varela, quen se atopou coa oposición dos empresarios e aparcou o proxecto. Daquela a Fundación Gaiás era de feito e de dereito maioritariamente privada, non como agora.
Parte do obxecto fundacional da entidade era xestionar edificios que non van ser construídos
Malia ao cambio de conxuntura tampouco se contempla a extinción da Fundación Gaiás, que nin sequera é mencionada en ningún dos tres "plans de racionalización" da administración paralela que veu impulsando o Goberno galego. Isto non acontece aínda que un dos seus obxectos fundacionais, a "promoción, programación, xestión e explotación de actividades culturais, así como a xestión das infraestruturas relacionadas co Centro de Arte Internacional, Museo de Nenos/as e co Centro de Recursos Obradoiro, de titularidade da Fundación Cidade da Cultura", xa non é posible porque ou ben as finalidades dos edificios foron reformuladas ou porque, directamente, non van ser construídos. Mentres, o terceiro plan de racionalización si que contempla poñerlle punto e final a outra entidade baixo a competencia da Consellería de Cultura e Educación, a Fundación Illa de San Simón que, como informou Praza Pública, xa foi liquidada.
Financiamento da programación
Neste contexto, o pouco que transcende da actividade da Fundación Gaiás é a través do rexistro de convenios da Consellería de Presidencia, creado en tempos do bipartito ao abeiro da Lei de Transparencia. Pola vía dos convenios sábese que en 2011 e 2012 achegou 3,5 millóns de euros "para a realización das actividades previstas no programa de acción cultural" do complexo. En 2013 esta achega foi de 2 millóns. Son, en total, 9 millóns de euros que saen do peto de 22 millóns constituído en 2008. Isto acontece no medio das dificultades económicas de parte das empresas participantes e sen que a fundación teña vías de ingresos coñecidas.
En tres anos a fundación achegou 9 millóns de euros para a actividade da Cidade da Cultura
Todo isto acontece mentres a Cidade da Cultura consome case o 20% do orzamento cultural do Goberno galego, 10,4 millóns de euros que non van nin íntegra nin maioritariamente a financiar programación cultural. Así, segundo consta nos Orzamentos Xerais de 2013, 6,05 millóns foron para soster as "obras, equipamento e dotacións do complexo" e 3,4 millóns para "programación, difusión e realizaciń de actividades artístico-culturais e eventos". Segundo consta no plan estratéxico da Cidade da Cultura, "todas as empresas, institucións e persoas que conforman o Padroado da Fundación Gaiás comparten cos responsables e os xestores da Cidade da Cultura de Galicia a idea de apostaren decididamente pola cultura en Galicia, tanto polo seu valor como eixe de cohesión social, como pola súa capacidade para fomentar o progreso sustentable da sociedade galega".