Tributan todos os conceptos salariais, pero non todo o soldo. A Mesa do Parlamento sacou adiante este luns o novo réxime fiscal dos deputados e deputadas cedendo, cando menos en parte, ás pretensións dos membros do Grupo Popular que rexeitaban ter suxeito ao imposto sobre a renda o 100% do salario. De agora en diante os membros do lexislativo galego xa non recibirán 30.000 euros ao ano libres de impostos, pero terán exenta de tributación entre o 14% e o 22% da súa remuneración.
A nova regulamentación substitúe o acordo acadado no ano 2006, coa socialista Dolores Villarino na Presidencia. Daquela estableceuse un sistema polo cal todos os deputados e deputadas recibían a denominada "axuda de custo", unha achega mensual fixa que, por estar teoricamente destinada a manutención ou aloxamento, estaba abeirada no artigo 16 da Lei do IRPF, que non considera "rendemento do traballo" a "parte" do salario que reciben os membros dos parlamentos para "gastos de viaxe e desprazamento". De agora en diante esta cantidade divídese en dúas porcións: a que tributa e a que non o fai.
Os membros do Parlamento terán exentos de IRPF entre 800 e 1.200 euros ao mes
En virtude do novo acordo do órgano dirixido por Pilar Rojo, apoiado polos tres representantes do PP e rexeitado polas dúas do PSdeG, haberá tres perfís de exención. Os deputados 'rasos', sen ningún cargo adicional, terán libre de impostos 800 euros ao mes. Os membros das mesas das comisións e os vicevoceiros non tributarán por 1.000 euros e, no caso da Mesa do Parlamento e dos voceiros dos grupos, a cantidade exenta chega aos 1.200 euros. Isto significa que a presidenta do Parlamento cobrará sen retención o 13,84% do soldo e os vicepresidentes e secretarios, o 15,85%. No caso dos deputados 'rasos' a exención situarase no 16,62%, os vicevoceiros quedan no 20,01%, os membros das mesas das comisións no 20,78% e os voceiros de cada grupo, no 22,04%.
O que a Presidencia da Cámara define como unha "política de axuste" inclúe tamén unha rebaixa nos gastos de locomoción propiamente ditos, isto é, na quilometraxe, que cada deputado ou deputada ten que xustificar individualmente. A indemnización por quilómetro percorrido, que ata agora estaba situada en 26 céntimos, queda en 19, o que supón unha redución do 26,92%. Na mesma sesión tamén recibiu luz verde o anteproxecto dos orzamentos parlamentarios para 2014, que ascenderán a un montante total de 16,3 millóns de euros, o que implica un descenso do 3,5% a respecto do anterior exercicio.