E se pechase a Xunta?

Edificio central de San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

As semellanzas entre o sistema político galego e o estadounidense son próximas ás existentes entre un ovo e unha castaña. Non obstante, o peche parcial das actividades do Goberno federal dos EUA, o coñecido como shutdown, a causa do bloqueo orzamentario propiciado polo Partido Republicano, pode servir como escusa para realizar un exercicio de política ficción. Que acontecería se o noso modelo parlamentario permitise bloquear todas as actividades que dependen do Goberno?

O escenario parlamentario para imaxinar esta conxuntura sería o dun Executivo galego sen maioría absoluta ao que a oposición lle bloquease a aprobación dos Orzamentos Xerais e que, ademais, non tivese vía legal para prorrogar os do ano anterior nin para acudir á débeda pública. Deste xeito, o gasto público ficaría practicamente bloqueado e o primeiro colectivo en notalo sería o persoal ao servizo da Administración autonómica, formado na actualidade por unhas 87.000 persoas. Delas, as máis afectadas serían as que desenvolven o seu labor na Administración xeral, case 50.000.

Tras o bloqueo todos os servizos públicos non esenciais deixarían de prestarse. Así, por exemplo, se acontecese o que está a pasar agora nos EUA os servizos centrais de San Caetano quedarían reducidos á mínima expresión, con apenas un 25% do persoal. O resto recibirían un correo electrónico indicándolles que só poderían acudir á oficina para ordenar asuntos pendentes e, acto seguido, marchar para a casa. Facer o contrario sería unha ilegalidade. Neste contexto, trámites non urxentes ralentizaríanse e outros, simplemente, non se poderían realizar ata que o Goberno reanudase as súas actividades con normalidade.

Máis da metade do persoal do Sergas non estaría dispoñible; nos servizos xestionados por empresas privadas, a decisión sería de cada compañía

E os departamentos sociais? Se acontecese o mesmo que nos Estados Unidos máis da metade do persoal do Sergas non estaría dispoñible, o que diminuiría a actividade asistencial por baixo de, por exemplo, unha xornada de folga xeral. Os servizos de urxencias seguirían prestándose pero as cirurxías programadas serían adiadas. No departamento de Benestar as axudas de emerxencia e integración social como a Risga seguiríanse a pagar, aínda que posiblemente con atrasos. Ademais, non se tramitarían novas solicitudes. No caso de servizos xestionados por empresas externas -caso das residencias de maiores de maiores e escolas infantís concertadas ou de servizos privatizados nos hospitais- a decisión final sería de cada compañía, que decidiría se mandar ou non á casa os traballadores e traballadoras dende a consciencia de que os pagamentos da Xunta se ían atrasar. En todo caso, manter a actividade non sería ilegal.

Non sería posible acudir a museos e bibliotecas e a entrada ao Parque Nacional das Illas Atlánticas estaría prohibida

O cesamento dos servizos si sería total en ámbitos non básicos. Os museos e bibliotecas dependentes da Consellería de Cultura e Educación terían suspendida a súa actividade, o mesmo que os departamentos hospitalarios dedicados á investigación. A entrada ao Parque Nacional das Illas Atlánticas estaría prohibida e os axentes forestais non poderían traballar. No ámbito rural só se realizarían as inspeccións alimentarias que sexan necesarias para non poñer en perigo a poboación e as brigadas contra incendios seguirían operativas. A unidade de policía adscrita á Xunta tamén seguiría operativa con normalidade.

No que atinxe á administración paralela, a Escola Galega de Administración Pública, a Academia de Seguridade Pública, institutos oficiais como o de Estatítica, o de Estudos do Territorio, o de Consumo ou o de Vivenda, axencias como as de Turismo ou Infraestruturas botarían tamén a pechadura. Tampouco sería posible tramitar axudas no Igape. Mentres, é posible que mantivesen parte da súa actividade entes como o Instituto Galego de Calidade Alimentaria ou o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño. En todo caso, que a Xunta non faga o seu labor é, en principio, unha ficción.

Vista dunha sesión parlamentaria © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.