O artigo 52.1 do Regulamento do Parlamento establece que a Cámara poderá crear unha comisión de investigación sobre "calquera asunto de interese público" para Galicia. Isto é así dende hai tres décadas e este foi o precepto aplicado para, por exemplo, indagar dende o lexislativo galego sobre o naufraxio do Prestige, en plena maioría absoluta de Manuel Fraga. Pero o que o PP aplicaba a pasada década non o aplica nesta e, por este motivo, o partido que sustenta o Goberno mandou este martes á tribuna ao seu voceiro de infraestruturas, Alejandro Gómez, para asegurar, por segunda vez en pouco máis dun mes, que "este Parlamento non ten competencias para investigar o accidente de Angrois".
O debate suscitouse, como en setembro, a instancias dunha solicitude de comisión de investigación asinada conxuntamente por AGE e o BNG. A investigación é "unha obriga ética e política coas vítimas e os seus familiares", sinalou Francisco Jorquera. "É necesario que a Cámara de representantes actúe", clamou Xosé Manuel Beiras. Pero Gómez, un dos deputados que máis enerva as filas opositoras, brandiu a "democracia", a "legalidade" e o "respecto ao Estado de dereito" para negar unha investigación que, asegura, o PP tamén "quere".
O Regulamento permite investigar "calquera asunto de interese público", o PP alega que os deputados non teñen "formación nin competencias"
Pero Beiras e Jorquera, Alternativa e Bloque, "esquecen que somos deputados", teoriza Gómez. "Non están lexitimados, nin teñen a competencia nin a formación" para investigar o acontecido en Compostela na noite do 24 de xullo. Na instancia política por excelencia o conservador acusa a ambos grupos de tentar "politizar" e facelo, ademais, con "argumentos baladís". Para o deputado popular onde AGE e BNG ven "responsabilidades políticas" non hai máis que "decisións técnicas", e non caben nin sequera afirmar que o que está en servizo en Angrois non é unha liña de alta velocidade, e dicilo non é máis que tentar "obter réditos políticos", acusa a Jorquera. "Falar é gratis", espetoulle a Beiras.
Veto do PP, abstención do PSdeG
AGE e BNG lembran que as propias vítimas reclaman unha investigación no ámbito político
Onde o PP ve politización os grupos propoñentes ven unha necesidade urxente de coñecer a verdade e de dirimir as "responsabilidades políticas" que o propio xuíz Aláez "sinala" nos seus autos, lembra Beiras. "Son os propios superviventes os que piden unha comisión de investigación neste Parlamento", subliña o líder de AGE, para quen o que xa se coñece deixa claro que hai "responsables directos que non cumpriron os seus deberes" e fixeron "modificacións" na seguridade das vías "para aforrar cartos". Pero "o aparello de poder do Estado está actuando para protexer os imputados, no canto de actuar para resarcir os danos e impedir que se dean acontecementos coma estes". "As vítimas non queren falsos pésames, queren xustiza", abonda Jorquera, quen lembra ademais que o Regulamento da Cámara contradí os alegatos do PP.
Neste contexto, os populares consuman o seu terceiro veto á investigación de Angrois -van dous en Galicia e un en Madrid- cunha apelación universal ao proceso xudicial, ás investigacións internas de Fomento e á subcomisión que, no Congreso, estudará as medidas de seguridade do sistema ferroviario español. Os seus votos en contra foron os únicos mentres que, pola súa banda, o PSdeG volveu obtar pola abstención: "Non renunciamos a nada", pero "unha vez coñecidos os resultados das investigacións" internas, alega o seu voceiro, Raúl Fernández. Ao final, veto.