0 Gardados para despois

"O primeiro obxectivo non é asumir o copago, senón dar a batalla social e facer recuar o PP"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A rebelión contra o novo copago farmacéutico prende nos concellos. O Ministerio de Sanidade instaurou o repagamento nuns 50 fármacos para tratar doenzas complexas e graves que só se dispensan nas farmacias hospitalarias, aínda que os pacientes non estean ingresados. Menciñas para tratar tumores de mama, ril ou cerebrais, para facerlle fronte á leucemia ou para artrite reumatoide e a hepatite. A decisión da Xunta, que decidiu asumir a medida desde o principio, e a iniciativa estatal provocaron que moitas administracións locais anunciasen que asumirán este copago asumindo tamén competencias que non lles son propias. Veno "necesario" pola "discriminación provocada polo PP" e ante os problemas e a situación "vulnerable" de moitos dos seus veciños.

Foi Federico Gutiérrez, alcalde do BNG en Riotorto, o primeiro que anunciou a asunción por parte do concello do copago destes fármacos para "evitar que moitos pacientes abandonen ou queden sen o tratamento axeitado por razóns económicas". Logo uníronselle Monforte, Ribadeo, Pol, Teo, Betanzos e A Pobra do Brollón, todos eles gobernados polo Bloque, Anova ou polo PSdeG, pero tamén Vilanova de Arousa, do PP. Culleredo, Manzaneda, Allariz, Zas ou Vimianzo meditan unirse á iniciativa de Riotorto, cuxo rexedor vén de convocar a colectivos sociais, colexios profesionais, sindicatos ou movementos veciñais para unha asemblea o vindeiro día 26, co que pretende "dar a batalla social" contra este copago e lograr "que o PP recúe na Xunta e no Goberno central". Desde este luns envía cartas aos implicados para que acudan á súa chamada.

Sorprendeulle a repercusión do anuncio da súa medida contra o copago?

Sorprendeume un pouco a repercusión que tivo nos medios, aínda que sabía que era un tema moi sensíbel para a sociedade. O Goberno traspasou unha liña vermella con esta medida que ataca a sanidade pública e gratuíta. Creo que con este copago farmacéutico superáronse todas as raias, por iso decidín levar a cabo esta medida.

Son os alcaldes dos concellos pequenos os que máis se decatan das dificultades da xente?

Todos os problemas nos concellos pequenos chegan ao alcalde, teñas ou non teñas competencias para arranxárllelos. Obviamente, o contacto co responsable político nas localidades máis cativas é moito máis achegado e iso tamén nos permite decatarnos da situación pola que pasan moitos veciños.

"Chamáronme alcaldes para interesarse pola iniciativa e sorprendeume que se unise un rexedor do PP, pero toda xente de ben debería estar en contra deste copago"

Chamouno algún alcalde para interesarse pola medida que prevé implantar no seu Concello?

Algún si que me chamou para se interesar pola iniciativa, pero tamén me vou informando polos medios do goteo de rexedores que se están sumando á proposta e que están dispostos a tomar medidas semellantes para que os seus veciños con dificultades non teñan que asumir este novo copago. O que espero é que nestes vindeiros días aínda se sumen máis concellos aínda. O que me sorprendeu foi a resposta dada polo alcalde de Vilanova de Arousa, que xa anunciou tamén que se uniría á medida. E sorprendeume por ser un rexedor do PP, pero entendo tamén que nesta medida cabe toda xente de ben que estea en contra dunha decisión política tan inxusta.

Como vai artellar a asunción do copago farmacéutico? Cal é a fórmula?

A primeira opción agora é dar a batalla social. Segundo anunciou o presidente Feijóo, esta copago farmacéutico non entraría en vigor até principios do ano que vén, así que antes de pensar en ordenanzas ou de como artellar estas axudas no Concello, temos que loitar para que o PP recúe, tanto desde a Xunta como desde o Goberno central. O que debería facer o Executivo galego é asumir os custos e o copago para os cidadáns galegos afectados. Ese é o noso primeiro obxectivo.

"O primeiro obxectivo non é asumir o copago, senón unirse, dar a batalla social e facer recuar o PP"

Propón xuntar esforzos para deter a medida?

E que ese é o noso primeiro propósito: que o Goberno derrogue esta medida e, en todo caso, que sexa a Xunta quen asuma os custos porque é a súa competencia. Se non é posible, os concellos teremos que artellar algunha medida que iremos preparando, pero agora temos que dar a batalla contra esta inxustiza. Iso é o primeiro.

Hai alcaldes que están dispostos a asumir o copago, pero que advirten de que o Estado pode deixar facer os concellos e así non asumir responsabilidade ningunha...

Esta situación debe levarnos tamén a reformular as funcións dos concellos porque cada vez máis os problemas da xente que están vinculados a decisións que se toman nos ámbitos que sobardan o local. Hai que reformular os concellos e as súas competencias. Lembremos que non estamos falando de pagar material escolar ou subvencionar o pago dunhas próteses, como xa se fai noutros lugares. Aquí pasamos unha liña vermella, estamos falando da vida e da morte, dun problema inmediato que nos pode afectar a calquera e que é un caso excepcional.

"Non estamos falando de pagar material escolar, isto é unha cuestión de vida ou morte; pasouse unha liña vermella"

A Xunta respondeu cunha suba do céntimo sanitario para "financiar a sanidade".

Paréceme unha iniciativa totalmente hipócrita e regresiva. Aquí tanto paga o que ten un Ferrari como o que ten un 600 e paga igual o que está no paro e o que é millonario. É un repago máis.

E hai alternativas?

Claro que as hai. A Xunta e o Estado están a recadar porque se lle están inxectando unha morea de cartos públicos aos bancos e ao sistema financeiro por unha crise que provocaron eles mesmos. É evidente que se aplican medidas inxustas desde un principio e que están a prexudicar a parte máis débil da sociedade para beneficiar os poderosos.

Ao copago e demais medidas únese tamén a ameaza da reforma local. Que suporía a aplicación desta lei para os concellos pequenos?

A reforma local sería o golpe definitivo para un rural que xa está debilitado. A perda de servizos que teriamos acabaría por desertizar as aldeas e localidades pequenas. Se non  hai calidade de vida, a xente acabará marchando ás vilas e ás cidades.

"A reforma local xa sería o golpe definitivo para o rural; sen servizos nin calidade de vida, a xente marchará"

Que lle dixeron os seus veciños tras anunciar que asumiría o copago da xente con necesidades?

A xente foi moi favorable á medida e xa me chamaron persoas que poden estar afectadas polo copago para interesarse como acceder ás axudas. A resposta foi moi boa, como era de esperar, polos veciños que están en problemas.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.