A eufemística denominación de "gratuidade solidaria" foi o alcume elixido pola Xunta do PP para o modelo de axudas parciais co que substituíu o sistema de préstamo de libros de texto implantado polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Como vén informando Praza este modelo, defendido como austero e equitativo polos responsables gobernamentais, xa non supón apenas aforro para o erario e, ademais, non garante o acceso en igualdade de condicións aos manuais para todo o alumnado do ensino sostido con fondos públicos. Lonxe de tender a ampliar o número de estudantes beneficiarios das axudas, os Orzamentos de 2014, presentados como os do "inicio da recuperación económica", aplican a tesoira e deixan fóra a case 30.000 alumnos e alumnas máis que no exercicio anterior.
Na memoria incluída nas contas públicas do presente 2013 a Consellería de Educación incluíu por primeira vez unha estimación das persoas que recibirían estas axudas, enmarcadas no obxecto de "promover un sistema educativo orientado á [sen til, no texto orixinal] excelencia educativa, fomentando a educación en valores como o esforzo, mérito e capacidade". Nese orzamento, o primeiro da segunda lexisaltura de Feijóo, estimábase que os estudantes "beneficiados" serían uns 163.000, o que supuña unha taxa de cobertura do 65%. Un ano máis tarde a cifra baixa ata 136.000 beneficiarios e beneficiarias, 27.000 menos.
Uns 86.000 alumnos e alumnas non recibirán axuda ningunha
Así as cousas, tendo en conta as cifras de alumnado matriculado en Primaria, ESO e Educación Especial -niveis aos que lles afectan estes subsidios- que manexa Educación, isto quere dicir que hai case 86.000 estudantes que non recibirán axuda ningunha, o que non quere dicir que os restantes teñan, nin moito menos, libros de balde. Para atender a este continxente de estudantes e tamén ás familias ás que a achega da Xunta non lles chega para mercar todos os manuais, numerosas asociacións de pais e nais e concellos están xa a artellar dende hai meses múltiples bancos de libros.
Un recorte orzamentario do 25%
A menor cobertura das axudas é consecuencia lóxica do recorte orzamentario que departamento que dirixe Jesús Vázquez lle aplica en 2014 a estas axudas para mercar libros e material escolar. No ano 2013 esta partida orzamentaria dispuña dun crédito de 12,8 millóns de euros, pero desta volta diminúe ata o 9,5, resultado de sumar os 8 millóns para axudas á compra de libros ordinarios e o millón e medio achegado para "libros de texto electrónicos". En síntese, un recorte do 25%.
Os recortes anteriores tiveron que ser paliados por achegas extraordinarias a final de ano
A tesoirada da Consellería é máis intensa que entre 2012 e 2013, cando foi dun 8%. Esa diminución implicou que os cartos para facerlles fronte ás solicitudes de axudas non fosen suficientes, obrigando á Xunta a realizar unha achega extraordinaria neste mes de outubro. O mesmo veu acontecendo todos os anos dende a fin do programa de préstamo. Isto non impide, así e todo, que o Goberno volva mermar os recursos no seu proxecto económico para o vindeiro ano.