En maio de 2011 a Xunta decidía implicarse de cheo na dotación de servizos como saneamento, abastecemento ou rede viaria ás vivendas construídas en tres parroquias do Concello de Barreiros: San Cosme, San Pedro e San Miguel. Este privilexiado entorno costeiro foi o laboratorio das construtoras que tentaron, sen éxito, o que se deu en coñecer como marbellización da Mariña, un fracaso empresarial cun enorme impacto no territorio que tivo como orixe a concesión ilegal de licenzas para case 6.000 vivendas nun municipio de 3.200 habitantes. O pasado xuño o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditaminaba a ilegalidade do procedemento impulsado polo Goberno galego, que agora o presente como un simple defecto burocrático.
A forma xurídica empregada polo Executivo para o investimento público en Barreiros -14 millóns de euros dos que o 40% era da Xunta, o 10% da Deputación de Lugo e o resto, do Goberno central e dos promotores- foi o do plan de incidencia supramunicipal. Despois de frear a batalla xudicial emprendida polo bipartito contra as ilegalidades urbanísticas barreirenses, que conseguiu frear máis de 3.000 daquelas casas, o gabinete Feijóo trazou unha operación que Adega levou ante o alto tribunal galego. O Superior considerou que aquela aprobación non fora "conforme a dereito" e "tal circunstancia determina que caiba apreciar na actuación da Administración demandada unha desviación de poder".
O bipartito deu paralizado unhas 3.000 vivendas ilegais no municipio e Feijóo freou as demandas
A Xunta, sempre atendendo á sentenza, tentoulle dar "cobertura legal" a un "problema" que se orixinou cunha "actuación do Concello de Barreiros que esta Sala considerou non conforme á legalidade nos casos en que tivo que axuizala de forma definitiva". Esa mesma ilegalidade xa a advertira a secretaria municipal sen que o alcalde, Alfonso Fuente (PP), mudase o rumbo. Pero segundo a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas pouco máis houbo que un erro de procedemento.
A Consellería dá por avalado o urbanismo de Barreiros cando se aprobe o PXOM do Concello
Nunha resposta parlamentaria aos deputados do BNG Ana Pontón e Cosme Pombo o departamento que dirixe Agustín Hernández argumenta que "o TSXG tan só rexeita o procedemento seguido para acadar a finalidade pública", considerando que o devandito plan de incidencia supramunicipal "non é a correcta [o Tribunal di que non é a legal], sendo máis propia a actuación perseguida dun instrumento de ordenación urbanística, como é o plan de ordenación municipal". Así as cousas, tras a sentenza a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio "instou o Concello de Barreiros a impulsar de forma decidida" o seu PXOM, "para o que contará con todo o apoio" do Goberno.
A tramitación deste PXOM está "avanzada", asegura a Consellería, e disponse a cumprir cos trámites legais para que se poidan chegar a "acadar as aprobacións municipais plenarias iniciais e provisionais, que sirvan de base para que por parte da Consellería (...) se poida aprobar definitivamente o PXOM de Barreiros". Unha vez feito iso, cabe deducir da resposta, xa non haberá reproche posible ao urbanismo da zona, malia ao seu innegable impacto ecolóxico, paisaxístico e socioeconómico.