Rajoy durante os lumes de 2006: "En situacións coma esta é onde se mide a eficacia dos Gobernos"

© Susete

Na vaga de lumes de hai seis anos o Partido Popular acusou o Goberno galego de ineficacia, falta de coordinación, de soberbia, puxo en dúbida os datos achegados pola Xunta e solicitou a apertura dunha comisión de investigación no Parlamento e a realización dun pleno especial para dirimir responsabilidades políticas. A actitude do Bipartito foi defensiva nos primeiros momentos e centrou o debate nas causas estruturais do lumes, das que culpaba á xestión realizada polo PP no goberno nos anos anteriores. Alberto Núñez Feijoo prometera semanas antes de comezar o peor dos incendios que lle daría "apoio institucional" ao Goberno.

Entrevistado por La Voz de Galicia o 12 de agosto de 2006 Mariano Rajoy afirmaba que "lo que está pasando no es algo distinto a lo que ha pasado a lo largo de muchísimos años en Galicia. Es probable que las condiciones meteorológicas sean peores y es cierto que no es fácil apagar el fuego. Pero en situaciones como ésta es donde se mide la eficacia de los Gobiernos" e concluía que o que compría era "tener una organización mínimamente operativa, que es lo que no ha habido, porque se ha desmantelado la anterior, se ha echado a varios cientos de personas, y no se ha creado una nueva". Nas mesmas datas Alberto Núñez Feijoo criticaba en Ourense que os lumes "agora contrólanse e non se apagan", o que provocaba que se reavivasen.

O PP esixíalle ao Bipartito "un mínimo de autocrítica" e demandaba a creación dunha comisión de investigación para analizar as causas dos lumes e exixir as responsabilidades políticas correspondentes

Naquela crise, o Partido Popular puxo en dúbida as informacións proposcionadas pola Xunta de Galicia sobre o número de hectáreas queimadas e o 15 de agosto, cando o Goberno galego adiantaba unha estimación de 50 mil hectáreas destruídas, Feijoo anunciaba en rolda de prensa un estudo que elevaba a cifra a 175 mil, segundo datos tirados de cartografías da NASA. En definitiva, o PP esixíalle ao Bipartito "un mínimo de autocrítica" e demandaba a creación dunha comisión de investigación para analizar as causas dos lumes e exixir as responsabilidades políticas correspondentes.

Tamén esixiron a celebración dun pleno especial sobre os lumes en agosto, o que foi rexeitado por PSdeG-PSOE e BNG; ante isto, Feijoo acusou os dous partidos de "soberbia" e de non asumir as súas responsabilidades. A situación repetiuse no Congreso, onde ante a negativa de Narbona, Espinosa e Rubalcaba a comparecer, o PP, a través de Eduardo Zaplana, afirmou que "es aquí, en esta Cámara, donde debemos conocer cuánto de lo quemado se debe a los pirómanos y cuánto a la imprevisión, la indolencia y la irresponsabilidad del Gobierno".

Mariano Rajoy definiu a xestión do Goberno galego como "incompetencia, ineficiencia, demagogia e ocultismo"

O PP foi endurecendo o seu discurso ao longo do mes e o 29 de agosto, no acto de inicio de curso do Partido Popular, Alberto Núñez Feijoo comparou a Touriño con Poncio Pilatos, Rafal Louzán cualificou a Anxo Quintana de "o maior incendiario político de Galicia" e Mariano Rajoy definiu a xestión do Goberno galego como "incompetencia, ineficiencia, demagogia e ocultismo". De igual xeito, nos días seguintes, ao redor de corenta alcaldes do PP convocados pola consellaría de Medio Rural, realizaron un plante masivo. Os populares tamén se ausentaron da Comisión parlamentaria para estudar as causas dos lumes que se creou en setembro e á que unicamente asistiron na súa constitución deputados de PSdeG e BNG.

No debate parlamentario que tivo lugar o 4 de setembro, Feijoo solicitou a dimisión de Alfredo Suárez Canal e acusou novamente a Touriño de que a súa "soberbia" lle impedía "aceptar nada da oposición"

No debate parlamentario que tivo lugar o 4 de setembro, Feijoo solicitou a dimisión de Alfredo Suárez Canal e acusou novamente a Touriño de que a súa "soberbia" lle impedía "aceptar nada da oposición". Así mesmo, nese debate o deputado popular Xosé Manuel Barreiro acusou o Bipartito de "terlle alerxia ao control parlamentario".

As criticas populares á xestión do bipartito na prevención e extinción dos lumes comezaran xa en xullo, con mencións de Núñez Feijoo á "improvisación" e á "falta de coordinación", pero garantiu o "apoio institucional" para evitar que nesta materia se repita o "partidismo" ao que, segundo el, recorreran PSdeG e BNG, cando estiveran na oposición.

Feijoo fixo unhas polémicas fotos en Meis, axudando a apagar o lume Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.