O pasado 22 de outubro o deputado David Fernández Calviño, cabeza de lista de Alternativa Galega de Esquerda por Ourense, anunciaba a súa inminente marcha do Parlamento. Deixaba o escano que lle correspondera tras as eleccións de 2012 para reincorporarse á súa actividade científica, aínda que emigrado en Dinamarca. Nese momento, no seo do grupo parlamentario da AGE deuse por sentado que ía funcionar o mecanismo interno que, afirmaban, fora pactado para asegurar que os eventuais relevos de deputados e deputadas garantirían a correlación interna de forzas que ditaminaran as urnas, isto é, catro escanos para Anova e cinco para Esquerda Unida. Pero o automatismo ficou bloqueado cando a número dous da lista ourensá, Carmen Iglesias, anunciou a súa intención de ocupar o escano que legalmente lle corresponde, o mesmo do que tomou posesión este luns, case 60 días despois, coa regulamentaria promesa de acatamento da Constitución e do Estatuto.
O que ía ser unha remuda e un síntoma de normalidade na coalición converteuse nun conflito que, ao contrario dos vividos nos últimos anos nas forzas da esquerda e do nacionalismo en Galicia, non tiña nada que ver con cuestións ideolóxicas ou de liña política. En varias intervencións públicas Iglesias afirmaba que o acordo relativo ao mantemento da correlación de forzas nunca existira ao tempo que denunciaba que a dirección de EU a "presionaba" para renunciar ao escano. Mentres, no Parlamento, o grupo da AGE decidía adiar a marcha definitiva de Fernández Calviño, chegando a ter sobre a mesa a posibilidade de que compatibilizase a actividade universitaria en Dinamarca e a parlamentaria en Compostela. Alternativa estaba xa no medio dunha tormenta perfecta que, admitían, xa erosionaba a súa posición política e lle daba ao PP unha munición doada de utilizar, a comezar polas sesións de control co presidente da Xunta.
Iglesias asegurou descoñecer o acordo sobre a correlación de forzas no seo do grupo parlamentario
Neste contexto, e co asunto xa alimentando titulares e faladoiros, Xosé Manuel Beiras comparecía ante a prensa o 13 de novembro para anunciar que as idas e voltas de David de Toén ían rematar o 30 de novembro e confiar en voz alta en que Carmen Iglesias reconsiderase a súa postura. "Sigo crendo no ser humano", aseveraba, ao tempo que lamentaba a "campaña" que, ao seu xuízo, se formara en torno ao conflito, afectándolle máis "ás organización" que forman AGE que á propia cidadanía, dixo. Pero Iglesias non cedía e, menos dunha semana despois, Esquerda Unida suspendíaa cautelarmente de militancia. A histórica comunista ourensá estaba máis lonxe da súa organización e o Parlamento, máis preto da creación dun Grupo Mixto unipersoal.
Mellor dentro que fóra?
Lonxe de afrouxalo, a suspensión de militancia tensou aínda máis o tirapuxa. O indisimulado intercambio de críticas entre Iglesias e a dirección de EU foi medrando en intensidade nos días previos a que, finalmente, o 9 de decembro a nova deputada recollese as súas credenciais e anunciase a súa intención de pedir a incorporación ao grupo de AGE, se ben "son eles os que me teñen que aceptar", evidenciaba. Mentres, nos corredores do Pazo do Hórreo comezábanse a escoitar voces que analizaban o conflito dende un novo prisma: Alternativa sufriría unha erosión moito maior se Iglesias ía ao Grupo Mixto, coa visibilidade que isto supón, que se é incorporada ao grupo que encabezan Beiras e Yolanda Díaz procurando, co tempo, que o contencioso fose ficando diluído.
Beiras abriu a porta á incorporación de Iglesias para non ir contra os seus "dereitos legais" malia "conculcar" os acordos da coalición
Esta posibilidade foi, precisamente, a defendida por Beiras ante a prensa o 12 de decembro. A aceptación ou non dun novo membro nun grupo parlamentario correspóndelle, en última instancia, ao voceiro dese grupo, evidenciou. E el, como voceiro da AGE, non ía actuar contra os "dereitos legais" de Iglesias, que malia "conculcar ostensiblemente" os acordos da coalición se incorpora ao lexislativo para defender "o mesmo programa" que o resto de parlamentarios de Anova e EU. As súas "conviccións democráticas", salientaba, levábano a tomar esta determinación. Ante esta conxuntura, Esquerda Unida non ocultou a súa "sorpresa", pero dous días despois amosaba relativa disposición a reconsiderar o expediente de expulsión no caso de haber acordo coa formación que encabeza Beiras. Mentres, un grupo de militantes ourensáns do Encontro Irmandiño desmarcábanse da decisión, anunciando a súa intención de abandonar o EI, aínda que manténdose en Anova.
Neste contexto, e tras confesar sentirse "como un polbo nun garaxe" e un chisco soa, Iglesias ten ata cinco días para pedir o ingreso no grupo de AGE, onde en principio non desexaría figurar como "independente", senón como membro de Esquerda Unida. Mentres se decide a súa expulsión ou non de EU a nova deputada votará co grupo da AGE, cuxas formacións proseguen os contactos internos e entre si para dilucidar -tamén xunto aos Ecosocialistas e Equo- de que xeito suturan a súa primeira ferida e ata que punto as súas costuras fican á vista para o resto da lexislatura.