Unha das reflexións máis reiteradas polo presidente da Xunta é sobre a importancia dos orzamentos. En númerosas ocasións Alberto Núñez Feijóo explica que as contas públicas son a lei máis importante que cada ano ten que promover un Goberno, toda vez que define as súas prioridades e, polo tanto, a súa axenda política. Atendendo a estas consideracións cabe deducir que o fomento da lingua galega que estipula o Estatuto de Autonomía e a súa normalización, regulada na lei de 1983, caeu en picado na lista de prioridades da Xunta dende o regreso do PP, no ano 2009. Orzamento tras orzamento o programa de fomento da lingua galega non fixo máis que perder fondos, concretamente, o 67%.
Cando os conservadores retornaron a San Caetano atoparon vixentes os Orzamentos de 2009, os derradeiros do bipartito. Naquelas contas públicas o programa de fomento do galego, que inclúe todas as accións gobernamentais a prol do idioma, estaba dotado con 21,5 millóns de euros. Eran 1,7 millóns menos que un ano antes e supuña unha diminución de algo máis de dous millóns a respecto de 2007 cando, no remate da considerada bonanza económica, o gabinete de PSdeG e BNG dotou esta liña de acción de goberno co maior orzamento da súa historia: 23,6 millóns de euros.
O programa de fomento da lingua galega perdeu con Feijóo o 67% da súa dotación orzamentaria
Esa dotación orzamentaria máxima era o resultado dunha lixeira progresión a respecto dos anos anteriores, tanto co bipartito como cos gobernos de Manuel Fraga, que nos seus dous últimos orzamentos, os de 2004 e os de 2005, achegaron ao programa 19,2 e 19,8 millóns de euros. Socialistas e nacionalistas recolleron o testemuño e continuaron o ascenso con 21,9 millóns no seu primeiro proxecto orzamentario, inmediatamente anterior ao devandito máximo. Estas cantidades eran xestionadas na súa práctica totalidade pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que daquela dependía da Presidencia da Xunta, aínda que tamén había fondos procedentes de Educación ou dos departamentos encargados da Administración local.
Unha baixada sistemática
Coa chegada de Feijóo as competencias lingüísticas concentráronse na Consellería de Educación e tamén o fixo o fomento da lingua galega. Nos primeiros orzamentos do novo Executivo este programa deixaba polo camiño 4 millóns de euros e quedaba en 17,5. Era un primeiro axuste pero non o último nin o meirande. Así, as contas de 2011 trouxeron consigo un recorte de máis de 6 millóns, deixando a partida en 11,09 millóns de euros. Un ano máis tarde, en 2012, a tesoira volveu funcionar e situou o fomento da lingua galega en 9,9 millóns. Tras o paso polas urnas, en 2013 a cantidade volveu minguar, desa volta ata os 7,45 millóns de euros.
Os últimos Orzamentos de Fraga dedicábanlle 12 millóns máis á promoción do idioma propio
Este foi o escenario sobre o que a Xunta elaborou os seus Orzamentos de 2014, cuxo montante global diminúe un 1,1%. No caso da lingua galega o retroceso é aínda maior, quedando en 7,07 millóns de euros e perdendo, polo tanto, máis dun 5%. Segundo o Goberno galego a súa capacidade de gasto estará no vindeiro ano nun nivel semellante ao de 2005 ou 2006. Non obstante, naqueles orzamentos -un elaborado por Fraga e o outro, polo bipartito- o fomento do galego dispuña, respectivamente, de 12 e e 14 millóns máis, é dicir, dun 180% e dun 209% máis que na actualidade.
A tradución práctica destas grandes cifras supuxo a desaparición de partidas completas, como os 40.000 euros para a promoción da lingua en educación infantil ou a redución drástica das accións de formación e normalización lingüística na administación local, dotadas en 2009 con 648.000 euros e agora, con apenas 300.000. Tamén diminuíron notablemente os cartos para campañas de normalización lingüística, de 5,2 a 1,09 millóns e mesmo as achegas para os equipos de normlaización de centros privados, de 97.500 a 30.700 euros.